fin de semana
Do venres 18 ao domingo 20 de xullo de 2003
Sesión Vermú
Comeza a etapa dura das festas. Con portos de montaña coma Ortigueira ou Santiago, a ver quen chega ao esprinte final.
USA A NOVA
Imprimir
Enviar
Consulta as anteriores publicacións do suplemento da Fin de semana
Folqui si, pero…



Pois si, señores, esta fin de semana pasada tiven a mesma idea que outros 99.999 fulanos de ir ao festival de Ortigueira. Teño xurado non volver, pero para que vexan o que valen os meus xuramentos: prometéronme hoteliño, papeo e acreditación a cambio dun curro que nin paga a pena contarlles porque non foi tal, e alá fun, chave de hotel en man. Chámenme pija se queren, e terán toda a razón, pero a estas alturas nin as miñas costas nin os meu biorritmos me permiten pasar unha noite en tenda de campaña con 150 iembés zumbando ao meu redor sen estar toda a mañá seguinte ladrando o meu rancor polas esquinas.



A verdade é que eu son máis de orquestra de pachanga que de arpa e violín, e ata o día que traian á París de Belfast ou á Sintonía de Brest non serei de todo partidaria da música celta. Pero tanto ten. Nin que á metade da rapazada que había alí concentrada (50.000 fulanos) lle importase un farrapo de gaita a música do festival. O desfile de gaitas máis aclamado debeu ser o dos 100 Pipers pola zona de acampar, que por atoparse a 2 km do palco do festival xa está considerada como zona de festa alternativa, con gaiteiros espontáneos, alcol mercado no DIA a varrer e os famosos iembés, que, de verdade, non entendo cómo practicando tanto a xente non aprende a tocar dunha vez.



Non me quero seguir metendo coa mocedá, nin cos folquis, nin sequera cos do iembé, porque a verdade é que o pasei bárbaro en Ortigueira, mirando para o gando que acode ao festival: dende os máis costras ata as señoras-pijas-de-ortigueira-de-toda-la-vida, que tanto van ver a Julio Iglesias nas festas do ano pasado, como se deleitan tomando uns cortos de sidra “mientras vemos pasar las gaitiñas”. No tema piercing-tatuaxe-pelaxes de todas as ídem hai moito, bonito e variado. E tamén en canto a nacionalidades, históricas ou non. Nesto tanto ten o país ou a extracción social: cunha gaita e un litro de kalimotxo montas festa onde sexa.



Mais non se preocupe, señora, se o seu rapaz lle dixo que ía a Ortigueira “ver unos grupos muy buenos” e lle volveu á casa feito un cisco. O kalimotxo é ás romarías de verán o que a partida de tute despois de comer: imprescindible. Falo xa non tanto de festivais folk (un invento de agora) como das famosas xiras e romarías campestres, xeralmente na honra dun santo. Somos un país cunha estraña capacidade de converter actos de devoción en auténticas bacanais. Da merenda con cadeira de lona e empanada pasouse ao botellón de piñeiral, consistente en subir durante varios cuartos de hora unha ducia de garrafóns de viño para logo vertelos por dentro e fóra da gorxa ata acabar caendo a rolos polo piñeiral mentres teus pais, tíos e demais familia entoan (é un dicir) os “catro vellos mariñeiros” entre termos de café e botellas de duralex cheas de augardente, co cal non sei quen acaba peor. Os tempos non cambiaron tanto, só a calidade do viño que se inxire.



O festival de Ortigueira, a Foliada de Lalín, a Festa Viquinga de Catoira, a Festa da Auga en Vilagarcía... non sigo porque seguro que vostedes están máis postos ca min nesto da molleira alcólica de verán. Mais para a fin de semana que vén prometo descansar e contarlles algo máis entrañable e familiar, que esta sección lena todos os públicos. E, sobre todo, porque se hai que preparar para ir botar uns foguetes ao Apóstolo. Páseno ben.


María Yáñez [correo]

Información
Noticias
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Lista de desexos
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org