Era, xa non é
Venres, 7.- Espero nun paso de cebra porque quedei con Nancy e con Rebeca para irmos ó teatro. Botei a tarde con Siño e con Gus en Pontevedra, no Café Moderno, intentando facer unha foto dun cadro de Laxeiro. Gus, no alto dunha escaleira coa cámara de fotos, Siño un chanzo máis abaixo e eu no chan, apontoándoos, mentres, de fondo, unha coral ensaiaba “Muñequita Linda”. As fotos non saíron ben, era lóxico. Despois fomos ó Pazo da Cultura ver a IFI, onde pasamos un tempo divertido, aínda que non entendín moi ben de que ía todo aquilo.
Como non descansei en todo o día, quedei un pouco adurmiñada mentres esperaba a Nancy e a Rebeca no paso de cebra. As liñas desdebuxábanseme como vistas a través da auga mentres, a ambos os lados da rúa, os peóns mirabámonos como se fosemos nómadas que se cruzan no deserto. As liñas borrábanseme como se, tirando dun fío de la, se desfixese un xersei nas miñas mans. A realidade estaba, agora xa non está.
Hamacas no Virginian
Sábado, 8.- Fixemos as reservas para o cruceiro. Xa non hai volta atrás. Comezara como unha broma e hoxe temos a data de embarque, o número do camarote e incluso sabemos a que hora imos cear todos os días da última semana de xullo. E a ruta que imos seguir. Sentímonos felices e bailamos como baila Lupe cando escribe. Incluso mamá —tan necesitada de descanso me debe ver— non me respondeu cando llo dixen coa pregunta de sempre: ¿e a vós que se vos perderá nun cruceiro?
Onte fomos ver “Novecento”, de Barico, ó teatro Galán. O actor, Serxio Zearreta, el só no escenarío cunha maleta e unha silla, conseguiu meternos no Virginiam e, aínda que en ningún momento tocou a trompeta, nós chegamos a ver como tocaba a trompeta. Tamén foi quen de marearnos con temporal no medio do Atlántico e de que escoitasemos a Danny Boodmann T. D. Lemon Novecento tocando o piano. Ó final resistímonos a abandonar o barco, e alí quedamos un tempo sentadas, como o pianista, enriba dunha caixa de dinamita. Despois, felices de ter presenciado algo fermoso, fomos comer tacos de boi con figos confitados. Machacamos ó pobre Ribao cos pormenores da nosa viaxe.
Antes de durmir borro unha liña máis do paso de cebra, desfago un pouquiño máis o xersei e pregúntome se no barco haberá hamaca para todos os pasaxeiros.
A Yamaha, papá e a lagareta
Domingo, 9.- A papá nunca lle gustaron os coches. Gustábanlle as motos e os barcos. Na bodega, ó lado da lagareta, aínda está a vella Yamaha na que foi traballar durante moitos anos. Antes da Yamaha, que a el lle gustaba dobrar nas curvas ata tocar case o asfalto cos xeonllos, papá tivo unha Vespa.Cando a mercou, a Vespa, meus irmáns e mais eu eramos aínda pequeniños como cereixas e tróuxonos, á parte da moto na que nos levou a dar voltas pola aldea e incluso nos deixou tocar a buguina, unha morea de globos e cores e formas impresionantes. Había un globo que era máis longo que doce chourizos xuntos e outro que era cor laranxa como as laranxas. Tamén nos trouxo piruletas e caramelos. Foi un día feliz, aquel de hai cincuenta mil días enleados nun fío de la.
Agora que os gromos estouran e papá xa ve as viñas cheas de uvas e a lagareta a rebordar de viño, pasa ó lado da vella Yamaha e acaríñaa. Séguea recoñecendo e apreciando, compañeira de breves viaxes, aínda que desde que pasara ás mans do meu irmán, hai tamén moitos anos, está pintada de azul e ten nun dos lados do motor a gran lingua distintiva dos Rolling Stones.
O que non hai na casa é ningún resto da gamela. Incluso quedou sen nome por culpa do olvido.
Illa Trapobana
Luns, 10.- Unha vez á semana, cando teño unha tarde lenta e vagarosa, sento a ler os meus blogs favoritos cunha cunca de te e cun cigarro. Ás veces levo sorpresas desagradables porque intento entrar e algúns deles xa non están. Desapareceron. Sáeme na pantalla a advertencia: Not found. Algúns volven aparecer algún tempo despois, renovados. Outros seguen not found durante todas as semanas pero eu insisto, por se acaso. Teño unha sensación curiosa cando me pasa iso: paréceme que son soldados anónimos que caeron cribados nunha batalla, ralliñas brancas borradas nun encerado. Eu que sei. Chego a sentilos tan próximos que case me parece unha traizón que desaparezan sen ningún aviso previo. Esquezo que os blogs son efémeros, como a vida mesma.
Trapobana (http://www.trapobana.blogger.com.br) segue aí. Espero que a súa illa resista todos os temporais, todas as nostalxias e que Sao Tomé siga descubrindo a flora e a fauna autóctonas. A illa Trapobana non aparece en ningún mapa por iso é unha tregua, un espazo libre como un paso de cebra, un descanso despois de pedalear durante días para chegar “a algunha caste de meta”. “E volto-me deitar tarde, e canso, e sozinho e sem porto e com pouca queixa, agradecendo o bom sentido que nom me permitiu seguir a noite, e pregando-lhe à minha saúde um bocadinho mais de ressistência, que já está, que já passa, que já chegamos aginha a algumha caste de meta“, en palabras do propio Sao Tomé, o habitante único, que eu saiba, dunha illa única, aínda con tantas cousas por descubrir.
Quería contarlle a Sao Tomé a miña relación cos couselos —os “embigos de venus” que medraban no seu tellado polo menos o día 6 de maio. Quedará para a semana que vén. Hoxe dedícolle, para que baile un pouco, “Garota de Ipanema” en versión de João Gilberto e Stan Getz.
Non borro os blogs not found da listaxe de favoritos.
A Biblia en Dauphine
Martes, 11.- Busquei na rede información sobre o Renault Dauphine. Cómpreme saber se as letras prateadas coa marca do coche estaban escritas na parte de diante ou na de atrás. Non o lembro. Recordo a cor verde botella do coche do tío José María e que viaxamos nel, alá a finais dos sesenta, todos estruchados para ir ver “A biblia” a Vilagarcía. A mamá e a papá facíalles moita ilusión ver a película e ós nenos que naceramos metéronnos, apertados como boliñas de miraguano, nos asentos de atrás con papá e mamá. O tío José María conducía e a tía Moncha ía no asento do lado. Pero non é isto o que quería contar.
O que quería contar é que buscando datos sobre o Dauphine atopei un libro que se titula “El barbero de Picasso”, que fala da amizade entre o pintor e o seu perruqueiro, Eugenio Arias. Como cada vez que ía cortar o pelo os clientes do Salón Arias cedíanlle a vez a Picasso, cousa que ó pintor lle molestaba moito, o perruqueiro propúxolle ir cortarlle o pelo á súa casa. O pintor aceptou e, para que non fose andando, regaloulle precisamente un Dauphine.
En google, ese mundo inabarcable como un bico —a asociación do substantivo bico e ó cualificativo inabarcable débolla a E.E. Cummings e a un querido intermediario entre o poeta e mais eu— atopei a palabra Dauphine, falando neste caso dunha rúa de París, no poema homenaxe que Xulio Cortázar lle dedicou a Alejandra Pizarnik cando morreu:
“Vení, quedate,
tomá este trago, llueve,
te mojarás en la rue Dauphine,
no hay nadie en los cafés repletos,
no te miento, no hay nadie”.
Alejandra e mais eu seguiremos atopándonos de vez en cando na rúa, en fronte a unha da outra, como nómadas que se saúdan no deserto.
Unha tregua na batalla
Mércores, 12.- Os pasos de cebra son lugares nos que estás a salvo, relativamente. Un coche non pode atropelarte cando estás cruzando un paso de cebra e, se te atropela, o condutor ten que pagarche unha boa indemnización por mandarte ó hospital. O malo é se te matan. Nun paso de cebra non es inmortal. Tampouco es invisible. Dígoo porque hoxe estaba esperando para cruzar e en fronte, ó outro lado da rúa, vin o mesmo tío que subiu ó bus hai un par de meses e co que nunca teño ganas de falar. Non quero atoparme con el porque sempre me di o mesmo:
—Cóntame, ¿que fixeches todo este tempo?
E eu sempre respondo a mesma estupidez.
—Nada.
Como se botase todo o tempo morta. Xa sei que só é unha pregunta de cortesía pero hai veces en que dan ganas de collelo dun brazo e largarlle alí mesmo, no medio da rúa, todo o que fixen, hora a hora, dende a última vez que nos vimos. Esgotalo e sacarlle a maldita manía de preguntar sempre o mesmo. Eu sempre lle respondo “nada” porque o coñezo e sei que é o mellor, porque se en lugar de “nada” lle digo calquera outra cousa é el o que me agarra do brazo e me conta, hora a hora, todo o que fixo dende a última vez que nos vimos. Por iso o evito e por iso o quero ver lonxe. Polo menos ó outro lado dun paso de cebra que non sexa o mesmo que eu vou cruzar.
Brando bórrase
Xoves, 13.- As persianas caen sobre un ceo confuso de colores e con intencións de ser mañá un ceo soleado. Soan as campás de Santa Clara e recoñezo que a esta hora é fermoso escoitar campás en Compostela, como pode ser fermoso escoitar “Riverside” de América que algún nostálxico do patio pon mentres prepara a cea. Brando mírame dende o peitoril da ventá, onde aproveita os últimos raios de sol, fraquiño e calvo: aínda non recuperou o manto de pelo e supoño que, á súa idade, xa non o recuperará nunca. Está tan vello. Aniña en calquera recuncho quente, na miña cama, entre os xeranios, en calquera raiola que consegue coarse a través das persianas.
Agora que os ollos da miña sobriña Rita porfían en ser de cor verde, os ollos de Brando disólvense, vanse borrando, réndense. ¿Pode unha persoa renderse de estar viva? Lembro unha velliña centenaria que dicía, cada vez que a atopabamos a monear no mazadoiro diante da súa casa, que estaba cansa de vivir, que xa ía sendo hora de que Deus a levase. Iráseme borrando Brando, lentamente, e só quedará durante un tempo un oco quentiño sobre o xersei que xa non existe.
Déixovos, para espertar mañá, a Cab Calloway cantando “Minnie the moocher”.
Anxos Sumai [correo]
|