fin de semana
Do venres 4 ao domingo 6 de xuño de 2004
Anxos... de garda
Déixate levar pola escrita de Anxos Sumai e voarás sobre campos de paoulas, viaxarás en tren, perderás un autobús, asístirás a unha primeira comuñón e farás moitas cousas máis. O percorrido semanal das letras de Anxos Sumai engancha pola súa alquimia literaria de elementos íntimos e universais, de escenarios comúns pero só capturábeis a través da experiencia.
USA A NOVA
Imprimir
Enviar
Consulta as anteriores publicacións do suplemento da Fin de semana
Día de chineses
Venres, 28
.- Unha fermosa canción para cerrar este día en que a penas recordo o que fixen: Rod Stewart (esta vez da man de Morris). Foi un día precipitado, desordenado como o caixón dos calcetíns: os tempos e os espazos amoreáronse, ó chou, uns enriba dos outros. Un día especialmente caótico e cheo de présas, da casa ó traballo, do traballo ó burguer e despois, de novo, ó traballo e á casa a facer a bolsa de viaxe, recoller o cerebro que gardei hai uns meses nunha carpeta laranxa, os billetes do talgo e o pasaporte para a nave nodriza. E os regalos para Tite, que mañá fai a primeira comuñón.
O bus sae ás nove e ás nove menos dez estou aínda esperando que sexan as oito e media para ir á estación. Perdín a noción do tempo e, cargada e lenta, cheguei xusto para ver como o autobús marchaba e me ignoraba. Non estaba soa. Un par de mozos chineses, cunha bandexa de comida na man, tamén corrían detrás do bus. E nin caso. Alí quedamos, cansos e suorosos, os chineses e mais eu.
Siño e Gus trouxéronme a Catoira e agora estou na cama, mirando o teito e deixándome levar, como o pétalo dunha papoula, na voz de Rod Stewart.

Fotos para Tite
Sábado, 29
.- Espertei cedo, sobre as oito da mañá, cando mamá entrou no meu cuarto a traerme un zume de laranxa, nun xesto repetido nos últimos meses que me produce unha inmensa tenrura. Érgome, como sempre, somnolenta e malhumorada, pero cando vexo o guapos que se puxeron os meus pais e o nerviosos que están, fago o imposible por ser amable. Eles non teñen a culpa, ninguén ten a culpa de que onte pola noite, entre o cansazo do día e os ruídos do monte, apenas puidese durmir. Os soños tampouco foron precisamente apacibles.
Marchamos á Poio, á comuñón do meu sobriño. Tite estaba moi serio e elegante co seu traxe de mariñeiro. Sentíase responsable como se, dunha hora para a outra, se convertese nun adulto. Eu non lembro nada do que me pasou pola cabeza cando fixen a primeira comuñón. Levaba un deses vestidos de noiva pequeniña e o pelo longo recollido en dúas trenzas. Pero iso creo que o sei de velo na única foto que me fixeron na igrexa. A única, porque o fotógrafo non deu chegado ata a nosa casa para retratarme cos convidados. O pobre, que tiña que fotografar outros nenos e outros convidados, enleouse en todas as sobremesas e non chegou nunca á casa dos meus pais, que é a última da aldea. Así que quedei sen fotos. Estiven esperando por el moitos días e non deixaba que mamá gardase o vestido por se acaso aparecía, pero non apareceu. Agora xa non pode vir, porque morreu hai moitos anos.

Fardelo nos xeonllos
Domingo, 30
.- Querido Han Solo: hoxe a túa nave interestelar convértese no vagón 19 do Talgo que vai a Madrid, camiño da nave nodriza. Acomodo o meu cerebro e a miña bolsa de viaxe no portaequipaxes e sento a esperar o primeiro sopor que me produce a obsesiva nana do tren. Sempre que subo ó tren quedo durmida. Durmo todo o traxecto entre Santiago e Ourense; despois esperto e como un bocata e unha mazá e, despois, saco da mochila un fardelo de páxinas de papel e ábroo sobre os xeonllos. Levanto os ollos da lectura na Gudiña e en Puebla de Sanabria; en Zamora comezan a parecer as papoulas, tan vermellas, e distráenme. Fumo un cigarro e miro a través da ventá as longas alfombras de herba e flores que se estenden ata a sombra das aciñeiras. Descanso mol e retorno á lectura.
Cando cheguei a Madrid xa acabara de ler todas as palabras que se me pousaran nos xeonllos e durmín como un pétalo de papoula esmagada por unha sementadora.


A sabedoría do quiosqueiro
Luns, 31
.- A nave nodriza ten o seu nome escrito enriba da entrada principal: Clínica Puerta de Hierro. É demasiado cedo para ser nada: nin optimista nin pesimista. Sen embargo, supoño que polo dramatismo, polo medo, todos somos amables con todos. Merco un xornal para entreter a espera e o quiosqueiro, afeito a tantos dramas, xa sabe que non almorcei e, pola miña mirada, recoñece as paisaxes que atravesei onte pola tarde. Sorrime e devólveme o cambio coa mesma voz cálida coa que me reciben os tripulantes de batas brancas e verdes.
Todos temos un esqueleto dentro e unha morea de soños e tantas viaxes, e tantos pinchazos nas veas e tanto desconcerto nas engurras da fronte. Se polo menos tivesemos todos tanta paz, querido Han Solo, a paz que me dá unha longa viaxe entre papoulas.
Fóra da clínica unha vella arrastra un carriño de bebé ata o colector de lixo. Eu espero detrás dunha ventá.

Un alfinete no cerebro
Martes, 1
.- O meu cerebriño saíu por fin da carpeta laranxa a media mañá. Colgárono diante dun cristal e prenderon unha luz para que todos o visemos ben. Hai tantos anos que se repite este xesto, que os tripulantes da nave nodriza saben que non quero que me oculten nada. Nunca o quixen, nin sequera nos momentos máis duros. Daquela cumpríame saber que cara e que armas tiña o meu inimigo para poder enfrontarme a el.
—Mira, Anxos, ¿lo ves? Es tan pequeño como la cabeza de un alfiler.
Si. O certo é que apenas se ve o inimigo e vou celebrar a súa derrota cun café con leite, torradas e marmelada. E de novo ó tren e ás papoulas dos campos de Castela e ó bocata despois da primeira sesta. E é todo tan fermoso. De pronto sinto ganas de chorar. Penso en min, no meu cerebro ferido e sinto unha enorme tenrura e choro. Nunca antes sentira tanta tenrura por min, pola miña fraxilidade, polas miñas veas furadas, pola miña dor, pola miña forza, polas miñas ganas de vivir, polas miñas noites de insomnio, por amar e por gritar. Por min.
Cáenme as bágoas porque sei que só é unha tregua. Pero son tan feliz...

O son das escaleiras
Mércores, 2
.- Eu vexo pasar o tempo diante miña, podo contalo con imaxes porque os días e os anos deixan rastros para a mirada. Incluso deixan pegadas para o olfato. E hoxe, dende que a fada do pelo negro me contou, ó outro lado do teléfono, que ela oía o paso do tempo comprendín por que ás veces sinto tanta angustia cando estou na casa de Catoira. É polo son dos pasos na escaleira, o son dos pasos dos meus pais. ¡Como foron cambiando cos anos! Como foi cambiando o seu ritmo, como abandonaron as présas, a axilidade, ata chegar ó lento levantar das pernas, ó demorado pousar dun pé esperando polo outro nun chanzo da escaleira. E detrás deles, as chaves xirando nas portas que papá vai cerrando no vagaroso traxecto dende a cociña ata a cama. É o son do medo de ser vellos, de ser vulnerables por seren débiles. Iso foi o que a fada do pelo negro me dixo que escoitase. E escoiteino agora mesmo, no ruído do bater de ovos no patio e nos grallos das gaivotas que voan cara ó sur.

Rectifico papoulas
Xoves, 3
.- Nancy tróuxome un agasallo da súa viaxe a Salamanca. Tróuxome unha rá verde e mais un libro: “Diario de mi vida” de Maria Bashkirtseff. E, dentro do libro, dúas papoulas. É a mellor maneira de conservalas: atrapalaa entre un par de papeis para que queden tesas e perdure a súa beleza case intacta e case eterna. Como as palabras, e por iso escribimos. Como os momentos, e por iso facemos fotos. (Falando de fotos teño que corrixir o título da exposición que fun ver o venres da semana pasada á Igrexa da Universidade. Titúlase “Pedro Brey. A parroquia retratada").
Aproveitando a vaga de calor e que os meus gatos se entreteñen matando mosquitos, vou desinchar os pé ó río de Camelot e a mimar o limoeiro que me regalou papá. Con Rod Stewart: “As time goes by”. E a voz dunha tripulante da nave nodriza ecoándome no pelo:
—Mira, Anxos, ¿lo ves? Es tan pequeño como la cabeza de un alfiler.

Anxos Sumai [correo]


Información
Noticias
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Lista de desexos
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org