Asunto: Encomenda lingüística

Compostela, 23 de marzal do 1961

Meu querido Avilés:

Hoxe póñoche unhas liñas pra che facer unha encomenda lingüística en relación co vocabulario da curtición de coiros, industria tradicional nesas terras noiesas. Verás, trátase do seguinte: o profesor J. L. Pensado, que está traballando sobre temas do noso idioma, e que lle interesan porque tamén il é galego, ten aitualmente entre mans un traballo sobre as palabras GOLDRAR, GOLDREIRO e GOLDRO. O alemán Spitzer fai derivar GOLDRAR de COLORARE. Pensado anda dándolle voltas a todolos problemas etimolóxicos e semánticos relacioados con esas palabras e derivados.

Eu fixen pescudas en Pontedeume e máis en Allariz, onde o noso bó amigo Pepe Nogueiras ten unha importante industria de curtición. Il mesmo aconselloume que pescudara tamén pola zona de Noia e indicoume o nome de José Fernández Juanatey (Pepito Rubico), inda que polo visto ahí hai así como trinta fábricas de curtume. Queríamos saber istes datos:

1) ¿Emprégase entre os curtidores o verbo GOLDRAR?

2) ¿Hai algunha sustanza que se chame GOLDRO
ou GOLDROS?

3) ¿Úsase a palabra GOLDREIRO pra desiñar ó
curtidor?

Conviña que fixeses unha pescuda fonda sobre o particular, falando con varios curtidores. Tamén de paso, conviña que recolleses todo o vocabulario relacioado coa operación ou coa industria do curtume. Refírome ó vocabulario galego, pois os nomes técnicos das máquinas non interesan. Si fas o favor envíasme os datos que recollas.

Mándoche un programa da leitura que onte se fixo en Fonseca de Orestes do rapaciño lugués, estudante de 2º de Filosofía, Arcadio López-Casanova. Houbo moita xente e resultou espléndidamente ben. Aituou brillantemente a nosa amiga Merche.

Estivo eiquí tres ou catro días o poeta do Caurel. Viña coa irmá ó médico. Traguía o seu novo libro Elexías do Caurel, que é bó.

¿Que é da túa vida?

Unha forte aperta do teu amigo e irmán.

Ramón Piñeiro.

 

Ramón Piñeiro : cronobiografía e cartas
Ed. Luís Alonso Girgado, Teresa Monteagudo Cabaleiro
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística : Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades