Asunto: os cregos do Ribeiro
Compostela, 29-IV-1968
Benquerido Carlos:
Acabo de recibir a tua carta, que me emocionou fondamente. Escríboche co corazón conmovido polas cousas 80 que nela me contas. Xa sabía, si, do labor dos cregos do Ribeiro. Bastante xente me falou diles, sempre con admiración e loubanza. Pro a túa carta é moi distinta, porque me fixo talmente vivir a maravillosa xornada que nela me contas. Con xente así, podemos confiar no futuro dos nosos compañeiros. Ó cabo de moitos séculos de servidume espritoal –ademáis das outras–, van atopar mans amigas que, xunto coa benzón, lles ofrecen axuda fraterna. De ahí xurdirá unha Galicia nova, diñificada polo cristianismo verdadeiro, o que cré na caridade, na xusticia, na libertade como supremos bens temporás do home.
Mándoche o libro de Emilio. Sei que che ha interesar. Si fas o favor, cando publiques o comentario non deixes de me mandar o recorte do artigo, en primeiro lugar pra o ler e logo pra llo mandar ó autor do libro, que nada lle interesa tanto como os comentarios que se fagan en Galicia.
Non sabes canto me alegro de saber que estás animado e que escribes. Lémbrome moito de ti e sempre teño preocupación por saber si escribes ou non, si estás animado ou non. Ti tes que escribir moito, non só porque escribes con verdadeiro talento literario –que xa sería dabondo– senón porque contas con unha gran riqueza espritoal que debe dar froitos pra todos nós.
Unha forte e cordial aperta do teu amigo
Ramón.
Ramón Piñeiro : cronobiografía e cartas
Ed. Luís Alonso Girgado, Teresa Monteagudo Cabaleiro
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística : Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades