Asunto: Xubilación de Fermín Penzol

Compostela, 12-VII-1972

Benquerido Rafael:

Andabamos a voltas coa idea de nos xuntar co Fermín Penzol en Vigo, na sua Fundación, para celebráremos de maneira sinxela e cordial o seu retorno a Galicia con motivo da xubilación.

O Cilistro apuntaba a data do 22 como acaída para eles, que tiñan que se trasladar desde Lugo a Vigo. Mas, nos mesmos días en que nós falabamos en Sada do libro galego o Fermín estaba en Santiago nas mans dos médicos, que lle diagnosticaron un tumor de vexiga –nada sabemos aínda da sua benignidade ou malignidade– e mandárono a Barcelona para ser operado. Con este motivo, o plan da xuntanza viguesa quedou anulado. Tratábase de lle entregar un libro feito para el –que tantos libros nos entregóu a todos–, e decidimos entregarllo de contado e sin xuntanza algunha. Por ser o máis amigo, eu mesmo llo entreguei en nome de todos.

Xa está internado no sanatorio. Eu falei con el por teléfono e atopeino sereno e animado. Coido que o operarán nestes días. Aínda temos a espranza de que se trate dun tumor benigno.

 Eu aínda non falara contigo da xuntanza viguesa –en realidade só tiña falado con catro ou cinco persoas–, mas por si algunha destas persoas che falóu, por eso che quero espricar todo o ocurrido. Agora, en lugar de pensáremos en organizar a xuntanza viguesa estamos agardando novas de Barcelona.

Teño ganas de botar unha parrafada contigo. Calquera tarde que me cadre axeitada achégome ahí e chámote.

Saúdos a Carmen e de Isabel para os dous. Para ti unha forte aperta de

Ramón

 

Ramón Piñeiro : cronobiografía e cartas
Ed. Luís Alonso Girgado, Teresa Monteagudo Cabaleiro
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística : Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades