Asunto: Agradecemento polo ingreso na Real Academia Galega

Compostela, 27-4-53

Querido Manoel María:

Recibín a tua carta felicitándome pol-o da Academia. Agradézoche a felicitación pol-o que ten de refrexo da túa natural cordialidade, inda que o motivo, n-iste caso, non pode ser máis intrascendente. Xúroche que non hei de caer na tentación de poñer, debaixo do meu nome, "de la Real Academia Gallega". Estou de acordo contigo en que ise "Real" organismo percisa de alento vivificador. O que xa non atopo tan atinado é que imaxines que a miña hipotética incorporación ó grupo nada reducido, por certo, dos numerarios, podería influir pouco nin moito na vida asmática da Academia. Outros contemporáneos meus xa che están dentro, i-eu vexo que máis ben foxen de alí pra que non-os coma a cousa. Cando comencedes a chegar a ela vós os que agora sodes rapaces, que coincidirá co-a desaparición dos fósiles que hoxe abundan n-ela, será cando verdadeiramente se renovará o pulso da nosa Academia. Mentres, o único bó que se pode facer é traballar, canto máis e máis seriamente, millor, e non preocuparnos moito d-ela.

Hoxe mesmo falei co Borobó. Facía moito tempo que non-o vía, porque estivo na cama co gripe. Pergunteille pol-a xestión que che prometera facer e díxome que inda non tivera boa ocasión por mor da sua doenza, mais semella disposto a cumprir a promesa.

Xa soupera de voso viaxe conxunto a Vilalba porque veu a noticia nos xornás. Alégrome moito de que o pasedes tan animadamente como vexo que o ides pasando.

Novoneyra está eiquí, mais está hospitalizado e moi poucas veces o vexo. Teño no meu poder o seu libro Os Eidos, que é, pra o meu ver, un libro verdadeiramente fermoso.

Inda non vin a antoloxía de Varela Jácome. Vexo que ti xa a conoces e témome que teñas razón nos xuicios que fas, inda que o ton correspóndase co-a fogaxe propia dos mozos.

En xeneral, tanto en Galicia como en Portugal fixeron xuicios semellantes ós teus no tocante á Escolma de poesía galega. Quizáis teñas razón ó botar de menos unha meirande mostra de poesía de escarnio e maldicer. Ten en conta que ise é un mal caraiterístico de todal-as antoloxías que se fixeron. Pol-a nosa banda, temos mentes de o reparar oportunamente e adicarlle ó tema toda a importancia que ten de seu.

O libro de Fole sairá axiña e quedará moi ben. Estou moi ledo co-a súa publicación.

Ocupareime de que recibas o exemprar de Vamos que acaba de saír.

Unha aperta moi forte do teu amigo
Ramón

 

Ramón Piñeiro : cronobiografía e cartas
Ed. Luís Alonso Girgado, Teresa Monteagudo Cabaleiro
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística : Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades