Asunto: nova narrativa galega
Compostela, 3-II-1962
Sr. D. Basilio Losada
Barcelona
Benquerido Basilio:
Pola súa carta vexo que lles poñen pequenos e insistentes atrancos no seu labor. Non deixa de ser unha mágoa, pro en tódalas coleitividás, sobre todo nas que son tan amorfas como esa, sempre hai xentes que, por ruindade ou iñorancia, ven con malos ollos toda tentativa anovadora. De tódolos xeitos, por detrás desa sebe de cativeces ten que haber xente de esprito san e limpo que acollerá con entusiasmo e ledicia o esforzo da mocedade por anovar e diñificar a atmósfera espritoal do Centro. Val a pena que os mozos dean esa batalla. É ben seguro
que trunfarán.
Comparto os seus xuícios valorativos sobre a nova narrativa galega. O Merlín é, de certo, unha das máis fermosas cousas que se teñen escrito na nosa língoa. Tamén A esmorga é unha boa novela, unha obra lograda, como vostede sinala. Eu conocina no orixinal, porque nos foi enviada polo autor por si a queriamos editar en Galaxia. Nós intentámolo, pro foi refugada pola censura. Inda que aproveita a técnica de Camus e se inspirou,
máis ou menos inmediatamente, no “tremendismo” de Cela, o certo é que logrou unha obra ben feita, a mellor de cantas escribiu Eduardo Blanco Amor e unha das máis interesantes que se escribiron nos derradeiros anos en galego.
Pregúntame por Mourullo. Está en Madrid, de Axudante do profesor Del Rosal, consagrado á preparación prá cátedra de Dereito Penal, ó que lle ten gran afición. Coido que arredou toda aitividade ou inquedanza que seña allea á preparación científica e diplomática da cátedra, mais a min paréceme que, unha vez conquerido ise ouxetivo —il é francamente intelixente e sairá adiante—, non deixará de voltar á literatura, prá que
ten vocación e aptitudes. Trátase dunha persoalidade complexa: fortemente introvertido; moi intelixente; ambicioso; dotado dun amor propio tan hiperestésico como silencioso; moi cerebral no seu obrar, incluso no seu obrar literario, i ó mesmo tempo con un fondo temperamental apasionado e aínda unha miga turbulento; dun ego-tismo [sic] fundamental; inclinado íntimamente a unha visión crítica e bastante aceda da vida; pouco
dado á quentura xenerosa e cordial; moi reservado no pensar, moi cauteloso no obrar, moi desconfiado no interpretar. En fin, como pode ver trátase dunha persoalidade de rasgos moi acusados e dabondo polarizados entre sí pra crearen fortes tensións interiores. Si volta á literatura, como cabe agardar, poderá facer unha obra interesante, porque il non ten nada de vulgar. Pola contra, ten indudábel talento.
Sí; Mourullo, Ferrín e Suárez-Llanos son os tres narradores novos que teñen aparecido no noso horizonte literario. Onte chegoume, por certo, a novela de Camilo, que ten o solprendente título de Polo aberto mar da guerra fría. Polo de agora soio lin o título, pro debezo por ler o contido. Co iles apareceu Franco Grande, pro a súa prosa —que é escelente, quizais a de máis calidade— é máis poética e lírica que narrativa. Como
que Franco Grande é un espléndido poeta, como se comprobará cando saia o seu primeiro libro de versos. Il é o noso poeta aitual que máis fonda e orixinalmente ten chegado a unha poesía de raíz esencialmente filosófica. E tamén teremos que lle prestar atención á poetisa Xohana Torres como prosista. Eu conózolle os primeiros capítulos dunha novela e parecéronme de gran fermosura literaria. Escribiu tamén unha obra de teatro, que eu inda non conozo. Na poesía, en cambio, avanza cada vez máis nunha direición cerebral i hermética, inda que intere-sante. É muller de gran intelixencia e rexa persoalidade1. Mais non pense que soio temos poetas e prosistas. Tamén hai ensaístas novos que axiña comenzarán a agromar: Ramón Lugrís, Xosé Manuel López Nogueira2, Carlos Amable Baliñas son nomes que non tardarán en darse a conocer como vangarda do
ensaísmo galego. Na xeneración novísima —os menores de 20 anos— destacan polo de agora Arcadio López-Casanova e Marina Mayoral. Por certo que o Arcadio é veciño noso, pois é do Páramo.
Reparou vostede nas alusións do Barbeito a Galaxia e chamáronlle atención pola súa esencial inxusticia. Dúas cousas alporizan o ánimo do Barbeito no tocante ó grupo de Galaxia: o silenzo que gardaron en col da súa Guía de Galicia i o criterio de que literatura galega é a que está escrita en língoa galega. O silenzo arredor da Guía debeuse a que a moita xente pareceulle unha frivolidade inoportuna, nunha guía pra forasteiros
que queiran visitar Galicia, toda a disquisición que fai en col do naturalismo erótico das mulleres galegas, máis propio dun estudo sociolóxico ou de teoloxía moral que dunha Guía,
i a outra cousa de Galaxia que lle molesta —e que motivou esternamente os seus xuícios a que vosté se refire—, é o noso criterio sistemático de que a literatura galega é galega en función do idioma e non da xeografía, posto que o idioma é o esprito de Galicia i a xeografía non é máis que o corpo. Como queira que Barbeito é galego pola xeografía e non polo idioma, síntese lesionado polo noso criterio, que considera, máis
ou menos espresamente, “persecutorio”. E, dende logo, ademais distes dous motivos operan tódolos que vostede siñala na súa carta. A única salvedade que se podería facer polos que o conocemos e tratamos persoalmente é que, fóra dises prexuícios, il ten escelentes cualidás de orde persoal: cordial, servicial,
animoso, etc. Unha boa nova que teño pra lle comunicar é que os universitarios fixeron e siguen facendo xestións oficiás pra que se ensiñe o galego na Escola de Idiomas que funciona na Universidade.
Semella que tódalas Facultás suscriben a petición.
Os poetas están istes días moi inquedos co concurso universitario que se celebra niste mes. Por certo que iste ano hai un premio pra poesía catalana e outro pra poesía galega, xunto
co de poesía española i o de poesía hispanoamericana. Xa lería nos xornás os Premios Galicia, Cataluña e Madrid instituídos pola Fundación March. Non sei o que pasará co Premio Galicia. En lei dreita ninguén llo pode disputar a Otero Pedrayo. Si ises premios se desen por plebiscito popular, D. Ramón levaríao por aplastante maioría de votos.
Unha cousa que temos que facer é reiterarlle a D. Avelino Gómez Ledo a petición de que traduza os Evanxellos ó galego, como prometeu facer hai máis de cinco anos. Il é un crego moi distinguido, moi culto, bo humanista —tradutor de Virxilio ó galego— e poeta. Reúne tódalas condicións pra facer unha boa tradución. Eso axudará moito a que as mulleres se vaian familiarizando co idioma como vehículo espritoal superior, creban- do ise prexuício que teñen de o considerar como cousa rústica ou plebeia.
Bueno, meu amigo, cando teña vagar non deixe de me contar como van indo as cousas por ahí, que me interesa moito sabelo.
Unha forte e cordial aperta do seu amigo certo Ramón
P. D. O Carballo Calero está preparando o 2º tomo dos Inéditos de Pondal, inclúe sobre todo o epistolario. Mandoume hai tempo unha nota coa referencia de uns datos que lle interesan sobre a participación de Pondal no homenaxe a Balaguer, por si eu podía recabar a axuda de algún catalán que os percurase. Non teño a quen lle enviar a nota. Niste intre ocúrreseme enviarlla a vostede por si ten algún bilbiotecario ou bibliotecaria
amigos que lles fose doado comprobar os datos requeridos e copiar o poema. Si así for, podíallos enviar direitamente a Ricardo Carballo Calero —Colegio de Fingoy—LUGO.
Agradecerallos moito3.
Vale.
Fonte: Ramón Piñeiro e Basilio Losada
Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1984
Eds. María Xesús Lama e Helena González
Vigo: Xunta de Galicia / Galaxia, 2009