lg3 > Críticas > Calveiro, soñador de mundos do libro Rinocerontes e quimeras
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
RINOCERONTES E QUIMERAS
Ano de Publicación. 2007
Autor.
Marcos S. Calveiro
Xénero. Infantil-Xuvenil
Editorial.
Tambre-Grupo-Editorial Luis Vives
Coleccion.
Número de pax. 155
ISBN. 978-84-96772-17-5
WEB.
CRÍTICA
Calveiro, soñador de mundos
/14 - 5 - 2007/
Nun vagón de tren arrómbanse sete monstros de feira, sete nenos que antes foron o gran engado dun prodixioso circo creado por un home extraordinario. Baixo este contexto integran a historia vintedous capítulos que alternan episodios, temporalidades, escenarios e voces ben diversas que configuran, amais dunha liña interesante na literatura xuvenil, un mundo narrativo que o autor manexa con acerto.


Isabel Soto. Santiago


Marcos S. Calveiro repite editorial e colección na súa segunda achega á narrativa xuvenil, “Rinocerontes e quimeras”, para satisfacción dos lectores que descubriron o engado da súa prosa con “Sari, soñador de mares”, o seu debut no xénero. Nesta ocasión volvemos atopar un requintado texto, insólito entre os produtos que adoitan destinarse á mocidade.

Os paratextos anuncian xa o escenario da historia, converténdose en engadido funcional. Así, tanto a fotografía da capa, unha carpa de vistosas listaxes encarnadas e brancas, como a cita previa, do ilusionista americano Harry Houdini (1874-1926), evocan o mundo do circo. As palabras iniciais, asemade nos interrogan sobre a permanencia da maxia tras a morte dos magos, instauran tamén o xogo que se mantén na historia con outros personaxes, obxectos e acontecementos tirados da realidade.

Integran a historia 22 capítulos titulados que alternan episodios, temporalidades, escenarios e voces ben diversas. En primeiro termo, e como marco narrativo, o relato duns seres deformados, abandonados á súa sorte nun vagón de tren e nun arredado apeadeiro, esperando a chegada de Míster B, o dono do circo no que noutrora foron estrelas ata o día fatal do incendio. A súa espera godotiana non é porén absurda pois, recorrendo aos flash-backs, todos eles van presentando as súas conflitivas circunstancias persoais, marcadas polo rexeitamento e a violencia que provoca a súa deformidade entre os normais, e aos poucos aboia o seu interior. Nenopingüín, Nenasiamesas, Nenapaxaro, Nenolifante e Nenaxirafa “perderon os nomes hai anos, como perderon, tamén, o amor e a estima dos seus” e agora son custodiados polo carcereiro Balote, prisioneiro tamén sen sabelo.

En segundo termo cóntase a extraordinaria biografía de Míster B, dende a súa infancia ata que chega a ser, grazas ao seu enxeño e, por que non, aos golpes da fortuna, un grande empresario de circo, ese espectáculo que abraiaba o mundo enteiro en tempos xa distantes. O circo de Míster B mesturaba o ilusionismo, os autómatas e os prodixios da natureza coas máquinas máis asombrosas, nun tempo no que agromaba o culto ao progreso. Neste segundo fío narrativo, o texto ábrese nun abano de posibilidades e intertextos que insiren na ficción elementos reais. Velaí está o fascinio de Míster B polos enxeños mecánicos que pairan polas páxinas do libro e que acaba por contaxiar o lector: os paxaros de Heron de Alexandría, o león mecánico de Leonardo da Vinci, o parrulo con aparato dixestivo de Jacques Vaucanson, as creacións do suízo Pierre Jaquetz-Droz e os irmáns Maillardet, ou o antigo Galo de Estrasburgo, entre outros, marabillas abraiantes que espertan a nosa curiosidade. No periplo de Míster B coñecemos tamén episodios históricos curiosos, como o protagonizado polo rei portugués Manuel I o Afortunado perante o agasallo do rinoceronte traído das Indias, e mesmo ollamos a creación da xilografía do insólito animal realizada por Durero. Sabemos da habilidade de Marie Tussaud na realización de figuras de cera, moitas delas tiradas das vítimas da guillotina francesa, compartimos a aparición das entregas de David Copperfield e sorprendemos a Melville argallando a súa novela sobre a xigantesca balea branca, mentres traballa nas alfándegas neoiorquinas a carón dun aínda cativo B.

Como constata a solapa desta coidada edición, estamos perante unha “arañeira de mundos”, diálogos e referencias entretecidas –entre elas, o clásico “A parada dos monstros”– que configuran, amais dunha liña interesante na literatura xuvenil galega, un mundo narrativo que o autor manexa con acerto e do que agardamos con impaciencia novas entregas.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org