lg3 > Críticas > Tras a sombra da parodia do libro
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
Ano de Publicación.
Autor.
José Ignacio Cabano Vázquez
Xénero.
Editorial.
Coleccion.
Número de pax.
ISBN.
WEB.
CRÍTICA
Tras a sombra da parodia
/28 - 5 - 2007/
Mayoral mostra en "Case perfecto" unha complexa trama de sentimentos e intriga que une e desune aos membros dunha familia. Unha traxedia paródica da familia de clase acomodada pertencente ao mundo da chamada alta cultura, e da teima que parece ter en procurar a infelicidade. Páxinas que é complicado deixar de ler, que se devoran.


Montse Pena. Bangor

Unha profesora de universidade e escritora recoñecida redacta unha longa carta a seu fillo pequeno, que a acusa de ter provocado a morte de seu pai, un matemático de éxito A misiva vai desenrolando, mais tamén tensando, o nobelo da súa complicada vida familiar, marcada fundamentalmente por desencontros e silencios escuros, nunca pronunciados, que agochan as chaves mestras do mal entendemento entre nai e fillo. No interior destas coordenadas desenvólvese “Case perfecto”, a última novela de
Marina Mayoral en galego logo de “Ao pé do magnolio” (2004), que da mesma maneira ca esta, tamén nos convida a seguir a un personaxe polo vieiro das súas lembranzas.

A protagonista redacta a epístola que xera a narración como un xeito de defensa, pero sobre todo, de procura da verdade. E é precisamente neses capítulos iniciais, onde conviven reflexións sobre as fronteiras da arte (en concreto da literatura) e a súa relación coa vida real ao carón dos primeiros segredos debullados da familia, no punto en que atopamos unha novela máis interesante, máis fonda, máis viva. Mayoral emprega, como xa fixera outras veces, os seus abondosos coñecementos literarios non só para intercalalos entre as liñas da súa creación e establecer un diálogo intertextual con eles, senón para xogar a que a narradora é un “alter ego” dela mesma escasamente modificado. A autora xa colocara mulleres de semellantes características no papel protagónico noutras das súas obras, pois aí están a escritora por encargo Etelvina (de “La única libertad”) ou a novelista Lucila Monterroso (de “La sombra del ángel”), ambas orixinarias de Brétema (esa mestura de Mondoñedo, Santiago e Lugo con mar, onde ten ambientado moitas das súas ficcións).

Porén, neste caso, Mayoral semella ir un paso máis alá. As pegadas que vai deixando, aos pouquiños, para que o lectorado caia no brinquedo e se anime a participar na prestidixitación textual, son de diferente grao: dende as máis claras (a protagonista é, ao igual ca ela, unha escritora e unha académica experta en Rosalía, Pardo Bazán e Valera; vive en Madrid; viaxa con asiduidade a Galicia –a Brétema) ata outras un chisco máis sutís (refírese a “Víctor” como un dos seus editores galegos, dato que, para o lectorado coñecedor do mundo literario de noso non pasará desapercibido; ou reflexiona sobre os “desexos” dalgúns dos seus personaxes, que deciden por si mesmos o seu destino -idea sobre a que Mayoral ten recapacitado en diversas ocasións).


Intriga ben dosificada

Mais a obra posúe facetas ben diferentes á que acabamos de sinalar, porque “Case perfecto” é tamén unha desas novelas que é complicado deixar de ler, que se devoran nunha ou dúas tardes. Os motivos non son outros que unha intriga ben dosificada (derivada de que ata as derradeiras páxinas non coñecemos en qué circunstancias faleceu o pai e marido, namentres aínda nos esperan algunhas sorpresas), un afondamento psicolóxico nos personaxes moi acaído (e ao que xa nos ten acostumados a autora) e unha fervenza de aconteceres un tanto excesiva, aínda que certamente entretida. Contra o final, a historia enguedéllase demasiado, a pesar de que a escrita sinxela e accesíbel de Mayoral impide que o receptor se vexa desbordado polas traxedias cotiás e non tan cotiás dunha familia da alta sociedade, que apuntan á sombra dunha lectora implícita media que por veces se deixa ver no texto.

Non obstante, xustamente son esas traxedias, xunto coa ironía con que por veces son descritas, as que incitan a ler algunhas partes desta obra en clave de parodia: unha parodia da familia de clase acomodada pertencente ao mundo da chamada alta cultura, e da teima que parece ter en procurar a infelicidade. Só así os esfarelados lazos afectivos (os dun fillo pequeno que xa non a quere, os dun maior que está nas misións, os dun marido morto e os dun compañeiro en Australia) da protagonista-escritora coxa e con parche crearán o espello deformado en que ollarnos a nós mesmos e sorrirnos dende a distancia, irónicos.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org