lg3 > Críticas > A “Roseira” vos dono que eu fis á miña nena do libro Roseira do teu mencer
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
ROSEIRA DO TEU MENCER
Ano de Publicación. 2008
Autor.
Xosé María Álvarez Blázquez
Ilustración. Manuel Uhía
Xénero. Clásicos
Editorial.
Edicións Xerais de Galicia
Coleccion.
Número de pax. 104
ISBN. 978-84-9782-692-1
WEB.
CRÍTICA
A “Roseira” vos dono que eu fis á miña nena
/12 - 5 - 2008/
Estes son os poemas que Xosé María Álvarez Blázquez dedicou en 1950 a súa filla Mª Luísa con motivo do seu primeiro aniversario. Publicado por vez primeira na editorial Monterrey, da que el mesmo era cofundador, pode considerarse unha obra pioneira na poesía infantil, agora actualizada por Xerais cos cambios lingüísticos pertinentes e engadíndolle materiais que explican tanto o percorrido biográfico do autor como a xénese e características do poemario. O volume abre e pecha con senllas invocacións que nos fan lembrar as trobas medievais. Os poemas constitúen un delicado canto ao sentimento paternal.


Isabel Soto. Santiago

Son moitas as publicacións que nestes últimos meses atenden o amplo labor levado a cabo por Xosé María Álvarez Blázquez, o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. Dende o eido da LIX, trátase dunha figura de especial significado. O seu poemario “Roseira do teu mencer”, publicado por vez primeira en 1950 na editorial Monterrey, cofundada por el propio, pode considerarse unha obra pioneira na poesía infantil, pois se exceptuamos “Cantigas de nenos” (Rosario, Arxentina, 1942), de Emilio Pita Romero, un conxunto de poemas de inspiración popular nos que se poetiza o mundo máis próximo aos nenos, nada se producira na nosa lingua e no país pensando nos receptores infantís.

Xerais recuperou o libro en 1992 e incluíuno na colección “Merlín”, nunha edición acompañada ilustrada por Manuel Uhía. Ademais dos vinte poemas orixinais, incluíronse daquela seis composicións máis que malia non pertenceren a “Roseira do teu mencer” compartían o mesmo espírito e fermosura e, no apartado “Cando o autor fala de si”, Xosé María Álvarez Cáccamo daba noticia dos motivos que guiaron a seu pai a escribir a Roseira.

En 2008 –a ocasión ben o merece– Xerais actualiza a Roseira nunha nova edición, cos cambios lingüísticos pertinentes consonte á nova normativa e engadíndolle unha serie de materiais que explican tanto o percorrido biográfico de Álvarez Blázquez como a xénese e características do poemario. Por unha banda, o epílogo de Darío Xohán Cabana constitúe un acertado resumo, adaptado ao horizonte de expectativas do lectorado máis novo, da completa reconstrución elaborada en “Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra” (Xerais, 2008). Outro breve texto, tamén da súa man, engádelle atractivo á figura do intelectual, pois deseña del un retrato máis persoal baseado na lembranza. Ademais, neste novo formato da Roseira reprodúcese o texto do fillo do poeta que xa aparecía na edición de 1992 e insírese unha “Cronoloxía” preparada por Manuel Bragado. Manuel Uhía volve ser o encargado de acompañar coa súa lectura en imaxes as composicións de Álvarez Blázquez, anovando a vida dos obxectos e personaxes evocados con ilustracións figurativas en cores vivas.

Como unha fita que engalana este agasallo poético, o volume ábrese e remata con senllas invocacións que nos fan lembrar as trobas medievais, ben coñecidas polo autor. Os poemas constitúen un delicado canto ao sentimento paternal, outro aspecto pioneiro, abordado cun respecto e cunha beleza que conmove e paga a pena descubrir ou redescubrir. Asistimos ao abraio dun pai alegre e emocionado perante o nacemento da súa primeira filla, María Luísa, cuxo nome familiar, Colorín, pasa a ser patrimonio de todos en virtude destes versos:

Como andabamos a rir
-ventureiriña do monte!-
chamámoste “Colorín”.


A nena protagonista preséntase a través de sinxelas e tenras experiencias cotiás, en íntima relación e comunicación coa natureza, cos animais, cos seus xoguetes e xogos compartidos e observados polo pai. Prodíganse recursos propios do folclore infantil como as reiteracións, as enumeracións, os encadeados, as rimas e ritmos moi marcados, o paralelismo, as onomatopeas... Son especialmente fermosos os dous arrolos para chamar polo sono, así como as composicións que, grazas á súa sonoridade e ao seu ritmo, lembran as cancións de roda, as fórmulas de botar as sortes ou os recitados. En definitiva, en “Roseira do teu mencer” hai versos para cantar, para bailar, para durmir, para xogar e para darlle a benvida ao mundo a unha nena que o autor quixo presentarlle ao mundo:

A “Roseira” vos dono que eu fis á miña nena,
agora que aínda ten a figura pequena,
pra que a nembredes sempre na gracia diste día
en que toda a ledicia do mundo lle cabía.


Cómpre tamén citar o volume editado por OQO, “O que ben che quer”, no que, coa fermosa feitura, coidado e agarimo que caracteriza todos os libros que publican, reúnense once poemas: oito pertencentes a “Roseira do teu mencer” e tres máis, tamén escritos para Colorín, que permaneceron inéditos. Trátase sen dúbida dunha edición especial pois, á parte do convite introdutorio de Xosé María Álvarez Cáccamo, as ilustracións son obra doutra filla do poeta, a artista Berta Cáccamo, que constrúe con acuarelas e trazos abstractos e coloristas a súa visión dos poemas.

En suma, dous volumes que neste Día das Letras invitan os máis pequenos lectores a descubrir a maxia da linguaxe poética da man de Xosé María Álvarez Blázquez; sen dúbida, excelentes materiais para que os mediadores traballen cos nenos e nenas galegos a súa figura e o seu labor.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org