lg3 > Críticas > Botar por fóra a escritura do libro Hordas de escritura
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
HORDAS DE ESCRITURA
Ano de Publicación. 2008
Autor.
Chus Pato
Xénero. Poesía
Editorial.
Edicións Xerais de Galicia
Coleccion.
Número de pax. 96
ISBN. 978-84-9782-704-1
WEB.
CRÍTICA
Botar por fóra a escritura
/16 - 6 - 2008/
Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. A aparición desta nova achega mostra como a lava poética das composicións de Chus Pato reborda tamén o recipiente do libro e precisa a creación dunha estrutura superior. Un libro denso e complexo, no que a autora continúa o seu camiño de exploración poética con instrumentos coñecidos que chegan a facer rebordar os moldes do texto.


María Xesús Nogueira. Lugo

O novo libro de Chus Pato, unha das autoras máis recoñecidas da poesía galega contemporánea, preséntase como a terceira entrega dunha pentaloxía que leva por título Método, da que tamén forman parte m-Talá (2000) e Charenton (2004). A integración neste proxecto vén confirmar o cambio de rumbo na súa poesía observado pola crítica a partir de m-Talá, obra que ten sido interpretada como un punto de inflexión nunha escritura poética, iniciada unha década máis atrás con Uránia (1991).

Máis que cambiar de rumbo, a poesía de Chus Pato acentúa, a partir deste primeiro libro da triloxía, a súa radicalidade na enunciación e, ao tempo que renuncia definitivamente á concepción tradicional do poema, pon a linguaxe baixo sospeita e bota man da hibridación de diferentes xéneros. Esta fórmula que, por suposto, desbota tamén á sintaxe convencional, confírelle a verso un carimbo especial que fai os seus textos resulten doadamente recoñecíbeis. A actitude lectora que demanda tal experimentación (o “lector, que é un infinito ou dous”), liberada necesariamente de certas inercias, está sen dúbida detrás dalgunhas críticas que achacaron á autora un excesivo hermetismo na súa escritura.

Esta nova entrega poética é moito menos prolixa que as anteriores no emprego de diferentes xéneros textuais, como tamén na utilización de recursos tipográficos e de referencias intertextuais. O poemario ten como eixe central a propia linguaxe poética. A reflexión levada a cabo sobre o discurso anticípase xa nun título onde se combina o salvaxe e o primitivo (as hordas) co código (a escritura). Hai polo tanto unha importante dimensión autopoética neste libro que se pregunta “que sorte de tecnoloxía é o poema” no que “o eu é un innumerábel que multiplica e se descentra”. Desde este punto de vista, ensáiase posíbeis definicións da poesía logo da superación do concepto tal e como o vimos manexando e a aceptación de proposicións do tipo “o poeta é o non poeta” ou “poeta é unha humana calquera”:

“se quen escribe poesía é aquela/aquel cuxa musa foi destruída, isto significa que a identidade entre poeta e non poeta nunca é perfecta, que non é posíbel destruír integramente a musa, que sempre resta algo. Ser poeta é ser ese resto”

En “Hordas de escritura” hai ademais unha reivindicación da animalidade e da condición de mamíferos lingüísticos (“a enunciación repite sempre, sempre un ritmo sanguíneo”) como parte esencial do ser humano e da súa creación, tamén poética:

“Non, o paraíso non é a infancia,
o paraíso é a animalidade,
é o paraíso que se perdeu”.

Os elementos de natureza biográfica combínanse con outros pertencentes ao plano da ficción e do herdo cultural, nunha adición de secuencias enunciadas cun rexistro de aparencia prosística característico xa da súa poesía, no que predominan a narración, a crónica e, en menor medida, o diálogo e o monólogo. No libro tampouco está ausente outro dos ingredientes da poesía da autora como é a ideoloxía e a dimensión social (“o meu corazón político”), manifestada por exemplo nas reflexións sobre Auswicht ou sobre a propia realidade galega, porque no seu discurso poético, onde “o relato é autobiográfico / na medida en que as palabras / que o compoñen son biografía”, Chus Pato escolle precisamente esas “palabras que confesan” e non aquela “lírica que se abstraia, indiferente ao que sucede, ao que nos sucede”.

Hordas de escritura é un libro denso e complexo, no que a autora continúa o seu camiño de exploración poética con instrumentos coñecidos como o desdobramento do eu, os xogos e simulacións textuais, a anacronía, a descontextualización e, sobre todo, a acumulación de materiais poéticos, heteroxéneos e vigorosos, que fai rebordar os moldes do texto e,

“Máis que entrar o mundo dentro do poema
botar por fóra a escritura, como unha lava lene e transparente, muselina”

A aparición desta nova achega mostra como a lava poética das composicións de Chus Pato reborda tamén o recipiente do libro e precisa a creación dunha estrutura superior como é a pentaloxía Método.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org