lg3 > Críticas > “Deixo a aldea que coñezo por un mundo que non vin” do libro Lúa do Senegal
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
LúA DO SENEGAL
Ano de Publicación. 2009
Autor.
Agustín Fernández Paz
Ilustración. Marina Seoane
Xénero. Infantil-Xuvenil
Editorial.
Edicións Xerais de Galicia
Coleccion.
Número de pax. 200
ISBN. 978-84-9782-556-6
WEB.
CRÍTICA
“Deixo a aldea que coñezo por un mundo que non vin”
/7 - 9 - 2009/
Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa no sur do Senegal, para instalarse en Vigo, onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva a desta rapazar que ten a lúa como confidente.


Isabel Soto. Santiago

Como acontece con gran parte da produción de Agustín Fernández Paz, Lúa do Senegal permite acompañar o escritor nos seus primeiros achegamentos a unha historia, posteriormente ampliada e/ou modificada, pois conta cunha primeira xénese dada a coñecer como relato moito máis breve no colectivo O son das buguinas (2007). Neste sentido, non é desdeñable o interese que acubilla a obra do vilalbés desde a ollada da ecdótica e da crítica textual, revelando un curioso e intenso labor creativo nada frecuente no contexto da literatura galega actual.

En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia “de fronteira” que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.

A pequena e madura Khoedi, como a Lúa que lle dá nome, devala e medra para ofrecernos a súas reflexións e sensacións desde o 18 de xuño até o 15 de setembro, os seus tres primeiros meses, balizados polas fases da lúa que recollen desde o seu desacougo inicial e os seus medos até a esperanza final de acadar conxugar memoria e futuro, de afacerse a vivir cun pé en cada sitio e de ser forte coma o baobab. O relato transcorre lento, consonte o seu ton evocativo. A voz dun narrador externo toma a remuda nos capítulos 4, 8 e 12 para ofrecer unha ollada externa, mais sen esquecer a focalización central da nena. Confórmase así unha estrutura coidada que acolle ademais outros relatos máis breves, reproducidos ou inseridos na trama, pois Khoedi é unha excelente contadora das historias herdadas da voz e da memoria da avoa Feriane e das que ela mesma constrúe mesturando retallos das que coñece, facendo que semellen novas. Trátase de recreacións de contos fundacionais africanos que responden desde a tradición á orixe das cousas ou invencións baseadas en motivos propios do relato oral.

Marina Seoane capta axeitadamente o ton do relato e achega un conxunto de interesantes suxestións desde a cuberta, na que as grúas voando coa lúa de fondo introducen xa a posible lectura dunha metáfora da emigración. Parécenme ilustracións especialmente logradas o retrato da avoa Feriane (p. 26), o minibús cheo de cor (pp. 58-59), Nambi contemplando a lúa (p. 77), ou as conseguidas composicións coas nenas de diferentes procedencias ao redor do banco da praza (p. 107) e a patera ateigada no medio do mar (p. 127). A imaxe que encabeza o capítulo final (unha Khoedi riseira) e mais a simbólica contracapa do volume (un baobab), reflicten moi ben o aire optimista co que remata a historia e corrixen a dura expresión da protagonista no capítulo 1.

Tras a lectura, ao pasearmos polas rúas desta recreación de Vigo e toparmos cunha nena coma Khoedi, quen poetiza no mundo actual a súa tristura como fixo a Rosalía que ecoa no relato coa emigración galega, comprenderemos mellor a súa saudade e a morriña dunha vida e dunhas paisaxes que quedan lonxe. Non poderemos deixar de botarlle un sorriso de complicidade, de benvida e de esperanza nun futuro mellor.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org