lg3 > Críticas > Aventuras espaciais da capitana reimon ou crise da ficción do libro O caderno de bitácora Aventuras espaciais
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
O CADERNO DE BITáCORA AVENTURAS ESPACIAIS
Ano de Publicación. 2004
Autor.
María Reimóndez
Xénero. Narrativa
Editorial.
Edicións Positivas
Coleccion.
Número de pax. 160
ISBN. 84-87783-80-5
WEB.
CRÍTICA
Aventuras espaciais da capitana reimon ou crise da ficción
/18 - 5 - 2004/
A primeira novela de María Reimóndez chega auspiciada pola consecución do IV Premio de Novela Mulleres Progresistas do Concello de Vigo no 2003. A obra, crónica de viaxes por unha galaxia inhóspita e inabranguíbel que vaise facendo pequeniña ante os nosos ollos, permite lecturas superpostas que desde o futuro achégannos ao presente, ao aquí e ao hoxe. Ana Salgado encontra na obra a pegada das vivencias e do contemporáneo e concédelle o valor de ter un punto de partida innovador e o de enfrontarse á creación dun mundo cunha presenza interiorizada da tecnoloxía.


Ana Salgado. Santiago
A quizais hoxe máis heteroxénea ca heterodoxa Edicións Positivas achéganos a segunda obra de María Reimóndez, quen xa vira publicado neste selo o seu debut en forma de libro, naquel caso de poemas (Moda Galega, 2002).
Este “Caderno de bitácora. Aventuras espaciais” (2004) chega ás nosas mans logo de recibir o IV Premio de Novela Mulleres Progresistas organizado pola Concellaría da Muller do Concello de Vigo no 2003 cun xurado integrado por mulleres destacadas no campo da creación e da crítica literaria.


Responde Caderno de bitácora ao seu título, xa que nos atopamos cun diario de navegación que a capitana m. reimon escribe durante as súas viaxes pola galaxia. Nunha probabelmente primeira lectura as evocacións son múltiples e poden ir desde Manuel Antonio (só no motivo, non na estética) ata Star Wars e, especialmente, a triloxía The Matrix e o mundo ciberespacial ata ese fío de discurso feminista iniciado pola Penélope de Xohana Torres.

Pero conforme o libro avanza imos atopando máis lecturas posíbeis superpostas e tamén pegadas dunha maior presenza de motivos vivenciais e/ou do contemporáneo, en todo caso dun plano menos futurista e mais achegado ao aquí e ao hoxe, que lastran dalgunha maneira a alegoría galáctica por máis que non queiramos facer unha lectura biografista nin à clé (a capitana m. reimon. o planeta lucus, o sistema CUVI, etc.)

Quizais estes motivos constitúan a principal pexa da novela e invaliden ou coloquen en lugar subalterno outras lecturas menos apegadas ao vivencial, máis plurais e sen dúbida potencialmente máis interesantes. Nalgunha medida a capitana reimon que nos pretende falar da galaxia e crear un mundo (tamén) futuro acaba debuxando alegoricamente a eterna historia dun triángulo amoroso tanto vivido como analizado nas súas investigacións sobre os que denomina “sistemas bipolares” e a historia acábase centrando en exceso en facerlle as beiras virtuais a un dos vértices, o mariñeiro s. (coordenada Y tanto ciberespacial como xenética). E aquí o reto é máis grande porque o peso da tradición increméntase e os lectores poden contar con referentes espléndidos entre os que nos acoden agora á mente exemplos como o “Love, etc.” de Julian Barnes, “As afinidades electivas” de Goethe ou o “Amor de Artur” de Ferrín.


Relación co blog
Malia isto, temos que concederlle á obra o valor dun punto de partida innovador, o feito de que conteña varios niveis de lectura e de que asuma o reto que segue supoñendo entre nós o feito de enfrontarse á creación dun mundo cunha presenza interiorizada da tecnoloxía. Pensamos entón na posíbel relación deste Caderno de bitácora que nos chega en papel coa recente e frutífera sementeira no autodenominado polas persoas que o sustentan “blogmillo”, isto é, coas bitácoras electrónicas (weblog ou blog) que no último ano se foron incrementando exponencialmente e deron lugar á creación da cibercomunidade que é blogaliza (www.blogaliza.org), leira que vai camiño de dar colleita farturenta en simultaneidade con outras do arredor sen que teñamos, polo tanto, que falar de millo serodio ou miúdo. Pensemos por exemplo, por ser neste caso tamén unha proposta que pasou ao formato libro, no “Anxos de garda” (A nosa terra, 2003) de Anxos Sumai.

O tempo terá que dicir se acabamos tendo outra vaca no blogmillo ou unha especie de gran hermano blog, ou se callan propostas esteticamente anovadoras. Cando menos polo de agora entendemos que o medio facilita unha certa liberdade creativa.

Tanto este Caderno de bitácora como o fenómeno blog fannos pensar na reflexión levada a cabo recentemente por algúns críticos arredor da perda de terreo da ficción como xeradora de coñecemento e do interese crecente por obras narrativas máis achegadas ao vivencial, biográfico ou memorialístico, que na súa recepción sexan asumidas como, ou convertidas en, “realidade”. Quizais á fin actualización da eterna contradición do realismo.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org