| LG3 está concibido como
unha revista virtual para responder á gran demanda de
información sobre literatura e edición literaria
galegas que os usuarios deixan sentir nas estatísticas
de visitas e nalgunhas suxestións. A capacidade da revista
para conter información, presentala e servir de porta
a outros puntos de información na rede en Galicia, fai
dela unha importante ferramenta de promoción cultural.
E xeral a información e os contidos que poden atoparse
en LG3 teñen o seu punto temporal de partida na súa
data de inicio de actividade, a finais do ano 2003, sen pretender
ser unha base de datos de todo o publicado anteriormente e sen
comprometerse coa exhaustividade, mais si coa representatividade.
En Culturagalega.org queremos con LG3 dar un apoio estratéxico
á industria e iniciativa cultural do libro e pulo ao
avance e introducción nas novas tecnoloxías
cunha meirande difusión das noticias e protagonistas
do sector e unha maior presencia deles en Internet. Para chegar
a cumprir con este apoio ao libro en galego, LG3 dará
nas súas páxinas presencia e información
sobre todos aqueles axentes, xa sexa individualmente ou en
asociacións ou institucións, que forman parte
do sector: escritores, editores, institucións, libreiros,
traductores e lectores. A producción desta revista
depende en gran medida non só da actividade dos integrantes
do sector, senón da súa cooperación a
través da comunicación fluída coa nosa
redacción. LG3 permite a estes axentes do sector presentar
os seus traballos e facer pública a súa actividade
a través das nosas páxinas poñéndose
en contacto con nós ou enviándonos o seu material.
O soportal de literatura, LG3, quere responder coa súa
presencia e actividade a moitas peticións e chamados
que levan tempo a pedir un esforzo para promover o libro galego,
darlle un escaparate axeitado e vistoso e poñelo en
valor ante os seus lectores actuais e futuros. A organización
dos contidos de LG3 está pensada para recoller axeitadamente
aqueles que cremos que poden ser de interese dos lectores
e presentalos da maneira máis atractiva e doada posible.
Para ampliar informacións sobre algúns autores,
libros ou noticias LG3 proporciona ligazóns a outros
sitios web galegos.
Un equipo de recensores/as traballa para ofrecer nas páxinas
de Lg3 as súas opinións especializadas sobre
algunhas das publicacións que van saíndo ao
mercado e que poden ser de interese do noso público.
Co ánimo de ser representativo da actualidade literaria
LG3 vai incluíndo no seu catálogo de publicacións
todas aquelas das que ten noticia e vainas clasificando a
través dunha organización de xéneros
que procura responder á realidade editorial do mellor
xeito posible. Xunto a xéneros tradicionais como Narrativa,
Poesía, Teatro, Ensaio e investigación ou Infantil
e xuvenil, aparecen outros que acollen publicacións
que precisan dunha clasificación máis específica
como o de Xornalismo, dedicado a aquelas obras que proceden
de traballos xornalísticos, xa sexa en compendios de
artigos ou como un só texto de orixe xornalística;
o xénero Biográficos recolle aquelas obras dedicadas
a dar a coñecer datos ou pasaxes da vida de alguén
e que poden estar escritas como crónicas ou estudios,
ou mesmo ser autobiográficas; baixo a definición
de Clásicos, LG3 pon as obras daqueles autores que
a Real Academia Galega ven elixindo desde 1963 para ser homenaxeados
nas celebracións do Día das Letras Galegas e
que con esa selección pasan a ser auténticos
clásicos do noso sistema literario.
|