Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
Malia imaxe un tanto exótica e peculiar de Galicia que transmite, que pode afastar a lectores asíduos da literatura galega, Domingo Villar arma un complexo e entretido xogo cunha trama de misterio moi traballada e que resulta case prodixiosa. Despois do éxito colleitado polo autor con Ollos de auga (2007) a esta nova entrega da serie negra protagonizada polo inspector Leo Caldas augúraselle tamén un grande percorrido de vendas e de lectores.
O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. Francisco Castro diríxese nesta súa nova obra a lectores máis novos que en textos anteriores. A historia seduce polo acerto no deseño do pequeno narrador, polas constantes apelacións aos lectores e a introdución de efectos de recoñecemento e mais por non existiren demasiadas concesións no retrato desta familia na que o protagonista loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
O cobrador de peaxe dunha autoestrada decide escribir un caderno con hipóteses sobre a vida dalgúns condutores que pasan a cotío por ela. Coa imaxinación crea un universo ao ritmo da música que sae dos vehículos ao baixar a xanela para pagar, un planeta movido por anacos de conversas que desaparecen a cen quilómetros por hora. Un relato que engancha, inzado de cancións de moitos estilos, de diálogos intrascendentes, de reflexións sobre a sociedade contemporánea.
SOBRE O LIBRO "
HISTORIA SOCIAL DO DEPORTE EN GALICIA. 1850-1920 "
O arraigamento das prácticas deportivas como unha forma de cultura cívica é o obxecto desta indagación histórica, que emprega un amplo abano de fontes documentais e hemerográficas. A ximnasia, o excursionismo, os deportes británicos ou a transformación de prácticas tradicionais en competicións deportivas son os comezos dunha actividade propia do mundo contemporáneo que establecerá un auxe a partires da primeira década do século XX.