Destacado
Zënzar presenta Vaise armar
Xénero: 8 / 5 / 2012
A sala Josfer de Ordes acollía o pasado sábado a presentación de Vaise armar, o sexto traballo de Zënzar. O disco autoeditado supón, segundo o grupo, un traballo maduro musicalmente e aberto a ritmos que se foron incorporando ao seu repertorio. Rock con letras combativas que teñen en moitos casos na crise económica e nos recortes sociais o seu eixe. Loli Nogueira colabora co grupo no tema Contigo e sen ti, e queda espazo para que a banda bote a vista á súa traxectoria en Todo vai ben. O MySpace do grupo achega unha selección dos temas para a súa escoita en liña.
Balakandra debuta no mercado discográfico
Xénero: | 24 / 5 / 2012
Logo de oito anos de traballo nos escenarios, Balakandra presenta baixo o seu propio nome o que supón o debut discográfico desta formación de San Sadurniño. Con formato audiolibro, o traballo foi gravado nos estudios compostelans A Ponte da man de Tomás Axeitos, e os seus once temas afondan na mestura do folk con ritmos americanos coma o country ou o bluegrass, sen esquecer incursións na música latina. A formación, que xordeu da man de varios dos membros do grupo Saraibas, estreará ao vivo este proxecto cun concerto no Auditorio de Narón o vindeiro 27 de maio. Ademais da edición física, o disco estará dispoñible para escoita no web do grupo.
Projecto Mourente volta con A pior
Xénero: | 23 / 5 / 2012
A pior é o título do novo traballo de Projecto Mourente. Carlos Valcárcel renova a súa aposta polo pop electrónico cun álbum de dez cortes no que conta con colaboracións de diferentes músicos do país como The Homens ou Andrés Boado. Polo momento a obra está dispoñible unicamente en edición dixital no web Bandcamp, aínda que Valcárcel está a negociar a posibilidade dunha edición física que prevé financiar mediante Crowdfunding. Para setembro ten previsto desenvolver os concertos de promoción do no álbum que está autoeditado. A gravación realizouse de xeito doméstico e a mestura e a masterización correou por conta de Tomás Ageitos nos estudios de A Ponte.
Ouvirmos edita Clarinete e piano. Antoloxía de compositores galegos
Xénero: | 22 / 5 / 2012
Case tres horas de composicións para clarinete e piano da man de compositores do noso país. Esta é a proposta de Clarinete e piano. Antoloxía de compositores galegos, o triplo CD que presentaba esta mañá Ouvirmos na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela. O proxecto supón unha aposta pioneira pola visibilización da música de cámara de factura galega e recolle a práctica totalidade de pezas para esta formación que se teñen feito no país. Alejo Amoedo ás cordas e Astenio Leiva ao vento interpretan 12 obras compostas desde o comezo do século XX. O proxecto, xurdido do empeño destes dous intérpretese, percorre a obra de autores xa clásicos como Bal y Gay ou Rogelio Groba e combínaa cos máis novos valores neste campo.
Friktone presenta CusCus
Xénero: | 22 / 5 / 2012
Fito Ares á frauta e ao saxofón, Fernando Lamas na batería e mais o finlandés Risto Vuolanne no contrabaixo forman, desde hai xa catro anos Friktone. Logo dunha importante traxectoria nos escenarios, o conxunto presenta agora Cus Cus, un disco que amosa en seis temas a capacidade de improvisación deste trío no que se mesturan sons do Free Jazz e da música contemporánea. Gravado ao vivo no Pazo da Ópera da Coruña, o proxecto está editado pola discográfica albaceteña Clamshell Records.
Músicos galegos únense nunha homenaxe a Magín Blanco
Xénero: | 21 / 5 / 2012
Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco é o título do proxecto no que están embarcados un unha trintena de músicos do noso país. A intención e gravar un duplo disco de versións de Blanco en homenaxe a este músico, que por mor dun accidente en 2011 ficou imposibilitado para tocar a guitarra. O proxecto abriu unha conta no web Verkami para recadar fondos mediante o sistema de Crowdfunding, e a falta de 27 días para rematar o prazo da colecta, obtivo xa 2.370 euros dos 3.000 que se marcaron como obxectivo. Uxía, Xoel López, Malvela, Eladio & los Seres Queridos, Roger de Flor ou Emilio Rúa son algúns dos artistas que participan nesta iniciativa.
Uxía, Doa e Assembly Point fanse cos premios La Opinión de folk
Xénero: | 18 / 5 / 2012
O teatro Rosalía de Castro da Coruña acollía na noite do pasado mércores 16 a gala dos XI Premios La Opinión de música folk. Uxía levou o galardón á mellor artista do ano, un premio no que tamén se recoñecen os seus vinte anos de traballo na música de raíz. Canda a ela, o grupo Doa viu galardoado o seu álbum A fonte dos cervos como mellor traballo do ano, mentres o tema Jumping Bits de Assembly Point foi recoñecido como mellor canción. Por vez primeira, os gañadores coñecéronse por vez primeira na gala, agás o premio Andaina Senlleira, que levou Fucxan os Ventos e que xa se coñecera con anterioridade.
O Festival de Música Cidade de Lugo fai 40 anos
Xénero: | 11 / 5 / 2012
Unha das citas máis veteranas dos sons clásicos en Galicia, o Festival de Música Cidade de Lugo 2012- Semana de Música do Corpus, presenta este ano a súa 40 edición, na que se busca darlle máis protagonismo a formación locais. A Sociedade Filharmónica Lucense coordina un programa que inclúe os concertos de Forma Antiqua, Sergei Yerokhin, a Orquestra Sinfónica de Burgos, o grupo vocal Sólo Voces, La Bellemont, Tercia Realidad e Julia Doley e mais Thomas Demenga & Patrick Demenga. Canda a eles, o programa para nenos achega a actuación da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e mais a representación do ballet O Crebanoces a cargo dos alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo.
O Consello da Cultura conmemora os XXV anos da Asociación Galega de Compositores
Xénero: | 10 / 5 / 2012
A sede do Consello da Cultura Galega en Compostela acolle ás cinco desta tarde a presentacón de Dezaseis cancións para voz e piano. XXV anos da Asociación Galega de Compositores, co que se conmemora o aniversario deste colectivo. No acto Carlos Villar-Taboada falará sobre A Asociación Galega de Compositores e a Música Contemporánea en Galicia (1987-2012).
Fillos Resentidos
Xénero: | 10 / 5 / 2012
Conseguiron, en plenos anos oitenta, que un tema en galego chegase ao número un das listas de éxitos estatais. Expresións presentes nas súas cancións integráronse na fala popular. Anovaron no pop-rock feito na nosa lingua. Agora, trinta anos despois do seu nacemento, unha masiva homenaxe amosa a importancia da pegada que Os Resentidos deixaron na nosa cultura. Analizamos a súa influencia.
Axenda
Rock |
|
Rock |
Pop |
Jazz/Blues |
Rock |
Rock |
Fusión |
Rock |
Folk |
Pop |
Rock |
Rock |
|
Outros |
|
Outros |



