Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O Encontro Galego de Música Xove reúne mañá cen grupos
Xénero: | 5 / 3 / 2010
Actuacións ao vivo, obradoiros, concursos e contactos profesionais entre grupos e axentes. Esta é a proposta do Encontro Galego de Música Xove que se celebra mañá sábado no Instituto Rosalía de Castro de Compostela. O evento, que pretende achegar oportunidades aos novos artistas do país, fechará con concertos de pequeno formato a cargo de Elanor, O Leo i Arremecaghona, Jane Joyd, Baldosa Amarilla e Silvia Penide. Segundo anunciou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, o encontro inicia unha liña de traballo deste departamento encol da mocidade e a música. O pasado ano celebrárase, co nome de Nsaio Xeral. I Encontro Galego de Música Emerxente, unha primeira edición deste evento no mesmo lugar.
Anxo Lorenzo pasa do eléctrico ao hindú
Xénero: | 3 / 3 / 2010 + AUDIO
Tirán a parroquia de Moaña da que é orixinario, sérvelle a Anxo Lorenzo de título para o seu debut discográfico en solitario. O ex-membro do grupo vigués Spíritu 986 abandona nesta nova andaina a fusión da gaita coa música electrónica e presenta once temas completamente acústicos. No entanto, e segundo explica o autor non renuncia a "buscar sons diferentes e a experimentar coas posibilidades da gaita, empregándoa en novas escalas ou con recursos pouco empregados". Dentro desta vontade experimental, no seu primeiro disco atopamos desde un vals venezolano ata temas nos que a gaita se mestura cos sons hindús. Entre os colabores, nomes como Pancho Álvarez, Kathryn Tickell, Luís Peixoto ou o colectivo Om/Off acubillan este lanzamento.
O debú en solitario de Guadi Galego gaña os IX Premios Opinión de música folk
Xénero: | 1 / 3 / 2010 + AUDIO
Gañouno co grupo Berrogüetto, o trío Nordestin@s, o dúo Espido e agora coa súa nova aposta en solitario. O traballo Benzón de Guadi Galego acaba de gañar o IX Premio Opinión. A artista obtivo na votación do xurado 18 puntos, cos que se impuxo a Cuarteto Caramuxo e a Nova Galega de Danza, que conseguiron un empate (11 puntos). O premio do xurado, formado por críticos musicais, é puramente honorífico, xa que non ten dotación económica.
O ciclo de concertos Xacobeo Raíces 2010 ofrece unha escolma da música folk contemporánea
Xénero: | 23 / 2 / 2010
Xacobeo 2010 ven de presentar o ciclo de concertos Xacobeo Raíces, unha escolma da música galega contemporánea no que participan artistas e grupos galegos. Xacobeo Raíces preséntase como unha mostra do que está a acontecer hoxendía na nosa cultura musical, “propostas que beben da tradición, que evolucionan cos tempos que nos toca vivir e que se experimentan na creatividade vital do contemporáneo.” O ciclo, que dará comezo o vindeiro sábado 6 de marzo na Coruña coa actuación de Fuxan os ventos, comprende un total de 13 concertos diferentes ao longo de tres meses con nomes tan consolidados como Luar na Lubre, Mercedes Peón, Bonovo, Leilía Cristina ato, Mutenrohi, Berrogüetto, Fía Na Roca e ata un total de 25 artistas ou grupos. Só un dos concertos, o que dará a Orquestra Sondeseu no Circo Price de Madrid o 1 de maio, terá lugar fóra da comunidade, rematando o ciclo o 6 de xuño en Santiago.
Sons do Leste
Xénero: | 23 / 2 / 2010 + AUDIO
Conceyo de cantares é un disco que recompila traballos dunha serie de grupos que cantan en galego. Se isto en por si xa resulta unha iniciativa interesante, gaña relevancia se temos en conta que tanto os grupos como o disco xorden da comarca de Navia, en Asturias. A Oficina de Coordinación Cultural y Llingüística do Parque Histórico do Navia é a responsable deste proxecto, que nos amosa a vitalidade da nosa lingua nesta área. Folk, pop, ou fusión son algúns dos estilos que nos descobre este interesante proxecto. Iván Iglesias, responsable da iniciativa, explícanos como xurdiu e como está a música en galego na comarca.
Os ourensáns Ergom presentan o seu primeiro disco Fronkiria
Xénero: | 19 / 2 / 2010 + AUDIO
Folk, Rock e Funky mesturados en temas instrumentais son os sinais de identidade musical do ourensáns Ergom, que levan ao que o grupo ven de chamar “Estilo Fronky” e de aí ao seu primeiro CD recentemente presentado Fronkiria (autoeditado). A banda gravou este traballo durante varios meses nos estudios Mafia Records de Carballiño baixo a batuta de dirección de Oscar Fernández “Chichi”, Ergom naceu como banda no ano 2002 e gravou unha primeira demo en 2003, no ano 2004 participaron no Festival Internacional do Mundo celta en Ortigueira. O grupo está integrado por David Nóvoa (guitarra), Alberto Godoy (baixo), Santi Rodríguez (gaita), Lorena Negreira (batería) e David Blanco (teclados). Na actualidade, Ergom prepara a xira de presentación de Fronkiria.
Luar na Lubre e Carlos Bau son os únicos galegos nos XIV Premios da Música
Xénero: | 17 / 2 / 2010
Só dúas das 28 categorías dos Premios da Música 2010 teñen nome galego. O álbum Ao vivo de Luar na Lubre fíxose co galardón ao mellor disco de música tradicional. Pola súa banda, Nada de Carlos Bau, impúxose aos outros candidatos como mellor canción en galego. A Academia das Artes e das Ciencias da Música facía pública esta mañá a lista de gañadores, mentres a gala de entrega celebrarase o vindeiro 4 de marzo no Teatro Häagen-Dazs Calderón de Madrid.
Cultura recupera o proxecto Rosalía 21 para o aniversario da poeta
Xénero: | 16 / 2 / 2010
O vindeiro 24 de febreiro cúmprense 173 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Para o conmemorar, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura organizou, ás 20 horas, un concerto no Salón de Teatro de Compostela co título Homenaxe a Rosalía. O evento contará coa presenza do Abe Rábade Quartet, Anxo Angueira, Guadi Galego e a participación especial de Uxía Senlle, que interpretarán os temas do disco Rosalía 21, editado por Falcatruada, e que recupera en clave de jazz textos clásicos desta autora. A obra xurdiu como un proxecto multimedia que fixo parte da representación galega na Feira do Libro da Habana en 2008.
Do conto á canción, e volta
Xénero: | 11 / 2 / 2010
OQO editora acaba de presentar A nena e o grilo un proxecto que integra música e literatura da man de Magín Blanco. O libro-disco, dirixido aos máis novos, inclúe unha serie de contos deste autor e cancións que van do folk ao reggae pasando pola rumba ou o pop. Acompañan a Magín no apartado musical figuras coñecidas coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Uxía ou Fred Martins. As ilustracións do volume corren a cargo de Iván Prieto. O lanzamento terá continuidade nos vindeiros meses da man dun espectáculo ao vivo que percorrerá o país.
O Salón Teatro ábrese á música para presentar os últimos proxectos discográficos
Xénero: | 10 / 2 / 2010
Linho do cuco, Emilio Rúa, Ophiusa e Diego Bellón son as catro formacións que inaugurarán unha nova liña de programación do Salón Teatro. Un formato que pretende dar a coñecer os últimos traballos dos artistas galegos cun pequeno concerto. Agás esta novidade, o espazo xestionado por AGADIC seguirá fiel aos mesmos criterios de “combinar traballos feitos aquí como fóra”, segundo apuntou o seu director, Juan Carlos Fasero. Teatro, novo circo e danza serán os xéneros programados ata o mes de abril e que arrinca esta fin de semana con Saltimbanquis, o primeiro musical galego pensado para público infantil.
VIDEOS
QUIQUE PEÓN CÍA presenta OVAY
por Quique Peón Cia.
Quique Peón explora nos puntos cardinais da súa alma en Ovay
por Quique Peón Cia.




