Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Jazz e folk irmandados pola tristura ante dous pasamentos

O GAITEIRO MINGOS LORENZO E O PROMOTOR GONZALO VILLAR DEIXARON ATRáS FONDAS PEGADAS NOS SEUS EIDOS MUSICAIS

Jazz e folk irmandados pola tristura ante dous pasamentos

MISCELáNEA | marzo 8, 2017

imaxe non dispoñible

Dúas desaparicións veñen de golpear o ánimo na escena musical. Gonzalo Villar, onte e Mingos Lorenzo, o pasado domingo, falecían, ambos en Vigo, deixando atrás unha pegada de vida na música en cadanseu eido xenérico e o agradecemento e lembranza de todos aqueles cos que coincidiron polas súas características persoais. Unha complicación cardíaca acabou aos 58 anos coa vida de Gonzalo Villar Sanjurjo, hostaleiro promotor de emblemáticos locais de música en directo en Vigo. El Malecón, La Negra Tomasa e Manteca Jazz son os nomes dos establecementos que foi abrindo e levando ao longo dos anos e polos que pasaron músicos consagrados, como Chucho Valdéz ou Compay Segundo e outros que aínda estaban dando os seus primeiros pasos tanto da música latina como do jazz . No derradeiro local que rexentou, o Xancarajazz, a dinámica era a mesma e a mantivo ata o peche o pasado ano. A súa pegada nas noites de música en directo en Vigo caracterizouse sempre polo exquisito trato que daba aos artistas e o seu profundo gusto e coñecemento musicais.

No mundo do folk sentiuse especialmente a perda de Mingos Lorenzo Vello, gaiteiro e cantor que falecía con 66 anos o pasado domingo. Mingos fora compoñente de A Roda e membro fundador do Orfeón Treixadura, coas dúas formacións, xa como gaiteiro ou coa súa recordada voz deixou clara a súa paixón polas raíces da música popular. Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos fixeron público seu pesar polo pasamento de Lorenzo. Tamén desde Treixadura fixeron unha sentida lembranza do músico expresando a tristura do seu pasamento: “Tantos e tantos anos de amizade, de xuntanzas, de viaxes, de aprendizaxes, de música compartida…
En realidade Mingos nunca deixará de estar entre nós. A súa vitalidade, o seu sorriso inmenso… Os harmónicos da súa voz seguirán resoando entre todos nós.”

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer