Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A final sonora

OS CANDIDATOS DOS IV PREMIOS MARTíN CóDAX DA MúSICA AMOSAN MOITOS NOMES NOVOS

A final sonora

MISCELáNEA | abril 7, 2017

imaxe non dispoñible

Como xa é habitual, unha festa nas Bodegas Martín Códax de Cambados deu a coñecer na noite de onte os proxectos finalistas da edición deste ano dos Premios Martín Códax da Música. Un total de 57 proxectos votados polos propios membros da asociación Músicos ao Vivo amosan as preferencias destes profesionais dentro do seu propio sector. Nomes consolidados combínanse con traballos de debut nunha lista chea de proxecto interesantes.

A Panadaría Teatro encargouse de ambientar e amenizar a festa na que a Asociación de Músicos ao Vivo facía pública, na noite de onte, a listaxe dos finalistas da cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. As instalación destas adegas en Cambados acolleron un evento no que a presidenta de Músicos ao vivo, Iria Pinheiro, destacou o feito de que en todas as categorías “haxa proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, algo que fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de Música en Galicia”. Do mesmo xeito, considerou que esta listaxe "demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común das músicas e músicos galegos". O encontro contou tamén coa presenza do director da AGADIC, Jacobo Sutil, do deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal e do director das Bodegas Martín Códax, José Martínez Chantada.

FINALISTAS AOS IV PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

Pop e indie: Os Amigos dos Músicos / Berlai / Xoel López
Rock: Brais Morán/ The Soul Jacket / Agoraphobia
Blues, funk & soul: Carmen Rey / VooDoo / The Lakazans
Jazz e músicas improvisadas: Iago Fernández "Brisa" / Alberto Vilas "Ubuntu" / Miguel Lamas Quartet
Hip-Hop e músicas urbanas: Malandrómeda / García Mc / Wöyza
Música clásica e contemporánea: Alberto Vilas "Universo Lem" / Roberto Oliveira / Alejo Amoedo "Evocación"
Folque: Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero / Os d´Abaixo
Música tradicional galega: Tanxugueiras / Xosé Lois Romero e Aliboria / Davide Salvado
Músicas do mundo: Uxía / Tangata / Talabarte
Canción de Autor: Sonia Lebedynski / Tatán Chapeu / Xoán Curiel - Ecuacións
Música infantil: María Fumaça-Aire! / A Gramola Gominola / Pesdelán
Electrónica: Malvares de Moscoso e J.CNNR / 2Pas0s / Pálida
Metal: Aphonnic / Tälesien / Raiba
Reggae, Ska & Mestizaxe: Dakidarria / O Sonoro Maxín / Bush Doctors
Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Los Satélites / Orquestra Poceiro Big Band / Áureas en Voga
Coros e Grupos Vocais: Encaixe / Sisters in the House / Ejazz

Premio Organistrum Salas: A Pousada das Ánimas / Sala Mardi Gras / Sala Garufa Club
Premio Organistrum Festivais: Nigranjazz / Festival de Pardiñas /Surfing the Lérez
Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: ZigZag / GzMúsica / Onda Vital


A listaxe amosa unha importante renovación nos nomes que optan a galardóns nas diferentes categorías, algo propiciado tamén polo feito de ser o primeiro ano no que se non se poden presentar aos premios proxectos que resultasen premiados na anterior edición. Aínda así, na maior parte das categorías atopamos algún aspirante que xa aspiraron aos premios de 2016. Unicamente as categorías de Música Clásica, Músicas do Mundo, Cantautor e Música de Verbena renovan todos os seus nomes a respecto da anterior edición.

Nomes consolidados
En total son dezaseis os proxectos que xa foron candidatos no pasado ano e que, aínda que hai variacións como Xoel López, a abandonar a categoría de Cantautor para se presentar pola de Pop e Indie, (que renova así todos os seus candidatos). É no campo da música folk onde se dá unha menor variación, xa que recuncan como finalistas Cuarteto Caramuxo e mais Vaamonde, Lamas e Romero. Agoraphobia en Rock, Alberto Vilas Quartet en Jazz e Blues, The Lakazans en Blues, funk & soul, Wöyza en Hip-Hop ou A Gramola Gominola en Música Infantil son outros que repiten candidaturas. Do mesmo xeito, volven a ser finalistas Davide Salvado en Tradicional, 2Pas0s no campo da electrónica, Aphonnic a recuar no Metal, Dakidarría en Reggae e Ská e Sisters in the House en Grupos Vocais. Tamén hai nomes da anterior edición nos premios Organistrum. Os músicos apoian ao igual que en 2016 Garufa Club como unha da mellores salas do país, Nigranjazz como un festival a ter en conta e GZMúsica como un medio de referencia.

Xosé Lois Romero ademais de repetir en folk está presente en dúas categorías, ao ser finalista no seu proxecto con Aliboria no ámbito de música tradicional. Ao igual que el Uxía, que compite con Maria Fumaça na categoría de Música Infantil e Alberto Vilas, que fai dupla en jazz e clásica, aparecen como os nomes propios máis destacados da listaxe.

Debutantes
En canto ás novidades, é de destacar no Pop e no Indie a consideración que conseguiron os álbums de presentación de Berlai de Os Amigos dos Músicos, lanzados os pasado outono e que os levaron directamente á final. No caso dos cantautores, é de sinalar a forte entrada de dous artistas que debutaron recentemente. Tatán co seu Chapeu e Sonia Lebedynski conseguiron situarse ao pé dun veterano como Xoán Curiel.

Sen necesidade de disco
Fronte a eles, aparecen proxectos que sen presentar traballos recentes conseguen presenza na final. Así, Xoel López mantense como un referente claro para o sector malia a que o seu Paramales data de 2015 e desde aquela só publicou un EP ao vivo. Do mesmo xeito, a selección no campo do rock, cunhas Agoraphobia en proceso de gravación do seu primeiro LP e cun Brais Morán que continúa a explorar ao vivo o seu Cruzando o eclipse de 2015 revela que os votos non se guían só por lanzamentos discográficos. Na mesma liña, resulta tamén rechamante a entrada entre os finalistas de O Sonoro Maxín, con disco pendente de publicar e sen novidades recentes, ou a continuidade de Vaamonde, Lamas e Romero, que continúan a dar guerra co seu O tambor de prata de 2011.

A importancia da actividade
En xeral, a listaxe amosa unha importancia desigual do feito de ter disco novo á hora de conseguir o recoñecemento do sector. Deste xeito, si debeu ter o seu peso o lanzamento de Untitled / Volume III o pasado mes de marzo no apoio que acadou Soul Jacket, ou a ruptura do silencio discográfico que protagonizou Tálesien ao comezo deste ano, que trouxo de novo á actualidade estas bandas. Tamén a intensa actividade de Raiba, que presentou o seu terceiro EP no último outono e prepara xa o vindeiro disco para maio semella ter recompensa entre a profesión.

Selección
Á hora de valorarmos esta lista debemos ter en conta que son os propios proxectos os que se candidatan aos galardóns, o que explica ausencias que poden resultar rechamantes. Sobre as 449 proxectos inscricións, os máis de 450 socios de Músicos ao Vivo votaron candidatos nas diferentes categorías, independentemente de se eles mesmos inscribiron algún ou no estilo no que os fixesen. Agora será un xurado de profesionais dos medios e do sector o que seleccione os vencedores, que se darán a coñecer o vindeiro 3 de maio nunha gala no Pazo da Cultura de Pontevedra.