Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Galardóns de actualidade

NOVOS NOMES E DISCOS RECENTES MARCAN A LISTA DE GALARDOADOS NOS IV PREMIOS MARTíN CóDAX DA MúSICA

Galardóns de actualidade

MISCELáNEA | maio 4, 2017

imaxe non dispoñible

Moitos discos recentes, proxectos consolidados e unha manchea de novos nomes marcan o palmarés do IV Premios Martín Códax da Música. Canda a eles, o segundo galardón a Davide Salvado fai destacar de xeito particular o nome deste cantor no campo da música tradicional. Músicos ao Vivo entregaba onte en Pontevedra os seus galardóns nunha gala emotiva e con moitas reivindicacións.

A Panadaría Teatro guiou na noite de onte unha gala que tivo o seu eixe na reivindicación do papel da muller no campo da música. A seguir o fío da gastronomía do país e con abondosas piadas sobre o propio sector, o evento no que a Asociación Músicos ao Vivo (MAV) entregou os cuartos Premios Martín Códax da Música supuxo un grande éxito, con todas as localidades do Pazo da Cultura de Pontevedra esgotadas desde días atrás. Para alén das múltiplas intervencións das compoñentes de A Panadaría, transmutadas no conxunto As Pataconas, o evento contou tamén con actuacións dalgúns dos proxectos gañadores do pasado ano. Así, Toño Domínguez da Orquestra de Jazz de Galicia, Silvia Penide, Nastasia Zürcher e Silvia Cerneira da Banda da Balbina animaron a noite acompañados por unha banda composta Antía Ameixeiras, Lorena Cachito, Inés Mirás e Aida Saco.

Segundo explica Guillerme Fernández, membro da directiva de MAV, "foi unha gala moi ben conducida, con moitos momentos de humor sublime, na que se compensou moi ben a parte teatral coa musical. Penso que o acto de entrega dos premios demandaba desde hai xa anos algo máis de presenza musical, e que nesta edición se conseguiu". Dentro dos momentos máis emotivos, destaca a entrega do Premio Honorífico a Dorothé Schubarth. "É alguén moi introvertida e estaba totalmente alucinada cando subiu ao escenario e viu a todo o mundo a aplaudir". Canda a isto, outro momento especial foi a lembranza a Fran Pérez, Narf, recentemente falecido, coa reprodución en vídeo do seu discurso ao recoller o premio na primeira edición dos galardóns.



Variedade
En canto a palmarés, Agoraphobia, Os amigos dos músicos, Sonia Lebedynski, Ejazz ou En Voga son algúns proxectos que están a comezar a súa carreira discográfica ou sobre os escenarios e que agora contan no seu haber cun dos Premios Martín Códax da Música. Da outra banda está claro que os galardóns apostaron por recoñecer proxectos consolidados, e que lanzamentos recentes como os de Malandrómeda, O Sonoro Maxín ou Talabarte conseguiron o recoñecemento na súas respectivas categorías. Canda a eles, destaca especialmente o segundo galardón para Davide Salvado neste certame. Vaamonde, Lamas e Romero, Apphonic ou Pálida son outras iniciativas con anos de traballo ás costas que tamén acadaron un destes premios. Por vez primeira, un xurado encargouse de seleccionar os premiados entre os finalistas seleccionados por votación dos membros da asociación. Abe Rábade, Nastasia Zürcher e Benxamín Otero, músicos, Teresa Cuíñas como representantes dos medios, Xulio Cordeiro do mundo da industria musical, Zósimo López do ámbito formativo e Noemí Vázquez, da Arca da Noe, a representar as salas, foron os responsables do palmarés final.

Novos nomes
O recoñecemento de Agoraphobia, co seu primeiro longa duración aínda pendente de publicar, amosa en boa medida o novo modelo que está a emerxer na industria musical. Maquetas, EPs, temas na rede e, en especial, unha ampla traxectoria ao vivo compoñen a bagaxe desta formación feminina nada en 2013, e foi abondo para que o sector recoñecese o eu traballo. Do mesmo xeito, Os Amigos dos músicos introdúcense logo do seu primeiro álbum entre os nomes máis destacados da música do país no ámbito do pop e indie, e desbancan o eterno aspirante Xoel López e o tamén aclamado debut de Berlai.

Sonia Lebedynski contou tamén co recoñecemento dos seus compañeiros na categoría de Canción de Autor co seu álbum de debut, aínda que no seu caso falamos dunha artista amplamente coñecida no sector logo de anos de traxectoria en diferentes formacións. Pola súa banda incursión do jazzista Alberto Vilas no campo da Música Clásica/Contemporánea, Universo Lem obtivo tamén o favor de votantes e xurado, mentres no Jazz, onde tamén competía, o galardón foi para Iago Fernández.

Davide Salvado
De entre todos os galardoados, destaca Davide Salvado. O cantor convértese no segundo proxecto en acadar dous galardóns, logo de que Banda Crebinsky o conseguise na primeira e na terceira edición dos premios. Presente en todas as finais destes galardóns, Salvado consolídase como un nome indispensable para comprender a música galega actual, mesmo sen contar con ningún disco recente.

A pegada dos discos
Pola outra banda, si houbo proxectos premiados que contan con discos de longa duración recén saídos do forno. Deste xeito, Malandrómeda viu recompensando o seu traballo no duplo lanzamento que realizaron logo de 5 anos de silencio co premio na categoría de Hip-Hop. A diferenza do que é máis habitual nestes galardóns, o premio coincide en boa medida coas preferencias de revistas estatais como Rockdeluxe ou cos premios da Música Independente que contaron co proxecto nas súas candidaturas. De xeito similar, outras bandas con álbums recentes no mercado recibiron tamén galardóns, como é o caso de O sonoro Maxín e Setedezasete, que contou co favor da audiencia en Reggae/Ska/Mestizaxe (onde se impuxo aos eternos aspirantes Dakidarría) ou de Talabarte co seu segundo disco Fake. Pálida foi outro proxecto que viu recoñecida a súa carreira na electrónica galega con tres discos ás costas, o último aínda de finais de 2016.

Segundo sinala Fernández, "moitos dos premiados son artistas que tiraron discos no último ano. Paréceme algo positivo e conduce ao que antes ou despois ten que ser a filosofía dos premios, que é galardoar proxectos do ano anterior, o cal é algo moi común neste tipo de premios". Recoñece, no entanto, que "o disco xa non ten a mesma importancia de antes", a apuntar casos como o de Agoraphobia. "Moita xente saca cancións en vídeos e publícaos na rede, pero penso que a tendencia é premiar proxectos recentes".

Veteranía
Houbo tamén premios para proxectos veteranos en optar a estes galardóns. Foi o caso de María Fumaça, conseguiu ao segundo intento coroarse como mellor banda para os máis cativos, co seu recente Aire!. Tamén o de Aphonnic que obtivo o galardón en Metal logo de 3 tentativas, ao igual que Vaamonde, Lamas e Romero, que levaron para casa finalmente o de folque. O recoñecemento en Músicas de Verbena a Áureas co seu espectáculo En Voga continúa a tendencia do pasado ano co galardón á Orquestra Os Modernos, proxectos de aire retro que actualizan antigas músicas e as levan ás novas festas.

Organistrum
Nos premios Organistrum, como está a ser habitual, de novo unha sala pequena acadou o galardón ao mellor espazo para a música do país. Trátase nesta ocasión de A Pousada das Ánimas, en Boiro. Algo similar aconteceu co Surfing the Lérez, un modesto evento pontevedrés que se fai co premio a festivais ao que tamén optaban veteranos como o festival de Pardiñas. O desembarco da TVG nas candidaturas a medios de comunicación deixouse notar, e os premios recoñeceron o bo facer de ZigZag na promoción da música país.

Demandas e proxectos
As reivindicacións tamén tiveron o seu espazo na gala de entrega. Segundo lembra Fernández "houbo momentos emocionantes nos que se lanzaron ao público mensaxes que non son as típicas nestes casos". Entre estes salienta a reivindicación que realizou Uxía dos problemas de accesibilidade para as persoas con discapacidade a teatros e auditorios. A presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, denunciou os ataques á liberdade de expresión que están a sufrir diferentes músicos e as irregularidades en concursos públicos orientados ao sector. A revisión do IVE, que continúa no 21% para a contratación e facturación de músicos e artistas, ou a necesidade dunha maior presenza da música nos medios de comunicación e nos currículos de ensino obrigatorio foron outras demandas do sector que Pinheiro incluíu no discurso de clausura do acto. Como novidades, na súa alocución anunciou que MAV está na recta final da creación da Cooperativa Galega de Músicos ao Vivo, "un soño que desexamos se faga realidade axiña e que marcará un antes e un despois na xestión e soporte legal das músicas e músicos galegos". Ademais, a presidenta sinalou que o traballo coas institucións do país está a permitir acordar unhas condicións económicas e laborais dignas para intérpretes musicais en circuitos e festivais, que xa estarán vixentes neste ano.

Como é habitual, desde Músicos ao Vivo Guillerme Fernández defende que o palmarés resultou "bastante ponderado, hai cantidade e calidade en moitos proxectos que poderían levar estes recoñecementos. Desde a organización insistimos moito en que non hai gañadores nin perdedores, o que pretenden estes premios é visibilizar o que se está a facer, e ser un cariño que nos damos entre os músicos".

Galardoados nos IV Premios Martín Códax da Música en Galicia

POP/iNDIE Os Amigos dos Músicos


ROCK Agoraphobia


JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Iago Fernández


HIP HOP/MÚSICAS URBANAS Maladrómeda


CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Alberto Vilas


FOLQUE Vaamonde, Lamas e Romero


MÚSICA TRADICIONAL GALEGA Davide Salvado


MÚSICAS DO MUNDO Talabarte

Talabarte from Juan Luis Rúa Prieto on Vimeo.



MÚSICA INFANTIL María Fumaça – Aire!


MÚSICA ELECTRÓNICA Pálida


METAL Aphonnic


REGGAE/SKA/MESTIZAXE O Sonoro Maxín


ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Áureas en Voga

Aureas na Goleta from Áureas on Vimeo.



BLUES/FUNK/SOUL VooDoo


CANCIÓN DE AUTOR Sonia Lebedynski


COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz


ORGANISTRUM FESTIVAIS Surfing the Lérez

ORGANISTRUM SALAS A Pousada das Ánimas

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL ZigZag-TVG

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer