Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A promesa da Illa

O ATLANTIC FEST ABRE O VERáN DOS GRANDES FESTIVAIS DOBRANDO A ASISTENCIA DA PRIMEIRA EDICIóN

A promesa da Illa

INDIE | xullo 4, 2017

imaxe non dispoñible

Atlantic Fest 2017 foi unha promesa cumprida. A promesa era a de un festival de verán, de praia, música indie e relaxado ambiente familiar. Verán polas datas, coa estación apenas estreada e prometedora aínda, dando os seus primeiros pasos e ofrecendo unha meteoroloxía favorable que non defraudou nin resultou molesta; de praia pola localización privilexiada, nesa Illa de Arousa que é perla da súa ría, e coa praia do Bao como marxe exterior e extensión do propio recinto do evento; indie pola proposta musical, conformando un cartel de predominio nacional que, sen propostas estridentes, reúne a algúns dos nomes representativos da escena independente, desde formacións históricas do xénero ate novas e incipientes promesas. Finalmente familiar, pola configuración formal – tanto en horarios como no propio recinto e oferta de actividades- e a clara intención de ser unha oferta non-excluínte para as parellas ou familias novas con crianzas de todas as idades. Cun abano de idades que vai desde os vinte e moitos anos ata os máis de cincuenta, o Atlantic Fest atrae a un público maduro e esixente no musical que ten ganas de divertirse dun xeito relaxado, xa sexa con parella e familia ou con amizades.

Co Atlantic Fest abriuse a campaña dos Rías Baixas Fests, a marca auspiciada pola Deputación Provincial de Pontevedra que engloba oito eventos deste tipo no radio turístico das localidades das Rías Baixas e que se abre co evento da Illa de Arousa, segue con Cultura Quente e PortAmérica en Caldas e rematará en setembro co Festival Cidade Europea do Viño en Cambados. No pasado ano o festival contabilizou unha asistencia de 6.000 persoas entre os tres días, segundo o organizador do evento, Toño Caneda, este ano foi practicamente o dobre. Pero máis alá das cifras, da experiencia global, as actividades ou da loxística organizativa – que comentaremos máis adiante- a personalidade dun festival, a súa verdadeira cara, é a que se amosa no deseño do seu cartel. Nese sentido o Atlántic Fest ofrece a cara máis agradable, divertida, segura e sen estridencias do "indie". Cun criterio de calidade innegable e sen renunciar por iso a animar ao descubrimento de novas propostas e sons o evento arousán escribe nos paneis nomes coñecidos capaces de atraer seguidores incondicionais por centos xunto a outros máis minoritarios pero co común denominador do bo facer, o dinamismo e a positividade.

Os festivais, como calquera outro tipo de evento de carácter periódico, están suxeitos a cambios e evolucións, algúns desexados e previstos e outros non tanto. O crecemento, que é un síntoma de éxito, implica novas necesidades e cambios por exemplo, e o Atlantic Fest está a ter éxito e polo tanto crecendo co cal necesita tamén adaptarse. "Hai que intentar non morrer de éxito", apunta Caneda. A afluencia de público deste ano, xa na primeira xornada superou o do pasado ano e iso fíxose notar na Illa e causou algunha que outra incomodidade. Os "Atlánticos" colonizaban a Illa xa desde o venres e hostalaría enchíase de xente empulseirada que ía atopándose, ubicándose e gozando da gastronomía tradicional arousá pero non tanto do programa de concertos da xornada. Os concertos programados para o venres, fóra do recinto, tanto no Auditorio Municipal coma en distintos locais de hostalería co patrocinio de Jägermeister reveláronse de aforo insuficiente para cubrir a capacidade de convocatoria do festival e era moita a xente que se xuntaba nas rúas vendo imposible acceder aos concertos e laiándose por esa circunstancia. A xente máis previsora acadou butacas no pequeno Auditorio municipal para asistir aos concertos de Os Amigos dos Músicos – recentemente recoñecidos como mellor banda pop indie nos Premios Martín Códax da Música en Galicia- e Rosalía & Raúl Refree pero o moi exiguo aforo dos outros locais era aínda máis restritivo. Cristina e Vane, chegadas de Madrid nesa mesma xornada como parte dun grupo de catorce amigas que se xuntaron para a ocasión, expresaban abertamente o seu enfado nas portas do Con do Moucho mentres dentro King of The Beach, tocaban para medio cento de persoas e fóra a rúa estaba ateigada de xente que só podía pasar a noite nas terrazas ou nos outros bares do arredor. "Se vimos a un festival non vimos para estar de bares, vimos para os concertos", dicía Cristina. "Vir hoxe para isto non é de recibo. Se só se pode asegurar a entrada o sábado entón é un festival dunha soa xornada", protestaba. "Sería moito mellor que puxeran unha pequena carpa nunha das prazas da vila que puidese acoller moita máis xente" apuntaba como idea Vane. Desde a promotora New Live, Caneda esegura estar xa pensando en como solucionar esta situación para o 2018 sen renunciar a ese circuíto de concertos nas tascas. "Tal vez facendo que os concertos sexan simultáneos ne varios locais e a xente poida elixir e distribuírse", di. En New Live xa están dándolle voltas ao 2018 desde o último acorde que soou deste 2017.


Unha longa xornada no Bao

No recinto principal da Praia do Bao a afluencia de público non ía ser un problema, nin para o aparcamento ou movemento de masas nin para as zonas de descanso xa que a propia praia actuaba como alivio e extensión para o esparcemento, as sestas ou as actividades e deportes acuáticos, nin moito menos para a asistencia aos concertos do escenario principal que sempre puido acoller axeitadamente a todo o público e ofrecer a correcta mobilidade e acceso. O sábado, aínda cun ceo algo anubado que non tardaría en abrir e cun recinto practicamente baleiro comezaban as actuacións do mediodía coa sesión a cargo do Electric Feels , o dúo de irmáns vigueses que xa con 11 anos –hai tan só tres- levaban as súas habilidades na mesa de mesturas ao festival Sinsal e ao seguinte ano ao Mad Cool. Con puntualidade británica, como foi norma durante toda a xornada e como resulta imprescindible nun festival que se preza de acoller a un público familiar para o cal a capacidade de anticipación e organización horaria é fundamental, os xemelgos Héctor e Nico Iglesias acendían a súa mesa de son e levaban a cabo a súa sesión. Se ben non había moito público para aprezar o seu bo facer eles resarciríanse á noite subido ao escenario da Zona Gastro onde xa se notaba a verdadeira medida da expectación que levantan estes novísimos artistas.

Comezaba a chegar o público máis madrugador e os galegos Best Boy, xa no escenario ían conseguindo quentar o ambiente da sesión vermú co seu rápido pase de media hora e mover a carpa que xa estaba ao 25% da súa capacidade e que se ía incrementando exponencialmente para que na hora da actuación de L.A. – o proxecto de Luis Alberto Segura- houbese xa una ocupación da metade da carpa do Escenario Son Estrella Galicia e o seu pop rock se notase no ambiente. Ofreceu o concerto máis longo da mañá poñendo unha potente banda sonora ao almorzo de moitos que xa ían enchendo as cabinas de tickets e os variados postos de comida da Zona Gastro na que a Dj Lucía Prada abría o correspondente escenario ás 14:45 e, ao mesmo tempo abríase a pequena carpa Galician Tunes na que as bandas gañadoras do certame Sonidos Mans , Komodo e Audionave, ían dar os seus recitais. Debido ás colas moitos estaban aínda no almorzo cando subiu ao escenario principal Anni B. Sweet, cantautora indie de referencia, cuxa actuación viuse un pouco afectada desa dispersión do público así como dalgunhas deficiencias co seu son que non permitía gozar ben a súa proposta. Outra cantautora que a continuación subía a un escenario era Ysied, a vilagarciá afincada en Madrid tocaba en casa presentando cancións do seu primeiro disco na Zona Gastro atraendo a atención de moitos coa súa elegante proposta.

Eran case as cinco da tarde cando a máquina de baile do barcelonés Joe Crepúsculo espertaba todos da sesta e da modorra e conseguía poñer a bailar e cantar a todo o festival coas súas máis disparatadas e movidas cancións que xa son himnos de verán como Música para adultos ou o Pisciburguer. Malia ser por convención unha música máis ligada á noite non molestou o sol e o tecno pop sincopado e discotequeiro de Crepúsculo, que xa ten varios albumes detrás, levantou todas as mans desde o seu micro e caixa de ritmos para adiantar o calor ía en aumento, o meteorolóxico e o ambiental. Tanta foi a potencia do seu concerto que a proposta electrónica posterior de Delorean tivo que esforzarse para manter o nivel de entusiasmo e houbo xente que aproveitou para achegarse ás propostas de outros escenarios como o Galician Tunes no que a actriz e cantante María Costas presentaba o seu proxecto musical Antilia ou o a Zona Gastro na que Dani & Friends facían corear a xente as súas interpretacións de temas coñecidos dos anos oitenta e noventa. Tras deles Os Amigos dos Músicos farían o seu segundo pase do festival alí mesmo demostrando a súa capacidade para sorprender a aquela xente de fóra de Galicia que non tivera a ocasión de escoitar aos de Ourense.

Para ese momento xa a presenza de familias, con cativos e cativas de todas as idades, mesmo bebés de carriño, estaba normalizada no recinto. Obradoiros de debuxo, futbolín, ping pong e outros xogos variados servían para mantelos divertidos e entretidos no ambiente e sempre estaba a praia como desafogo posible para mantelos contentos a eles e tranquilos aos seus pais. Non había estrañeza xa de ninguén que o feito da acentuada característica familiar da festa. E mesmo dentro dos concertos a presenza de nenos e nenas correndo sen problemas entre a xente ou bailando as músicas do momento víase con absoluta normalidade, como era a intención.

Cabezas de cartel

Seguindo coa puntualidade como norma da xornada malia o avultado do cartel, os australianos The Temper Trap, un dos dous nomes internacionais do Atlantic 2017, comezaron a súa actuación dispostos a demostrar por qué poden ser cabezas de cartel dun evento coma este. Co recinto cheo e o sol aínda no ceo a banda foi soltando as súas cancións máis coñecidas e conseguiu conectar grazas, entre outras cousas, á actitude do seu cantante, Dougy Mandagi, que con múltiples detalles estableceu diálogo e mesmo contacto físico co público. Os "atlánticos" entregáronse a seguir e cantar as cancións da banda de indie rock amosando que esa era unha das bazas que levaron a moita xente a acudir á Illa de Arousa esta fin de semana. Os australianos remataron a súa actuación co seu éxito máis coñecido polo gran público, o Sweet disposition co que conseguiron o clamor de toda a carpa que cantou a súa canción ao tempo e deixou un bo sabor para despedir o seu paso polo Atlantic Fest.

Comezaba facerse cada vez máis patente o vento no recinto e, entre a actuación do prato forte internacional do cartel e a seguinte do prato forte nacional – Los Planetas- moita xente pasou pola Zona Gastro a facerse con outro tipo de pratos e prepararse para seguir co festival. Algunhas caras coñecidas, ademais dos músicos e artistas, víanse polo recinto gozando do festival arousán. O rexedor compostelán, Martiño Noriega; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; o científico e divulgador Xurxo Mariño ou o actor Carlos Blanco compartían con familia e amigos esta segunda edición do Atlantic Fest.

E xa co solpor avanzado, nesa media luz dun horizonte que vai mudando, Los Planetas comezaron cos primeiros acordes de Islamabad, primeiro tema do seu novo disco Zona Temporalmente Autónoma (2017). A veterana banda precursora do son indie español, probablemente unha das máis influentes da música independente desde principios dos noventa e en toda unha xeración de público e músicos, xa ten acumulado ao longo da súa extensa carreira case tantos detractores como seguidores pero alí, como é natural predominaban estes últimos. Os cabezas de cartel nacionais optaron inicialmente por ir soltando temas deste novo traballo, algúns moi celebrados como Espíritu olímpico, mentres que outros se recibiron con máis frialdade por un público que agradeceu máis os éxitos máis míticos dos granadinos , como Qué puedo hacer , Cumpleaños total ou Pesadilla en el parque de atracciones, máis axeitados para unha actuación festivaleira.

Coa súa agardada actuación finalizada foi o momento en que os xemelgos Iglesias tomaba o control da música na Zona Gastro. Os Electric Feels tomaron o desquite da súa sesión matutina e coa lúa como testemuña e os pratos e caixa de ritmos como instrumento entusiasmaron ao persoal facendo bailar a todos e deixando claro o seu papel de futuro como profesionais.

Os que non tiveron fisuras na selección da setlist a interpretar foron a continuación os Lori Meyers. Herdeiros máis que claros de Los Planetas, os tamén granadinos aínda que máis novos, optaron en todo momento por levantar ao auditorio e facer saltar, cantar e bailar a xente atlántica de toda a carpa cos seus éxitos máis movidos e dinámicos. Eles foron tamén os únicos que utilizaron o escenario para facer unha proposta audiovisual complementando a música coas proxeccións das pantallas led. As cancións do seu último disco En la espiral, como Evolución ou Siempre brilla el sol, apareceron mesturadas con aqueles éxitos dos seus anteriores traballos como Emborracharme ou Mi realidad. Con eles deixando moi arriba os ánimos e o vento da illa soprando forte fora da carpa o festival entraba na madrugada e moitos eran xa os que daban por finalizado un longo día de actuacións, actividades e diversión. Na estrada a xente agolpábase agardando polo autobús que unía o recinto coa zona de acampada de Area de Secada, ao outro lado da illa. Para os que aguantaban ata o final a banda de Newcastle, Maximo Park, daban o mellor que tiñan facendo un recital de calidade que deixaba satisfeito ao público máis nocturno co seu rock con reminiscencias da súa época máis punk. A música seguiu ata altas horas cos Dj da Zona Gastro e froito dese alongamento da xornada os concertos do seguinte día na Sesión Vermú nas tascas ou na Praza de Abastos non tiveron problemas co aforo, xa que ademais a calor invitaba a gozar das boas praias da illa e para outros tocaba xa aproveitar o domingo para retirada ás súas localidades de orixe. Así, co sol no alto remataba a segunda edición do Atlantic Fest que ve consolidado o seu papel inaugurador do verán e abandeirado da música independente de calidade coas súas promesas cumpridas e moitas ganas dun novo compromiso con criterios semellantes e pequenos defectos pulidos para o vindeiro 2018.



 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer