Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Éxito e espectacularidade no Resurrection Fest

A CITA MáIS ROCKEIRA DO VERáN PECHA CON éXITO E CO RETO DE SEGUIR MEDRANDO NO 2018

Éxito e espectacularidade no Resurrection Fest

ROCK | xullo 11, 2017

imaxe non dispoñible

O Resurrection Fest de 2017 rematou con éxito. Este ano batéronse records de novo. 86475 asistentes e todos os abonos vendidos. O festival segue medrando pese as dificultades intrínsecas que xorden de organizar un macroevento nunha vila relativamente pequena. Pero ese é tamén un dos maiores encantos. Viveiro multiplica a súa poboación eses días e os hostaleiros fan o seu particular agosto.

O Resurrection Fest é un evento que reune a xeracións. Gran parte do público é xente que escoitou por primeira vez ás bandas míticas do rock duro alá polo anos 80 e mesmo finais dos 70 cando eran rapaces. Para eles o festival é un evento nostálxico. O feito de que exista un servizo de gardería, o Resukids, da unha idea da importancia deste público. É o caso de Pablo e Bea, un matrimonio de Vigo que asiste cun dos seus fillos, afeccionado á música como eles e que está empezando a tocar a batería, segundo nos informe o seu orgulloso pai. Pero este festival é tamén un evento de xente nova, daqueles que acaban de descubrir os ritmos frenéticos e as guitarras distorsionadas. Para Gabi, un navarro de 18 anos, era o primeiro festival ao que ía, e quedou impresionado. Quedou especialmente encantado con Sabaton e Airbourne, polo gran directo que teñen, segundo nos dicía. Anunciou que o ano que ven ten que traer moitos máis megas de datos no móbil porque non puido acudir a algunha "quedada" das que se formaron a través de redes sociais e foros de discusión.

Este ano houbo más de 100 concertos de bandas de distintos estilos máis ou menos relacionados co rock duro. As bandas principais non decepcionaron. Anthrax tocou o xoves e non defraudou aos milleiros de fans do seu heavy metal que se achegaron a velos. O venres foi a quenda dos cabezas de cartel que aglutinan maior número de sguidores fixos,os alemáns Rammstein, cun espectáculo musical e pirotécnico que pasa de ser un dos máis importantes no mundo na súa especialidade. A súa impresionante escenografía, que só se podia ver este ano na penìnsula se un se achegaba a Viveiro, resultou ser unha fusión de explosións, lanzachamas e música moi ben sincronizada e perfectamente executada como para facer da súa espectacularidade un dos eventos a lembrar para todos os que se achegaron a esta edición do "Resu". O despregue técnico desta banda é enorme e precisa de 18 camións articulados con todo o necesario. O sábado tocaron no escenario principal os californianos Rancid durante unha hora e cuarto.

A organización do festival é exemplar. Chama a atención que nunha concentración tan grande de persoas os incidentes sexan anecdóticos. O aspecto fero e agresivo que adoptan moitos seguidores destes grupos pode facer pensar que cando se xuntan miles deles os enfrontamentos sexan inevitables. Nada máis lonxe da realidade. É certo que a visión do "crowdsurfing", que consiste en deixarse levar deitado por enriba do público pasando de man en man sobre as cabezas ou, sobre todo, os "circle pit", esa especie de danza en círculos que semella unha pelexa para que non o viu nunca, poden ser sobrecolledores e teñen certo risco para a integridade física, pero as consecuencias non pasan dalgún rabuñazo.

Éxito económico

O festival é unha actividade importante para a economía local. O impacto directo pode cifrarse en algo máis de 11 millóns de euros, o cal é unha magnitude que supón máis do 3% do PIB de Viviero. O Resurrection xera uns 800 empregos entre directos e indirectos e ten unha incidencia destacada nos negocios de hostalería. A ocupación hoteleira é do 100% durante esa semana, pero é que ademais é moi difícil atopar unha habitación baleira en toda a comarca e mesmo no norte da provincia.


A xente que ven a pasar estes días á Mariña de Lugo non ven só pola música. Un grupo de rapaces daneses ven por terceira vez ao festival. Encántalles as praias que eles mesmos definen como "salvaxes". Gozan da festa durante todo o día, non so no recinto do festival, senón polas rúas da vila. A eles paréceslle un lugar fermoso e un ambiente inigualable. Na súa terra, a música baseada nas diferentes vertentes do "metal" é moi popular, pero para ter unha experiencia "total" como a do Resurrection Fest, non lles importa ter que coller dous avións e outros dous autobuses dende Copenhage. E é que este festival se fai con persoas chegadas de todo o mundo, con entradas vendidas en máis de 30 países distintos.

Unha das razóns para que todo isto funcione á perfección está na dedicación dos seus responsables. David Méndez, un dos fundadores e principal directivo do evento, pasa desapercibido entre a morea de xente tentando atender aos invitados dos patrocinadores mentres supervisa todos os procesos que pode. Mira o móbil cada 30 segundos e resolve as eventualidades que se presentan, que non son poucas. Un dos invitados é Kin Martínez da empresa Esmerarte, organizadores do PortAmérica, un experto na organización de eventos deste tipo e que é consciente da dificultade de mover artistas con retos técnicos como os que se poden ver neste festival. Tamén acoden á cita Jacobo Sutil, director de AGADIC e Román Rodríguez, que ademáis de máximo responsable da política cultural do país é rockeiro. Para eles o evento é un exemplo de iniciativa cultural tanto pola afluencia de público como polo retorno económico que xera.

Este ano, como case todos, houbo novidades. Á oferta de camping gratuíto e ao Resucamp, que conta con auga quente, servizo de gardarroupa, cafetería e mesmo enchufes para conectar os móbiles e as tabletas, uniuse o Beachcamp, xunta á praia de Area, cunhas vistas ao mar inmellorables. A área Glamping, á que solo hai que chegar coa equipaxe, tamén segue a ser un éxito.

Xustamente o éxito do Resurrection Fest fai cada vez máis difícil o reto de ofrecer un cartel que permita seguir crecendo e facelo mellor ano tras ano. A maioría do público, que marchaba cansado, pero contento e satisfeito, xa se preguntaba polo que sería capaz de ofrecer a edición de 2018.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer