Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Festival Noroeste: o fénix que medra

COMEZA HOXE REFORZADA UNHA DAS CITAS MUSICAIS ESTIVAIS MáIS IMPORTANTES E LONXEVAS QUE PASOU POR POLéMICOS E DIFíCILES MOMENTOS

Festival Noroeste: o fénix que medra

ROCK | agosto 8, 2017

imaxe non dispoñible

A Coruña transformarase a partires de hoxe durante seis días nun grande escenario para acoller unha nova edición do Noroeste Estrella Galicia. Un festival cunha ampla traxectoria -esta será a súa 31ª edición- que hai tres anos comezou un fondo proceso de transformación, pasando de celebrar dúas noites de concertos na praia de Riazor a espallar 200 horas de música, do martes 8 ao domingo 13 de agosto, por 15 escenarios singulares da cidade, converténdose deste xeito nun dos maiores festivais urbanos de España que congrega arredor de 70.000 persoas. A intrahistoria do evento transcorre entre capítulos do máis peculiar que inclúen desaparición circunstancial, recuperación, actuacións sorprendentes, protestas nas rúas, enfrontamentos políticos e transformación ata chegar a este momento no que se pode dicir que resulta a aposta máis forte dun concello polo formato do festival urbano.

Corrían os musicalmente axitados anos 80 cando o Concello herculino decidía, concretamente en 1986, achegar ás festas de María Pita un evento que viñera a cubrir as demandas musicais da xuventude coruñesa. Eran tempos de efervescente activación cultural underground saída da "movida" e en todas as cidades proliferaban os grupos locais que exploraban a súa creatividade e expresábanse cos sons que triunfaban en radios e locais. Na Coruña, como en Vigo, a "movida" deu lugar á creación de bandas que exploraban o punk, o rock e o pop. Nese momento se deu forma a unha das ideas clave do festival que ainda que durante un tempo desapareceu hoxe se mantén: xuntar aos artistas locais con outros de nivel nacional naquel momento, a inclusión de artistas internacionais aínda tivo que agardar uns anos. O Noroeste Pop- Rock tamén tivo moitas localizacións ata recalar na praia de Riazor como sinal de identidade propio. Inicialmente pensado para estrearse no bario de Durmideiras levantou o pano no Pavillón de deportes de Riazor, esta localización e a Praza de María Pita acolleron as primeiras edicións.

Unha das primeiras polémicas da historia do festival comezou no ano 92 ao ter que cambiarlle circunstancialmente o nome por unha cuestión de dereitos ao ter a denominación rexistrada un particular que participara na organización das primeiras edicións. Co nome de Coruña Pop-Rock o evento seguiu ata o ano 2005, que recuperou a súa denominación orixinal Noroeste Pop-Rock, que mantería ata a chegada da cervexeira local Estrella Galicia como patrocinador principal, sumando o seu nome ao do evento. Tamén nesa década entre a perda e recuperación do nome o festival sufriu unha desaparición de dous anos, 2002 e 2003, no que non se chegou a celebrar oficialmente, aínda que o programa das festas si ofrecía concertos en Riazor. Esa década previa ao parón tamén supuxo, durante anos a desaparición das bandas locais do cartel, decantándose máis polos nomes internacionais complementados con bandas de sona nacional. Foi no 1994 cando Inmaculate Fools encabezaban o festival e abrían a liña de internacionalidade do Noroeste en detrimento durante os seguintes anos dos artistas coruñeses. Neses anos a escena musical galega apenas puido acceder a ese escenario coas excepcións de Pablo Bicho en 1998 e a banda de Xoel López, deluxe, que en 2001 abría o festival encabezado por The Waterboys. Tras o parón de dous anos, o 2004 o Noroeste Pop-Rock como tal volvía a Riazor cun marcado acento galego grazas a Heredeiros da Crus e Los Suaves e cun programa de varios días.

Ao longo do seu percorrido e antes da súa actual transformación a festival urbano o festival de Riazor encheu de nomes musicais o verán coruñés conseguindo unha oferta heterodoxa e variada. Polo Noroeste Pop-Rock (e tamén o Coruña Pop-Rock) pasaron bandas senlleiras da movida e a post-movida como Radio Futura, Nacha Pop, Danza Invisible, Peor Imposible, Toreros Muertos, Glutamato Ye-Yé, La Mode, Mermelada, Burning, Objetivo Birmania, ou Manolo tena, entre moitos. Tamén as grandes apostas da música galega que triunfaban a nivel nacional como Siniestro Total, Os Resentidos, Luz Casal, Los Suaves, Cómplices e máis recentemente Iván Ferreiro, Triángulo de Amor Bizarro, Xoél López en solitario ou con Deluxe entre outros moitos como Igloo ou Cormelius. A nivel internacional o festival supuxo unha cita importante con algunhas das bandas relevantes da escena global e por Riazor puidéronse ver a The Cure, Bob Geldof, Paul Weller, New York Dolls, Joe Cocker, Simply Red, The Waterboys ou Calle 13, entre outros.


2009-2010 Crisis e cambio
A seguinte polémica chegaría no ano 2009, xustamente a raíz do cartel dese ano. Dos tres días que había para o Festival Noroeste Pop-Rock ese ano, o do medio, un venres, o cartel ofrecía as actuacións de Raphael e El Consorcio. A singular inclusión destes artistas co intento de agradar a un público máis amplo semellou fóra de lugar para moita xente nun evento que incluía no seu nome unha clara designación de xéneros musicais. O feito de que no resto dos días tampouco apareces ningunha figura de carácter internacional fixo que a edición dese ano fora obxecto de múltiples críticas tanto dentro so salón de plenos do Concello, por parte da oposición como nas rúas da cidade. A través das redes sociais se foi xestando unha protesta popular da que participaría virtualmente arredor de tres milleiros de persoas e que rematou cunha concentración de protesta na propia Praza de María Pita solicitando a recondución do festival e con numerosos artigos nos medios de comunicación. Para o seguinte ano o Concelleiro de Festas, Carlos González-Garcés anunciou ter tomado a decisión de suprimilo das festas dese ano polos recortes orzamentarios que a crise estaba obrigando a facer ao consistorio. A decisión foi moi protestada en todas ss frontes, sociais, culturais e políticas da cidade e de novo as redes sociais serviron para amosar o descontento coa decisión que se entendeu como unha vinganza polas protestas do ano anterior das as palabras coas que o concelleiro anunciaba esa anulación: "Había quen criticaba que todos os anos facíamos o mesmo nas festas. Para que vexan que non é certo e que si que facemos cambios, este ano suprimimos el Noroeste", chegou a dicir o edil. Pero a presión sobre o consistorio fixo mudar esa decisión e finalmente o propio alcalde anunciou que o Noroeste Pop-Rock se celebraría e que ademais de artistas nacionais as bandas locais e galegas poderían volver ao escenario a través dun certame que as faría competir por actuar. Finalmente o 4 de agosto de 2010 actuaron na praia Exit, Carlos Childe Troupe e Loquillo. Ao día seguinte foron Igloo, Cornelius 1960 e Los Planetas os que participarían nesa polémica edición.

Nos seguintes anos o festival mantívose, fiel a ese modelo de participación local e sorteando a crise económica coa renuncia a nomes destacados da escena internacional, ofrecendo dous días de pop e rock a cargo de bandas coruñesas e galega e algún nomes da escena nacional. No ano 2013 volveu a internacionalidade ao cartel cos británicos Suede. E no seguinte, xa na vixésima oitava edición foron a banda Madness a que lle deron a internacionalidade ao cartel. O gran paso chegaría ao ano seguinte, tras o cambio de goberno municipal ocorrido en maio dese ano e conseguindo a alcaldía os actuais gobernantes.

Se na edición do Noroeste de 2014 contábase con 8 bandas situadas en tan só un escenario da cidade (a praia), no 2015 pasouse a 31 bandas en 4 escenarios, relación que medrou ata 60 actuacións e 9 escenarios en 2016 e este ano vai aínda máis alá, con 15 localizacións distintas ao longo de toda a cidade, incluída a praia e máis de 90 grupos dos que case a metade son galegos. A aposta feita desde o Concello polo festival é contundente e estratéxica na súa concepción. "Este festival é unha aposta pola música, pola cultura e pola proxección estatal e internacional da Coruña como unha cidade de vangarda", destacou o alcalade da Coruña, Xulio Ferreiro, durante a presentación desta 31ª edición. "O festival leva tres anos medrando en días, artistas e horas de música ao vivo, o que demostra a aposta esencial deste Goberno pola cultura como mascarón de proa na proxección de cidade, e que afonda na idea da Coruña como cidade da música", sinalou o rexedor. Que subliñou a necesidade de que o Noroeste sexa unha plataforma que sirva para proxectar o talento coruñés e galego. Na mesma liña tamén se expresaba o Concelleiro de Culturas, deporte e Coñecemento, José Manuel Sande: "Este festival vai máis alá da música, xa que é unha aposta de cidade". "Non só damos a coñecer, unha vez máis, o potencial artístico da Coruña, unha cidade ilustrada e de música, senón que tamén poñemos en valor os nosos espazos simbólicos e tradicionais, polo que esperamos que se converta tamén nun polo xerador de turismo e de xeración económica", destacou. "En 2015, cando o actual Goberno local chegou a María Pita, a pesar da escasa marxe de manobra, iniciamos un cambio na concepción deste recoñecido festival. Hoxe, podemos dicir que damos a coñecer as liñas básicas do Noroeste do futuro, que é unha imaxe da propia cidade. Este evento representa unha cultura de proximidade, experiencial, sostible e de vangarda", comentou. "O Noroeste potencia a proxección da cidade e da súa marca contemporánea a nivel internacional", explicou. Dentro desta nova concepción está incluída a cooperación cos axentes locais na elaboración da programación do evento e nas tomas de decisións, así a concellaría herculina tivo a colaboración de cinco axentes locais galegos na confección da programación do evento, como son Clubtura, Cuac FM, Desconcierto Cultural, Músicos ao Vivo e Nave 1839.

O que empeza
O Noroeste redescóbrese, este 2017, como un festival vivo, unha experiencia completa e orixinal que ofrece seis días de concertos, 15 escenarios repartidos por toda a cidade e máis de 200 horas de música con distintas alternativas para públicos diversos que teñen en común o seu amor pola música, a súa curiosidade e a súa capacidade para gozar coas experiencias culturais singulares. O 31º Festival Noroeste Estrella Galicia ofrecerá, do martes ao domingo, unha ambiciosa programación na que teñen cabida estilos tan diversos como o pop, o rock, o indie, a música de vangarda, o hip hop, a fusión ou o punk e que permitirá aos padais máis esixentes gozar cunha experiencia completa: vibrar coas súas bandas favoritas e descubrir novos grupos e artistas menos habituais na nosa xeografía, amais de achegar unha completa mostra da escena musical galega.

O 31 Festival Noroeste mantén os seus característicos concertos gratuítos as noites do venres e do sábado en Riazor, que este ano protagonizarán os británicos Kaiser Chiefs -no seu único concerto no noso país nos próximos meses-,os escoceses The Jesus And Mary Chain -nunha das súas escasas actuacións en España este verán-, os españois Surfin' Bichos -reunidos en exclusiva para a xira do 25 aniversario do seu mítico álbum Hermanos Carnales-, e máis o galego Iván Ferreiro. Xunto a eles, as bandas gañadoras do XIX Concurso de Bandas e Solistas da emisora Cuac FM: Cia Campillo, da Coruña; The Riggos, a medio camiño entre Gondomar e Monforte; Eager Platypus, de Arteixo; e Boyanka Kostova, de Compostela.

O renovado formato que propón dende hai tres anos a organización do Noroeste Estrella Galicia, engade, ademáis, de martes a xoves, un ronsel de concertos de tardenoite espallados por espazos singulares e con encanto da cidade, o chamado Noroeste Expandido. Así, o martes 8, Rosalía e Raül Refree levarán o seu flamenco experimental a unha fortaleza do século XVI ao pé do mar, o Castelo de San Antón, no que o mércores 9 e o xoves 10 soarán, tamén, a voz da londiniense de raíces caribeñas Ala.Ni e o personalísimo phado da lisboeta Lula Pena.

Outro espazo singular no que gozar coa música de distancias curtas é o patio da casa familiar do presidente do Goberno da II República, Santiago Casares Quiroga. Alí actuarán tres artistas da cidade -Indomable, Luga e Mielitza- nas tardes do martes, mércores e xove. A cita coa íntima emoción da música de autor será ás 19h15. A Fundación Luís Seoane acollerá propostas da electrónica máis arriscada e vangardista, como a do islandés Valgeir Sigurdsson, colabordor de músicos da talla de Björk, Bonnie ‘Prince’ Billy, Feist, Damon Albarn, CocoRosie, Sigur Rós, Jóhann Jóhannsson ou Brian Eno, entre outros; a do estadounidense Helado Negro; ou a dos coruñeses Naranja imaginario, un proxecto musical multidisciplinar, emocionante e singular formado por persoas con discapacidade intelectual. E dúas das prazas máis emblemáticas e populares da Coruña, as Bárbaras e San Nicolás, converteranse en auténticos escenarios urbanos polos que pasarán artistas tan lendarios como Enric Montefusco, New Day ou Aviador Dro (cada noite, ás 22h45, na Praza das Bárbaras) e New York Ska-Jazz, Lisa & the Lips ou Los Mambo Jambo (cada noite, ás 23h15, na Praza de San Nicolás). Antes, abrirá boca unha coidada selección de propostas galegas, españolas e internacionais: de Radio Océano a Emilio José, pasando polos chineses Rolling Bowling, a cacereña Prexton ou a californiana Cygne. Tamén Captains, The Soul Jacket, The allnight workers, Os Gru, Travesti Afgano, Pantis ou Ricky Hombre Libre e as coruñesas Lascivos, Jules & the wolf, The Preachers, Harakiri, Dagla ou Ánima.

Este ano, o festival incorpora, ademáis, un ciclo comisariado por Desconcierto Cultural, as Matinais do Noroeste, que xoves, venres e sábado amenizará a hora do aperitivo en diferentes rúas e prazas da Coruña. Será unha completa mostra da nova escena musical galega e española pola que pasarán (en rigorosa orde de aparición): Sen Senra, Seward, Tórtel, Salto, Bala, Calero, Druso, Les Sueques, Espiño, Futuro Terror, Puma Pumku, Los Begala, Atrás Tigre, Alien Tango, Bifannah, Wild Honey, Malandrómeda e Terrier.

No seu afán por medrar e dar cabida a novo formatos e públicos, o festival coruñés inclúe nesta 31ª edición dúas actuacións internacionais no Teatro Rosalía de Castro e no Teatro Colón : o grupo de rock experimental estadounidense Swans e o compositor portugués Rodrigo Leao ofrecerán cadanseu recital nun ambiente íntimo os días 8 e 9 de agosto, dentro do ciclo Selección Noroeste. A ampla maioría dos concertos do Noroeste Estrella Galicia son gratuítos, pero para estes dous espectáculos é preciso mercar entrada, a través do portal ticketea, cun custo de entre os 16 e 22 euros.
E cando terminen os aplausos na praia, prazas, rúas e parques da cidade, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a DJs residentes e visitantes como sobremesa do menú que propón o Noroeste+. Picadas de música pop e rock internacional e española, clásicos de décadas pasadas e himnos contemporáneos, electrónica alternativa, house, synth pop... que encherán salas imprescindibles da noite coruñesa, todas as noites da semana, nun ciclo organizado da man da asociación de salas e locais de música en directo de Galicia, Clubcultura. Marc Dorian, Adrián Lle Freak & Eva Picnic, DJ Flow, Leia DJ, New Day DJs, Stereomötor DJs, Servando Carballar (Aviador Dro), Reflexión Sonora DJ ou Tito Lesende, serán algúns dos encargados de facer soar a música ata a madrugada.

E, por último, unha romaría pop-rock para todos os públicos pechará o domingo 13 de agosto o 31º Festival Noroeste Estrella Galicia, no parque do Paseo das Pontes, cun completo programa musical en sesión continua, dende as 13h ata as 21h, e cunha variada proposta de actividades para gozar en familia. Dende a organización, convídase ao público a achegarse á romaría co xantar e coa merenda, para poder gozala de principio a fin. A música correrá a cargo dos vigueses Eladio y Los Seres Queridos, do abulense Vurro, do fundandor do colectivo de hip hop Dios Ke Te Crew, García MC; do Xoán Curiel máis maduro e natural; do trovador mexicano-canadiense Quique Escamilla; da novísima banda coruñesa Proyecto Moucho; e máis o DJ Isaac Peces, que se encargará de que os sons da música negra, jazz, soul, funk, brazil, afrobeat, disco, boogie, electrónica e groove acompañen unha xornada festiva na que haberá degustacións, xincanas, xogos e unha morea de actividades para descubrir o rural galego, da man do Mercado da Colleita.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer