Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / aCentral Folque recupera a memoria musical da emigración a través de Maruxa Boga

UN LIBRO-DISCO DIVULGA A SúA INFLUENCIA CRUCIAL NA ACTIVIDADE CULTURAL DA EMIGRACIóN EN ARXENTINA CO PROGRAMA RADIOFóNICO 'RECORDANDO A GALICIA'

aCentral Folque recupera a memoria musical da emigración a través de Maruxa Boga

MISCELáNEA | novembro 14, 2017

imaxe non dispoñible

A editora e promotora cultural aCentral Folque ven de presentar o libro-disco Maruxa Boga. Recordando a Galicia nun acto no Consello da Cultura Galega. Este volume, que se insire na colección Chave Mestra da editorial, recupera da man de Jesús Blanco Rosas e Norberto Pedro Cirio a memoria da locutora de radio, filla de emigrantes galegos, María Josefina Boga Romaní, máis coñecida como Maruxa Boga (Río da Prata, 1916- B. Aires, 2010), que a través do programa radiofónico Recordando a Galicia divulgou infinidade de músicas xeradas na colectividade da emigración desde 1945, cando crea o programa seguindo a proposta que lle fixera Castelao.

Amiga do escritor de Rianxo, Maruxa Boga foi unha das actrices protagonistas na estrea mundial en 1941 de Os vellos non deben namorarse, no Teatro Mayo de Bos Aires. Maruxa Boga foi unha das mulleres máis emblemáticas da emigración galega, pioneira na radiodifusión e no ámbito artístico-musical. Polo estudo de Recordando a Galicia pasaron intelectuais, artistas e escritores como Castelao, Luís Seoane ou Manuel Colmeiro. Pero sobre todo a audición foi un lugar de difusión e posta en valor da música galega creada en Arxentina, contando co amplo fondo musical que lle proporcionaban as principais casas discográficas locais e coas actuacións ao vivo das principais agrupacións, compositores e artistas residentes. A edición presentada onte rescata, descobre e divulga a figura desta muller achegando importante información documental como fotografías inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición e análise de partituras e CDs con gravacións orixinais e inéditas. O disco recolle mostras do programa e gravacións de músicos galegos na emigración, gaiteiros tradicionais e outros artistas que cultivaban a música de varios xéneros, mesmo do tango. Os autores e a editorial tiraron de fondos particulares e institucionais como o Arquivo da Emigración Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer