Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Rede Galega de Música ao Vivo incrementa orzamento e reduce recintos

AGADIC CONSENSUOU CON ASOCIACIóNS DE MúSICOS E SALAS AS AS LIñAS MESTRAS DA REDE PARA O 2018

A Rede Galega de Música ao Vivo incrementa orzamento e reduce recintos

MISCELáNEA | novembro 23, 2017

imaxe non dispoñible

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) comeza unha nova etapa cun orzamento moi mellorado e incrementos no pago mínimo aos artistas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación destinará 185.000 euros á programación de 2018, cifra que supón un aumento do 105% respecto ao investimento deste ano. Este incremento orzamentario impulsa este circuíto, con 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión e unha revisión das súas normas de funcionamento. A Agadic financia o 85% da programación desta rede, promovida en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, mentres que os espazos asumen o 15% restante. As últimas cifras arroxadas de asistencia a espectáculos da RGMV corresponden ao ano 2016 no que se incrementou nun 16 por cento respecto ao exercizo anterior, ata conseguir a cifra de 12.645 asistentes.

Malia que a convocatoria contemplaba a posibilidade de incluír ata 35 salas de concertos, por motivos de requisitos técnicos e licenzas municipais a rede diminuíu o número de recintos implicados para esta convocatoria, pasando dos 32 do ano en curso, con capacidade conxunta para reunir 5.710 persoas, ás 23 salas que comporán o circuíto en 2018 que suman unha capacidade para 4.300 persoas. Tanto as bases para a admisión dos locais como as condicións para a xestión interna do circuíto foron consultadas cos representantes das principais asociacións do sector en Galicia. Desde Clubtura, o seu presidente Alberto Grandío, remite ao problema das diferentes normativas municipais de licenzas a locais para explicar esa diminución de salas para o 2018. "É unha loita a longo prazo, un tema do que sempre estivemos en contra e que debería pasar a máns do goberno autonómico ou central", di Grandío que lembra salas moi coñecidas que quedaron fóra por culpa de requisitos municipais das súas licenzas. O Presidente de Clubtura afirma ter visto interese en Agadic por ir incorporando algunhas das súas suxestións nas novas normas de funcionamento, "polo menos van na mesma dirección", afirma Grandío, que dirixe o mítico Clube Claviocémbalo de Lugo. Tamén as contías mínimas a cobrar polos artistas subiron de acordo ao proposto pola asociación de músicos e consensuada por todas as partes. Nestes momentos, e ata o 8 de decembro, mantense aberto precisamente o prazo para que os grupos inscriban a través do web www.galescena.gal as propostas que a Agadic lles achegará ás salas cara á configuración das súas carteleiras para o primeiro semestre de 2018. Dado o aumento de orzamento e o menor número se salas sería de esperar tamén un superior número de espectáculos da RGMV respecto aos case douscentos deste 2017.

Novas incorporacións
Entre as salas admitidas, , estréanse neste circuíto A Arca de Noé de Vilar de Santos, A Pousada das Ánimas de Boiro, La Pecera de Vigo e Playa Club da Coruña. Completan a relación de asociadas Bâbâ Bar, Jazz Filloa Club e Sala Garufa Club da Coruña, SalaSon de Cangas do Morrazo, Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, Club Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Var con V de Moaña, Náutico do Grove, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, A Casa das Crechas, La Borriquita de Belém, Moon Music Club e Sala Capitol de Santiago, El Contrabajo e La Fábrica de Chocolate de Vigo, e Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa. En 2018 o circuíto estenderase, pois, a 14 localidades das catro provincias.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer