Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Aprender das cantigas

Aprender das cantigas

FOLK | maio 19, 2008

Imprimir

Non cómpre ir a libros de texto e aos clásicos para aprender as bases da linguaxe musical. Máis achegada do que Mozart, a nosa tradición sonora achega material abondo para iniciarse neste ámbito. Desde o seu traballo na escola de Outeiro de Rei, Antón Castro ensínalle aos seus alumnos a pasar das cantigas ao pentagrama. Un xeito diferente e propio de se introducir nesta arte.

“É unha experiencia que levo anos a facer como docente”, explica Antón Castro. “Sobre todo trátase de que os rapaces e as rapazas dos centros fagan traballos de investigación e recompilación do folclore. Ese material será despois o que se empregue tanto para aprender esas cantigas como para coñecer os conceptos básicos da linguaxe musical”. Está claro que este proceso supón un traballo que non habería que facer de se conformar co libro de música, pero estamos ante un profesor que ten un amplo coñecemento e verdadeira paixón polo material co que traballa. No seu currículo figura o paso por grupos indispensables da nosa música coma Fuxan os ventos, Tangaraño ou Treboada. “Estou convencido de que se estás nun centro tes que traballar, e mellor se é algo que che gusta. En todo o esforzo que fago neste sentido pásame o tempo voando”, recoñece. A moita xente pode sorprenderlle que a complexidade da linguaxe musical se poida descubrir a partir de composicións a priori tan sinxelas como as que existen na nosa tradición. No entanto, Castro salienta a variedade do noso legado. “Penso que na nosa música tradicional hai material abondo para empregar en grande parte dos cursos académicos da educación obrigatoria.”


O proceso
Logo da xa mentada colleita de cantigas no contorno, comeza o traballo polo que esas composicións pasan a ser material didáctico. Segundo explica este profesor, “vanse seleccionando as cantigas. Búscanse por exemplo as que se basean principalmente en negras, corcheas ou semicorcheas e faise unha selección para ilas empregando de xeito progresivo”. Pasar os temas a partitura, comprobar as notacións e aprender a interpretar as melodías con instrumentos coma a frauta son outros pasos neste proceso de aprendizaxe. Estes temas relaciónanse despois con outras músicas do mundo ou con composicións clásicas, coa idea de que se vexan cales on as semellanzas e as diferenzas entre elas. “Tamén se lles ensina que dentro da música galega hai compositores que foron achegando saber musical ao longo de séculos, desde os mestres de capela das catedrais a autores coma Chané, Pascual Veiga ou Xoán Montes”, completa Castro.

Un exemplo a viva voz

Antón Castro explica como selecciona e emprega unha cantiga para este tipo de traballo. Escoita o audio:



Engado para os alumnos
Ao plus de interese que pode supor para os alumnos o feito de seren eles mesmos os autores do material de estudo, Antón Castro procura engadir un certo elemento de espectáculo ao seu traballo para favorecer a implicación. “Esta experiencia vai acompañada de música que fago con obxectos da vida cotiá coma culleres, vasos, paos ou cuncas. E todos teñen un xeito de se tocar que é moi interesante a nivel visual e capta axiña a atención dos nenos que queren tocar tamén. Entón con moi poucos recursos pódense facer moitas cousas”. Alén de espertar a atención dos cativos, a experiencia facilita tamén o contacto interxeracional e unha valoración da cultura popular. “Penso que todas as propostas que se fagan desde este punto de vista favorecen que os nenos valoren o seu contorno.” lembra Castro. “O avó dun neno pódenos dar traballo para dous meses de clase. Podes facer despois un concerto e traer esas persoas a cantar ao centro ou facer un concerto no que se lles amosen esas mesmas pezas con arranxos harmónicos, partes instrumentais e interpretadas con guitarras, flautas ou o que sexa”, lembra, “e algúns dinche `non sabía que era tan bonito o que eu cantaba´”. Afinal, resume “trátase de aproveitar a diferenza xeracional para aprender, non para separar”.

A difusión
Malia ás posibilidades deste sistema, non son coñecidas moitas propostas semellantes ás de Castro. Este ensinante cita, por exemplo, o traballo de Xavier Blanco, no Morrazo cos seus cursos de música tradicional. No entanto, de xeito mais ou menos discreto, hai xa dúas décadas que este mestre transmite nos máis variados foros os seus métodos de traballo. “Normalmente fago talleres con grupos de rapaces en centros educativos e semanas do libro e dou moitos cursos de formación para profesores, a través das universidades ou de movementos de renovación pedagóxica. Case todas as fins de semana téñoas ocupadas con estas cousas, e mesmo algún día polo medio da semana”. Encol da posibilidade de recompilar este material nalgún tipo de publicación que favoreza a súa difusión masiva, Castro amósase escéptico e modesto. “Paréceme que o que fago é tan básico que non paga a pena publicar. Trátase simplemente de aplicar a lóxica do que é a aprendizaxe ao ensino. Un rapaz debe aprender do seu contorno próximo e a partir de aí ir a outros contornos. E dicir que alguén debe facer iso, dise en dúas liñas”.

O comezo do camiño
De calquera xeito, o emprego da música tradicional como base para se introducir no solfexo non é unha invención recente e conta con ilustres cultivadores. “Bela Bártok, ademais de compositor, tamén fixo un método totalmente lóxico baseado na música popular e deulle moitísima enerxía á divulgación desta cuestión”. De feito, o seu propio traballo musical apostou polo desenvolvemento da música tradicional, un camiño que Castro considera mantén plena vixencia e que este sistema de ensino pode divulgar. “Do mesmo xeito que fixeron Xoán Montes ou Pascual Veiga que, coñecendo a linguaxe musical, adaptaron as formas tradicionais cunha nova fórmula. Logo os coros de principios de século aproveitaron este traballo e agora compositores coma Xulio Domínguez fai tamén unha revisión do folclore, ao igual que desde outras perspectivas grupos coma Berrogüetto, crean tamén o folclore do século XXI”.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer