culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / A alumear a queimada
Noticias

A ALUMEAR A QUEIMADA

Desmontamos os mitos sobre a orixe ancestral da queimada


10 / 10 / 2007
Santiago. Redacción

Pasa por ser un dos nosos símbolos gastronómicos máis tradicionais e, sen dúbida, é un dos máis recoñecidos internacionalmente. A queimada é unha bebida cuxa preparación vai vencellada a toda unha serie de rituais que a sitúan na fronteira entre o profano e o máxico. No entanto, nin o preparado nin o conxuro que tanto simbolizan a galeguidade teñen unha orixe tan ancestral como se supón.

Apóñenselle orixes celtas ou prehistóricos. Fálase da súa función máxica de defensa contra as meigas. Considérase, sobre todo no exterior, todo un símbolo de galeguidade. Malia á luz que desprende na súa produción, existen unhas certas tebras na orixe real da queimada. Mesmo a Gran Enciclopedia Galega advirte, desde a súa primeira edición, de que existe unha queimada tradicional, pero que a súa composición non tiña moito que ver coa que actualmente coñecemos. Non cómpre máis que pensar na dispoñibilidade de ingredientes escasos para os nosos devanceiros como podían ser o café ou o azucre. De calquera xeito, semella probado que xa na cultura tradicional se desenvolvía o consumo colectivo desta beberaxe como remate de diferentes xantares festivos. Canda a isto mantíñase un consumo máis privado, no que a queima do augardente estaba asociado a usos terapéuticos. No entanto, xa a Enciclopedia distingue a existencia dunha variedade “urbana” da queimada que é a que actualmente coñecemos todos.

A nosa queimada

Coincide nesta análise o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, que no artigo “A construción de referentes de identidade etno-nacional. Algunhas mostras sobre Galicia” explica que “a partir dunha data que podemos situar nos anos cincuenta do século XX, algúns galegos, coma os afincados en Madrid, comezaron a consumir estas bebida en grupo, en circunstancias festivas ou ao remate de comidas de confraternidade. A práctica foi acompañada dunha revitalización teatral de vellas crenzas como a lectura de esconxuros elaborados ad hoc e destinados a escorrentar as meigas”. Segundo completa a “Grande Enciclopedia Galega”, esta reinvención da queimada foi producindo “un ritual cada vez máis complexo no que cómpre certa atmosfera ou posta en escena”. As luces apagadas, o silencio no contorno, o movemento da culler deixando caer o augardente mentres arde… E, como non, ese celebérrimo esconxuro que tampouco é, na realidade moi antigo.

Queimada nos guateques

De feito, non se pode falar dun único esconxuro relacionado con esta práctica, xa que existen varios (e os que xorden e xurdirán da improvisación). Sen dúbida o máis coñecido é o que arrinca coa invocación “Mouchos, curuxas, sapos e bruxas” . Malia ao aspecto “ancestral” do recitado, este texto ten un autor coñecido e mesmo data aproximada de composición, nada antiga. “O conxuro naceu nos guateques durante os anos sesenta” explica o seu autor, Mariano Marcos e de Abalo, que ten desde 2001 rexistrados estes versos. Concretando máis, a Gran Enciclopedia Galega sitúa, nos seus apéndices, en 1967 o primeiro recitado. Para alén de o crear, Abalo especializouse en facer queimadas dentro do seu traballo en hostalaría, sendo empregadas, xa daquela, como atracción turística. No seu espectáculo, desenvolveu unha complexa posta en escena que incluía mesmo un disfrace ou unha caveira na mesa. Para alén, o propio Abalo apunta que ten rexistrados outros dous conxuros “máis poéticos”, tamén da súa creación.

Máis conxuros

Canda a este texto, ten tamén os seus seguidores outro que comeza “Lume, lumiña que verde camiña”, e que tamén conta cun autor con nome e apelidos: Xosé María Pérez Parallé. Aínda en setembro de 2007 se celebraba en Fene un congreso no que se conmemoraban os vinte anos da morte deste poeta de Ferrolterra. Por se nos parecen poucos, atopamos aínda un “Cantar da Queimada” feito por Baldomero Isorna e xa a propia Enciclopedia Galega advirte de que “son innumerables as composicións poéticas creadas en torno a esta práctica”. E non son só estes conxuros os que contan con autor. Segundo explica Reboredo, o mesmo pote onde se fai a queimada é tamén unha invención recente. “O invento tivo tanto éxito que un cacharreiro de Mondoñedo, Tito Freire, decidiu, en 1955, concibir un cacharro, en forma de tarteira e con pés coma un pote, para ser destinado a elaborala”, sinala no mesmo artigo.

Desmontando a orixe

É moi posible que haxa quen se sinta decepcionado ao descubrir o pouco ancestral de moitos dos elementos da queimada, logo da abondosa mitoloxía que se creou no seu contorno (facilmente localizable pola rede) na que se incide nas súas orixes celtas e pagáns e mais na súa significación máxica. Sobre estas cuestións reflexionaba, xa en 1972, Carlos Alonso del Real, catedrático de Prehistoria. Nun artigo publicado en “Grial”, este autor apuntaba a imposibilidade de que a queimada, mesmo nunha versión diferente, puidese ser anterior á Idade Media. “A augardente non pode ser anterior ao século XII”, explicaba, xa que os alambiques para a facer espalláronse en Europa só despois de intensos contactos cos árabes que os inventaran. “O mesmo hai que dicir do azucre”. En canto ao viño, “levaríanos como moito á época romana e temo que só aos monxes medievais”. Os cítricos e os propios cacharros empregados sosteñen a tese dunha orixe medieval (como moito) para a queimada.

Paralelismos ancestrais

No entanto, Del Real apunta a existencia de paralelismos “estruturais e non materiais” no rito e consumo da bebida con antigos costumes “escandinavos, célticos, xermánicos antigos ou aínda anteriores”. É dicir, que elementos coma o lume, o consumo colectivo de alcol e mesmo invocacións rituais existían, por xunto ou por separado, na antigüidade baixo moi diversas formas. “Non se pode pensar sen máis nin máis na pura coincidencia dunha broma ou dunha creación literaria e cívica moi moderna con cousas antigas”, lembra no seu artigo. Alonso del Real apunta a posibilidade de que os elementos da recreación recollan, de xeito consciente ou inconsciente, elementos xa presentes no noso acervo cultural, pero aclara que non se pode establecer en ningún caso unha continuidade as prácticas daqueles pobos e a nosa queimada.

Unha tradición moderna

Non podemos dicir, finalmente, que esta beberaxe e todo o rito aparellado non sexa tradicional. Estamos a falar, en todo caso, unha tradición recente, moi vencellada ao fenómeno migratorio e que consegue manterse con grande vitalidade. Na súa popularidade influíu a transmisión comercial do rito, coa publicación e venda de carteis e mesmo gravacións co seu esconxuro e receita, canda ás ferramentas necesarias para a súa realización. “No presente esta singular bebida é consumida despois de banquetes e reunións, converténdose en sinal de galeguidade tanto para os galegos como para so que coñecen esta práctica sen selo”, explica Reboredo. “A queimada está xa incorporada á nosa tradición cultural malia a súa xuventude”.


A adaptación da queimada

Nos últimos tempos vimos novas adaptacións da preparación aos tempos que corren. Temos, por exemplo, a presenza desta beberaxe en distintos actos políticos. Queimadas a escala industrial, nas que se empregan milleiros de litros de augardente, conseguen reunir anualmente un bo feixe de persoas en eventos gastronómicos coma os que se celebran en Monforte e en Cervo. Noutra reviravolta do proceso, a firma naronesa Meigas Fóra ten a venda un completo kit para preparar esta bebida, con cacharros, ingredientes e mesmo un chisqueiro xa incluídos. A bebida representounos en 2005 en Bruxelas, cando nunha representación da aldea de Astérix, ocupou o lugar da coñecida poción máxica. No espectáculo “Meigafesta” que Dj Goro e Dj Christian organizan por grandes discotecas de todo o Estado, está presente unha queimada canda a gogós, luces láser e a versión techno do “Sementar Sementarei” entre outras pezas. Está por ver cara onde evoluciona este fenómeno. ¿Veremos queimadas virtuais? ¿Novos ingredientes? ¿Queimadas-fusión con caipirinhas ou bebidas enerxéticas? Ao final a cuestión será sempre botar un grolo en boa compañía.

Tamén che pode interesar...

Séguenos en

Hoxe en culturagalega.org

Unha xornada sobre as fronteiras políticas abre este punto de encontro entre Galicia e Portugal
O Consello da Cultura bota a andar o ciclo Conversas na raia
A formación presenta o seu terceiro disco con temas tirados da tradición
Fiandola dá Volta e media
Entre as actividades, haberá contacontos, liberación de libros ou exposicións
O Día das Bibliotecas convida a se achegar a estes centros
O programa inclúe 121 exposicións en 32 localidades de Galicia e o Norte de Portugal
A Identidade centra a 32 edición do Outono Fotográfico
A xornada "A publicidade en galego" reflexiona sobre a presenza da nosa lingua nese ámbito
En que fala a publicidade?
O músico leva ao Womex o seu segundo álbum
Daniel Minimalia volta con Arenas de luna
Os adolescentes ocupan varios textos da publicación
Quiosco: Revista Galega de Teatro número 80
O centro Ágora e a Sala Garufa acollen o programa ata o vindeiro día 26
Manicómicos celebra dez anos de festival na Coruña
A exposición estará aberta ao público ata finais de xaneiro de 2015
Antonio Nodar explora o retrato e o autorretrato no MAC
Banda deseñada e música entre os contidos
Quiosco: Croa Magazine, nº 28
Cinegalicia25 fará un percorrido poloo audiovisual dos últimos vintecinco anos
O Gaiás homenaxeará os 25 anos de audiovisual galego
A Feira das Músicas do Mundo abre en Compostela cun grande aforo e un programa intenso
O que nos deixa o Womex
A montaxe mestura títeres, música e traballo de actores
Fantoches Baj presentan Pedro e o lobo
O seu traballo impúxose a máis de 400 obras de todo o mundo no certame parisino
A galega Ana Pérez Ventura gaña o premio Artensión
O interese polo ensino de ámbito cultural medra entre a poboación galega
Máis canteira cultural
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org