culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / A Colección Bourel mantén o testemuño do libro artesán na era de Internet
Noticias
imaxe non dispoñible
Imaxe tema

MANUSCRITOS NO SéCULO XXI

A Colección Bourel mantén o testemuño do libro artesán na era de Internet


31 / 3 / 2008
Santiago. Redacción

Tiraxes de cen exemplares. Impresión artesá ao xeito das primeiras imprentas. Textos escritos a man. Páxinas adornadas con gravados ou con pinturas. A iniciativa da Colección Bourel, que o editor Antonio Piñeiro desenvolven desde Ribeira, supón unha aposta singural no noso panorama cultural.

Foi a mediados de 2004 cando a vila de Ribeira vía nacer a Colección Bourel. Desde aquela, este epígrafe acolle unha decena de títulos de difícil definición nos que se mestura a literatura coa plásticas e que moi poucos coñecen. As tiraxes mínimas, motivadas polos complexos procesos de traballo artesán que están detrás de cada lanzamento colaboran no descoñecemento dun proxecto único no país.
Menos libros, máis libro
Pode semellar paradoxal que unha iniciativa que tira cen exemplares de cada título xurdise como resposta aos problemas de difusión da poesía. “A idea naceu pola dificultade de comercialización da poesía, que é sempre un medio difícil e ten un público ultraminoritario”, explica o editor. “Por unha banda había que axustar a oferta e a mesma proposta poética a ese sentido minoritario para non estragar recursos, esforzos, cartos e papel. Moitos libros de poemas acaban no almacén, así que decidimos reducir as tiraxes”. De xeito simultáneo a esa redución, o proxecto aposta por un enriquecemento do libro. “Decidimos complementar o texto e falamos con artistas”. Deste xeito, gravadores, calígrafos, poetas e mesmo músicos participan nesta curiosa iniciativa. “A idea é que os artistas interveñan directamente nos libros e darlle tamén máis categoría ás obras”. En total medio cento de artistas teñen colaborado e colaboran en distintos volumes deste proxecto. Nomes coma Paola García, Xoán Fernández, Francisco Blanco, Baldo Ramos, Pilar Ageitos ou Manolo Teira son algunhas das sinaturas que podemos atopar nos libros da colección no apartado plástico. Canda a eles, aparecen textos de Xesús Rábade, Ana Romaní, Anxo Angueira ou Helena Villar entre moitos outros.
O libro nas mans
Segundo recoñece Piñeiro, detrás dunha iniciativa tan arriscada está o seu gusto polos libros coma obxectos. “Considero que o libro é tamén un obxecto artístico. Gústame tocalos como quen toca unha xoia e colecciono libros de vellos e edicións raras”, explica. A súa afección levouno mesmo a trascender a faceta de simple editor e a se encargar el mesmo da impresión artesá de parte das obras que publica. “Interésame moito a tipografía. Teño na casa unha estampadora plana e fago tiraxes curtas folla a folla. É un verdadeiro encanto compor as planchas cos seus tipos de chumbo e despois plasmalas no papel”, explica. Este proceso facilita xogos como empregar tintas de diferentes cores nun mesmo texto. Malia a que non todas as obras están completamente compostas empregando este método, si que é habitual atopar a marca en relevo que deixan os tipos na súa impresión en boa parte das páxinas dos diferentes títulos.
Os manuscritos
Se este traballo supón xa unha complexidade engadida aos habituais procesos de edición, debemos pensar que outro dos sinais de identidade da casa é a inclusión nos libros de debuxos e textos manuscritos. Deste xeito é habitual a presenza de gravados de todo tipo (“litografía, punta seca, gravado con ácido ou linogravado”, enumera o editor) e mais da pintura ou do debuxo directo nas páxinas das diferentes obras. Detrás da presenza dos textos manuscritos, Piñeiro recoñece que se acha o seu interese pola caligrafía. “En Occidente témola algo de lado. Na China, India ou Xapón valoran isto nun sentido distinto a nós. Eu quero recuperar este sentido da aprendizaxe pola escrita”, lembra.
Convencendo poetas
“37 poemas por man propia” é o máximo expoñente deste xeito de traballar. O libro, publicado en 2006, recolle textos manuscritos doutros tantos autores ao carón de versións impresas (de novo de xeito artesán) dos mesmos. “As miñas pescudas indican que esta combinación é un caso practicamente único no mundo”, explica Piñeiro. Isto implicou que cada un dos participantes tivese que repetir cen veces o seu texto, e para o editor un desprazamento por todo o país cos mesmos pregos de papel que despois se encadernarían nun cento de volumes. “Foi moi difícil. Tiven que asistir a domicilios, hospitais, tabernas e en calquera sitio onde se puidese atopar o autor. Houbo que insistirlles e pór prazos, co risco de múltiples accidentes. Con que fallase un autor xa se estragaría todo”, explica. Sen esquecer a necesidade de salvagardar as páxinas físicas que ían compor os volumes impresos. Xosé María Álvarez Cáccamo, Salvador García-Bodaño, María do Cebreiro, Sechu Sende, Manuel Seixas, Xulio López Valcárcel ou Xosé Vázquez Pintor foron algúns dos que achegaron a súa man (nunca mellor dito) á proposta. “Ao final houbo sorte e saíu adiante”, completa o editor.
A difusión desde o mínimo
O feito de que as pequenas tiraxes se esgoten de xeito sistematico, e a miúdo a grande velocidade, non é para o editor un problema na difusión do seu traballo. “Non é contraditorio”, explica, “se nos apoiamos nas posibilidades da informática”. Exemplifícao co caso de “Tres contos de guerra”. “A obra liquidouse en tres ou catro días e gustou tanto que despois chegoume xente contándome que o fotocopiara para compartir a súa lectura. Ademais, a difusión do proxecto tamén está garantida polos medios de comunicación”, completa. Deste xeito, Bourel produce volumes individualizados, numerados ou, nalgún caso, identificados individualmente con cadanseu topónimo da área de Ribeira.
O prezo
O rápido esgotamento destas obras non debe sorprendernos se temos en conta que, para alén da súa calidade coma libro en tanto que obxecto, o prezo co que saen á venda é verdadeiramente reducido. Como exemplo, un dos últimos lanzamentos, de Baldo Ramos, con debuxos orixinais, impresión manual e un gravado, non pasa de dez euros en libraría. “Poñemos prezos asequibles para que se poida difundir rapidamente. Todos os artistas que participan no proxecto, de xeito practicamente desinteresado, están de acordo en que se trata de producir cultura”, explica Piñeiro. “Queremos experimentar coa cultura e coa arte, o investimento económico é exclusivamente meu, e renunciamos a calquera tipo de subsidio”, adianta.
As futuras combinacións
Entre os últimos lanzamento de Bourel, está “Monólogo do calígrafo”, de Baldos Ramos, que se presentaba a pasada semana en Compostela con acompañamento musical. Ademais, o sábado 29 de marzo presentouse “Xeografía nocturna”, un libro do catalán Ferran Fernández na que este autor inclúe seis haikus compostos directamente sobre a obra en galego. “Deste xeito o autor pasa a engrosar o pequeno grupo de poetas alófonos que se esforzaron por escribir na nosa lingua”, remarca o editor. Segundo adianta, están en marcha sete novos proxecto creativos que se sumarán ao catálogo da colección. Entre eles, a mestura de escrita con partituras musicais e un curioso experimento no que as letras irán mesturadas coa escultura. “A idea é un libro vivo complementado por un caderno que será o libro material”. Os interesados, mellor que estean atentos se queren facerse cun destes obxectos únicos.

Tamén che pode interesar...

Noutros medios e fontes de información:

Este é un proceso automático. Saber máis
.
, 2008

Hoxe en culturagalega.org

O itinerario percorre os lugares da mocidade do rianxeiro
Presentamos o Roteiro Castelao no Barbanza
A mostra Os adeuses está organizada polo Consello da Cultura e mais o Centro Galego de Artes da Imaxe
As imaxes da emigración chegan á Fundación Barrié
A Fundación Caixa Galicia presentou onte o informe O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia
A crise provoca un descenso do 8,5 por cento nos traballadores do sector cultural
A obra ten guión do galego Ignacio Santos e debuxos de Martín Salvador
O Concello de Catoira publica unha BD sobre o bispo Cresconio
O incendio consumiu os retablos e varios cadros
O lume leva a Capela dos Remedios de Ourense
O cinema e o teatro sálvanse do descenso no consumo de Cultura en Galicia
Observación: As salas resisten
O grupo coruñés gravará un disco durante o mes de agosto
Proyecto Kournikova faise co premio Mans Futuro Pop&Rock 2010
Patrimonio paraliza un novo cortalumes de Medio Rural
Un cortalumes podería ter danado outro petróglifo en Oia
O proxecto pretende xerar emprego e innovar no campo da Cultura
Sesenta colectivos participan na creación do Lalinlab
A iniciativa permite coñecer o aspecto orixinal do monumento en tres dimensións
Comeza o programa de visitas virtuais ao Pórtico da Gloria
Buried chega aos cinemas logo do seu éxito no festival de Sundance
O director galego Rodrigo Cortés estrea o seu último filme en 4.000 salas
O evento contará co apoio da industria, do Concello e mais da Xunta
O Culturgal 2010 celebrarase na Coruña entre o 10 e o 12 de setembro
Reflexionamos sobre a viabilidade dos medios galegos en Internet logo do feche de Vieiros e de Chuza!
Os ocos da comunicación na rede
A organización prepara un Congreso Internacional de Directores de Festivais para a vindeira edición
15.000 visitantes encheron a Mostra de Teatro de Ribadavia
A desaparición dos dous medios pioneiros deixan un importante oco na Internet galega
Fechan Vieiros e Chuza!
imaxe non dispoñible
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
25 Aniversario do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org