culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / Un crear colectivo
Noticias

OS COLECTIVOS SALTAN á REDE PARA REVOLUCIONAR O NOSO PANORAMA CULTURAL

Un crear colectivo


11 / 6 / 2008
Santiago. Redacción

A nova creación galega busca oco na rede e ten nome de colectivo. Mesturar xéneros, crear en conxunto e aproveitar Internet son características que comparten colectivos coma Baleiro, 12 Lúas e Perro Zombie, algunhas das máis recentes propostas culturais galegas. Con estes nomes, un feixe de novos autores ameazan con revolucionar o noso panorama cultural.

Os que máis tempo levan traballando comezaron na altura do mes de abril de 2008. No entanto, xa conseguiron unha difusión das súas actividades impensable sen Internet. Falamos de tres colectivos novos que basean na rede boa parte da súa actividade e que teñen en común o interese polo traballo en colectivo e a tendencia a transgredir as fronteiras dos xéneros.

Baleiro en Compostela
“Baleiro naceu da unión de dúas asociacións universitarias interesadas por unha banda na difusión da arte contemporánea galega e pola outra no aspecto da creación”, explica Víctor Pérez, un dos promotores deste colectivo. Logo de se transformar nunha asociación con todas as da lei con vistas a conseguir máis recursos e poder desenvolver máis actividades, o grupo iniciou o pasado mes de abril o seu traballo. Segundo se definen no seu propio web “pretende ser un centro de conexión entre diferentes propostas no discurso cultural da sociedade contemporánea, un espazo para a libre circulación dos proxectos e as ideas, que tenter recuperar e renovar a vinculación entre a vida do cotián e a cultura”. Nese sentido fan unha proposta de creación colectiva con carácter experimental no que “a propia experimentación é convertida nunha finalidade” e nun proceso no que “prevalecerá a análise das canles de produción e difusión antes que a dos contidos emitidos”. A conexión entre elementos habitualmente afastados e a aposta por abrir os seus proxectos a todas as persoas interesadas son algunhas das propostas básicas encol da creación que fai Baleiro. Todo isto artéllase arredor dun espazo físico e mais dun espazo virtual na rede, o que amosa a importancia que este medio ten para o colectivo.

Maio 08
Mentes o web xa está en marcha, o apoio do Vicerreitorado de Extensión Cultural permitiu que o colectivo conte cun local físico, onda a Faculdade de Filoloxía. Neste mesmo mes comezan as obras de acondicionamento, e agárdase que estea listo para vindeiro o mes de xullo. “Non queriamos agardar a contar con este espazo físico para comezar as actividades, e xa puxemos a andar o ciclo Maio 08”, adianta Víctor. Este proxecto, dividido en varias accións, pretende “facer unha revisión crítica dos acontecementos de maio do 68. Non era un tema que nos atraese de xeito salientable, pero forzámonos a traballar sobre el como unha especie de exercicio para ver onde podiamos chegar, que actividades podiamos facer e como respondía a xente”. O ciclo inclúe a instalación Baixo a praia pladura, que fai unha revisión dos lemas e das imaxes do maio francés no claustro da Faculdade de Xeografía e Historia. Canda a isto, vaise desenvolver o proxecto Puntos e comas, unha proposta de intervención urbana que desenvolve desde maio e que continuará en diferentes puntos da cidade reflexionando sobre o emprego creativo dos muros e dos espazos públicos. Un ciclo de cinema e o número cero da publicación Synusia, centrados tamén no maio do 68 son outras das propostas que se inclúen no ciclo.

Futuros
Entre os proxectos inmediatos do colectivo está a continuación de Synusia. “Non é un fanzine nin a publicación propia de Baleiro. É unha publiación que conta cun equipo propio e fai un proxecto de edición experimental. Xoga co formato e non sempre será en papel nin dixital, vai ir mudando en cada número”, explica Víctor Pérez. Canda a isto, o proxecto vai artellar obradoiros de software libre aproveitando a propia montaxe do seu servidor no novo local. E é que a cuestión das licencias abertas é unha parte fundamental da proposta deste colectivo. “Queremos afondar na aposta pola creación colectiva e trascender a visión superficial que asocia libre e gratuíto. Pretendemos que se poidan recuperar os proxectos que se desenvolvan aquí. Que o que faga unha persoa quede na nosa base de datos e que outra xente poida contactar con eles e proporlles implementacións e derivacións desas obras”, salienta Pérez.

12 Lúas
Tamén co trasfondo de Maio do 68 (lembrado no texto fundacional) e coa aposta decidida por licenzas abertas coma a Creative Commons, nacía o pasado 17 de maio o colectivo 12 Lúas. “É un proxecto que naceu dun grupo de xente que fai poesía en Betanzos”, explícanos Francisco Porto, un dos involucrados nesta iniciativa. “Pensamos en facer algo máis importante e facer algo pola nosa cultura”. Coa sucesiva incorporación doutros creadores, o grupo ampliou o seu campo de acción moito para alén do literario. Segundo explica o seu blog, o colectivo ten como propósito explícito facer “unha nova revolución cultural baseada nas tecnoloxías e na intercomunicación das diferentes artes”. Citan por exemplo a fotografía, a música, o audiovisual e a poesía como propostas que se poden mesturar creando “fotomúsica, fotolírica e fotovideo como novos xéneros”, canda a outras mesturas das distintas artes. Todas estas propostas fanse, como xa comentamos, baixo licenzas Creative Commons. “Permítennos pór os nosos traballos na rede e promocionarnos, con todas as posibilidades de Internet. O Facebook, Twitter, Flickr ou Youtube dannos moitas posibilidades de traballar. Queremos combinar un pouco todas estas propostas e chegar a xente que ao mellor non puido expandir a súa arte, facermolo a través de internet e combinar os nosos traballos para facer algo importante”. As posibilidades na rede están a facilitar que este colectivo, ao igual que Baleiro, poida contar nas súas filas con persoas procedentes de fóra de Galicia interesados en participar nestes procesos creativos. Entre as propostas inmediatas está a posta en marcha do Clube Virtual de Lectura, que pretende aproveitar o messenger para organizar sesións deste tipo, e para o vindeiro mes agáradase que vexa a luz a primeira incursión no audiovisual de 12 Lúas.

Perro Zombie
O audiovisual é tamén o campo principal de acción de Perro Zombie, un colectivo coruñés que se xestou durante o pasado inverno e que presentou publicamente o seu traballo tamén no pasado mes de abril. A proposta xurdiu de Martín Losada e mais Fran Romero, que iniciaron a rodaxe a nivel afeccionado de curtas audiovisuais, coma “Cen zombies por cen euros”, a proposta que inaugurou o traballo deste colectivo. “Puxémola en Internet e aos poucos foi aparecendo xente”, explica Romero. Novas producións e proxeccións en diferentes locais da coruña deron a coñecer o proxecto, que quere “promocionar apoiar e dar oportunidades a novos talentos do campo audiovisual que carezan de medios”. No entanto, as iniciativas de Perro Zombie chegan tamén á fotografía, a pintura, a música e mesmo á banda deseñada. “Pensamos que a banda deseñada e o audiovisual teñen moito que ver, e tamén queremos favorecer a creación nestes campos”, explica Romero, que incide ademais na vertente internauta do proxecto. “Parecénos que Internet é o campo fundamental para se promocionar agora mesmo”. Un foro, un blog e o omnipresente Youtube son parte do arsenal de ferramentas do grupo, que continúa a traballar coa idea de chegar a ser “un centro cultural na cidade”.

É evidente que non son estas as únicas propostas deste tipo que existen no país. Colectivos coma Alg-a ou Escoitar.org levan tempo a traballar en coordenadas semellantes, aproveitando a rede coma base para as súas propostas artísticas. No entanto, a velocidade coa que estas novas propostas están dándose a coñecer e a súa aposta simultánea pola rede, a creación colectiva e o diálogo entre artes amosa unha nidia tendencia entre os novos creadores da nosa cultura. ¿Ata onde callará?

Noutros medios e fontes de información:

Este é un proceso automático. Saber máis

Hoxe en culturagalega.org

O itinerario percorre os lugares da mocidade do rianxeiro
Presentamos o Roteiro Castelao no Barbanza
A mostra Os adeuses está organizada polo Consello da Cultura e mais o Centro Galego de Artes da Imaxe
As imaxes da emigración chegan á Fundación Barrié
A Fundación Caixa Galicia presentou onte o informe O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia
A crise provoca un descenso do 8,5 por cento nos traballadores do sector cultural
A obra ten guión do galego Ignacio Santos e debuxos de Martín Salvador
O Concello de Catoira publica unha BD sobre o bispo Cresconio
O incendio consumiu os retablos e varios cadros
O lume leva a Capela dos Remedios de Ourense
O cinema e o teatro sálvanse do descenso no consumo de Cultura en Galicia
Observación: As salas resisten
O grupo coruñés gravará un disco durante o mes de agosto
Proyecto Kournikova faise co premio Mans Futuro Pop&Rock 2010
Patrimonio paraliza un novo cortalumes de Medio Rural
Un cortalumes podería ter danado outro petróglifo en Oia
O proxecto pretende xerar emprego e innovar no campo da Cultura
Sesenta colectivos participan na creación do Lalinlab
A iniciativa permite coñecer o aspecto orixinal do monumento en tres dimensións
Comeza o programa de visitas virtuais ao Pórtico da Gloria
Buried chega aos cinemas logo do seu éxito no festival de Sundance
O director galego Rodrigo Cortés estrea o seu último filme en 4.000 salas
O evento contará co apoio da industria, do Concello e mais da Xunta
O Culturgal 2010 celebrarase na Coruña entre o 10 e o 12 de setembro
Reflexionamos sobre a viabilidade dos medios galegos en Internet logo do feche de Vieiros e de Chuza!
Os ocos da comunicación na rede
A organización prepara un Congreso Internacional de Directores de Festivais para a vindeira edición
15.000 visitantes encheron a Mostra de Teatro de Ribadavia
A desaparición dos dous medios pioneiros deixan un importante oco na Internet galega
Fechan Vieiros e Chuza!
imaxe non dispoñible
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
25 Aniversario do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org