culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / Poña un escritor na súa mesa (redonda)
Noticias
not_16451.jpg

AS CONFERENCIAS, ARTIGOS, E OUTRAS ENCARGAS COMPLETAN O TRABALLO DE MOITOS AUTORES

Poña un escritor na súa mesa (redonda)


9 / 3 / 2010
Santiago. Redacción

A idea do escritor que vive para a súa arte e gaña a vida unicamente coa escrita está, nos nosos días e no noso país, moi afastada da realidade. Para alén dos autores que manteñen outras ocupacións, moitos narradores e poetas galegos complementan os seus ingresos por dereitos de autor a base de impartir conferencias, obradoiros ou de escribir artigos para os máis diversos medios. Desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega mesmo achegan unha táboa de tarifas mínimas para estas actividades, nun intento de coordinar e profesionalizar estas actividades.

218,6€. Esta é a tarifa mínima que debe cobrar un autor galego por participar nun debate, coloquio, comunicación ou mesa redonda. Cando menos, así o recolle a táboa de honorarios mínimos profesionais de 2009 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), A cifra varía atendendo a cuestións como se a actividade se desenvolve nun centro de ensino, ou se vai retransmitir por radio ou televisión, o que incrementa o orzamento. Sobe tamén o prezo se que prefire unha conferencia ou un relatorio para unhas xornadas específicas (329€, sen dereito de publicación). Segundo explica Cesáreo Sánchez, presidente deste colectivo, “puxemos esta táboa en relación coas outras asociacións de escritores do Estado, que tamén a teñen. Mais ou menos están ao mesmo nivel, aínda que, por exemplo, os honorarios son algo máis baixos que os dos autores cataláns”, explica. Para o colectivo, “isto permite que os organismos oficiais e outras entidades tomen en conta o escritor como un profesional máis. A miúdo temos comentado que, por exemplo, o pregón dunha festa non se ten en conta como actividade remunerada, e iso que é unha tarefa que leva o seu tempo e o seu traballo de documentación e elaboración. E, no entanto, páganse as actividades musicais e os espectáculos”. Nese sentido, Sánchez considera que “para o escritor moitas veces o problema é máis de dignidade profesional que económico”.

Tarefas e tarifas
As propostas da AELG contemplan as máis variadas tarefas para os nosos autores. Deste xeito atopamos traducións, con prezos que van desde os 12 euros aos 35 por cada páxina de 1.800 caracteres. A variación atende ás linguas implicadas (divididas en catro grupos) e ao nivel de dificultade do texto que oscila entre a divulgación como o máis sinxelo e a poesía como o máis complexo. Canda a elas, como non, tarifas para artigos (enciclopedias e semellantes, entre 38 e 82€, colaboracións esporádicas ou urxentes en prensa 137€ por páxina), consultas, informes (con documentación 192€, sen ela 153€), textos para catálogos e programas ou participación en xurados. As propostas abranguen mesmo tarefas de coordinación, presentación, recitais, laudatios (329€) ou mesmo pregóns de festa maior, polo un escritor galego debería cobrar un mínimo de 437.2 euros. Todas as tarifas, no entanto, están suxeitas a variación, atendendo ao tempo de duración da actividade ou, como non, do propio prestixio do autor.

A dignificación
“Os honorarios queren servir de referencia, e non son de cumprimento obrigatorio”, lembra Sánchez. “Hai entidades privadas que non poden pagar as tarifas propostas, e nese sentido funciona máis o pacto entre escritor e contratante”. Segundo el, vanse respectando estas propostas e aos poucos incorpórase á sociedade a idea do escritor como un profesional da cultura. Moi lonxe do papel filantrópico dos escritores da transición e dos inicios da democracia. Segundo lembra Cristina Berg, viúva do escritor Carlos Casares: "sempre que chegaba maio e o Día das Letras Galegas tiñamos que apretar o cinto". Ao escritor reclamábano de sitios de toda a xeografía galega aos que había que chegar en coche e ás veces ficar a durmir, pero ninguén pagaba as conferencias e os desprazamentos. "Con tanto gasto extra custábanos chegar a fin de mes", asegura Berg.

“É importante que se vexa como necesaria a profesionalización do escritor no sentido de que realiza para a sociedade actividades vencelladas á escrita, á cultura, ao idioma ou á divulgación. E este traballo e a dedicación que supón debe estar necesariamente remunerado”. Nese sentido, o presidente da AELG sinala que, canda ás tarefas de divulgación da cultura, “moita xente había de se sorprender da importancia que teñen os escritores do noso país como fornecedores de contidos da industria cultural. O seu traballo pode dar en guións para películas, en textos escritos para o sector turístico, ou en letras para cancisóns, por exemplo”.

Catálogo de actividades
Son moitos os creadores do país que apostan por este tipo de actividades, sexa por gusto ou polas súas posibilidades económicas. Unha boa mostra disto é o catálogo de actividades do programa Letras Vivas, destinado a bibliotecas, centros de ensino e culturais e asociacións. No mesmo achégase unha ampla oferta de actividades culturais, como conferencias, concertos, contacontos, obradoiros e actividades de dinamización, moitas das cales están a cargo de recoñecidos autores. Así atopamos, por exemplo, a Helena Villar, Jacobo Fernández, Alberte Momán, María Xosé Queizán, Marina Mayoral, María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Jaureguizar, Ramón Caride Ogando, Xosé Carlos Caneiro, Xabier Cordal, Xavier Alcalá, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Yolanda Castaño entre outros.

A voz da experiencia
Unha das autoras que máis actividades oferta dentro deste programa é María Xosé Queixán, que achega toda unha serie de conferencias sobre muller e literatura ou figuras históricas da cultura galega entre outros temas. Segundo ela, “é lóxico que estas actividades se paguen, pero eu fágoas porque escribir é comunicar é ao que me dedico e o que me gusta. Ignoro os motivos persoais do resto dos autores, pero paréceme moi importante que toda o mundo poida expor a súa arte e as súas ideas”, explica. A nivel do éxito que ten este tipo de actividades, Queizán sinala que “a verdade é que o pasado ano si que tiven moitas”, dentro do programa Letras Vivas na súa maioría. “Non sempre a recepción é a máis axeitada. Ao lles saír case de balde, hai lugares onde non se preocupar porque haxa público ou de recibir a xente axeitadamente”. A autora valora a experiencia sinalando que “tiven oportunidades de coñecer lugares marabillosos, institutos fantásticos con actividades e unha calidade didáctia e pedagóxica estupenda e tamén ao revés”.

Avances
Tanto mediante este programa como a través da táboa de honorarios da AELG, semella que se están a incrementar, ou cando menos a coordinar mellor, as tarefas deste tipo para os autores. “Moitos organismos consultan os honorarios no web ou chaman por teléfono, e aí vese moita actividade”, explica Sánchez. “Que haxa unha regulamentación neste sentido, implica necesariametne que o escritor é máis respectado e que ten unha referencia á hora de negociar os seus honorarios”. Unha maior profesionalización e coordinación que ha dar, sen dúbida, en melloras para a nosa cultura.

Tamén che pode interesar...

Noutros medios e fontes de información:

Este é un proceso automático. Saber máis

Hoxe en culturagalega.org

Presentáronse máis de 500 traballos
A terceira edición do Festival de Curtametraxes de Bueu bate marcas de participación
A día de hoxe está no Museo Etnolóxico de Ribadavia
O concello de Vigo e a Xunta buscan emprazamentos para o arquivo Llanos
Pasaron de 63.000 a 400.000 euros
A Xunta amplía as axudas aos medios en galego
O certame cumpre quince anos e celébrao cunha exposición fotográfica
A última película de Jorge Coira compite na sección oficial do Festival de Cine de Ourense
Educación enviou unha circular avisando aos docentes que deben acatar a legalidade
A Xunta podería suspender de emprego e soldo a quen non cumpla o decreto
O espazo estará listo en xaneiro de 2011
O Auditorio de Vigo estrearáse cun concerto e sen programación
O Roteiro Fiz Vergara Vilariño explora as paisaxes do poeta samonense
Os versos de Lóuzara
O autor prepara unha serie de viñetas para o IPhone, dispoñible en varios idiomas
O bo momento de José Domingo
O cómic véndese tanto en tendas físicas como na rede por 3.95 euros
A vida do Apóstolo, tamén en banda deseñada
Revisamos os proxectos audiovisuais que recibiron subvención neste 2010
Unha de romanos, e outras historias
O BNG empregará “todos os instrumentos democráticos” se a Xunta toma represalias
Os sindicatos estiman que tres mil docentes non aplicarán o decreto
Galicia é comunidade convidada na Semana Internacional da Moda de Madrid
Abondosa participación galega na 64ª edición da Cibeles Fashion Week
Continuará tamén coa súa actividade editorial
A Nosa Terra manterase na rede despois de desaparecer como semanario impreso
Analizarán as necesidades do Mosteiro de San Salvador e do Museo de Arte Sacra
Cultura destinará 360.000 euros a recuperar o pazo-fortaleza de Tovar
Vaca Films estreará o seu último filme no Festival de Cine de Montreal
Tres producións galegas estarán presentes en San Sebastián
imaxe non dispoñible
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
25 Aniversario do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org