Unha análise exhaustiva da situación das empresas culturais do noso país. Este é, basicamente, o contido de O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia, o volume que presentaba onte a Fundación Caixa Galicia en Compostela. A obra, que conta con colaboracións como as de Eloi Caldeiro, Francisco Campos, Víctor Freixanes, David Barro ou o defunto Xan Bouzada, analiza polo miúdo o panorama do sector cultural no noso país, e sinala cuestións como o incremento de empresas culturais entre 2008 e 2009 (un 3,8% máis). Ao tempo, o informe revela un descenso do 8,5% no número de empregados neste sector desde xaneiro de 2009, ao parecer por mor dos efectos da crise económica.
