culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / A recuperación do millo corvo, en Meiro, é o eixe de toda unha serie de actividades educativas e culturais no Morrazo
Noticias

O RETORNO DO MILLO ESCURO

A recuperación do millo corvo, en Meiro, é o eixe de toda unha serie de actividades educativas e culturais no Morrazo


23 / 3 / 2003
Santiago. Redacción

Recuperar unha variedade case extinta dun cultivo é unha actividade que pode transcender en moito o ámbito puramente ecolóxico. A Asociación Sociocultural, Deportiva e Xuvenil de Meiro (Bueu) está a loitar para que non se perda o millo corvo, e ao mesmo tempo, ensínalles aos escolares da zona os xeitos de traballo e de vida na sociedade tradicional.

Cara a 1618 comezaba a implantarse o cultivo do millo na zona do Morrazo. Ademais do millo que coñecemos actualmente, existía unha variedade menos valorada que se cultivaba en terreos de pouca calidade. Era o millo corvo, así coñecido pola cor escura e o pouco tamaño dos seus grans. Esta planta empregábase como barreira para protexer outros cultivos pola súa resistencia, plantándoa entre as zonas boscosas e as leiras propiamente ditas. Pouco a pouco a variedade máis común do millo foise impondo, e a mellora nas técnicas desbotaron este cultivo ata a súa case total desaparición.



Retorno corvo

Catro séculos despois, o millo corvo rexorde na parroquia de Meiro, en Bueu. En 1997 nacía a Asociación Sociocultural Deportiva e Xuvenil de Meiro, co obxectivo de recuperar a etnografía, gastronomía e cultura do país. Como unha das súas primeiras actividades, hai cinco anos puxo en marcha a iniciativa de recuperar o millo corvo na zona. A súa intención non era tirar rendemento económico da iniciativa, senón aproveitala como eixe dunha serie de actividades educativas, lúdicas e culturais sobre a nosa sociedade tradicional. Deste xeito, comezaron a reconstruír o ciclo completo do millo, desde a preparación do terreo ata a elaboración dos alimentos, buscando a implicación de colexios, empresas e institucións no proxecto, con grande éxito. Os cento vintecinco socios do colectivo contan coa colaboración de escolares e veciños da zona no desenvolvemento das súas actividades.



O ano do millo

Para coñecer os pormenores do cultivo, os membros da asociación recorreron aos máis vellos do lugar, que aínda lembraban cómo e cándo se desenvolvían as diferentes tarefas, e deste xeito reconstruíron o ciclo do millo. Os traballos comezan en abril coa preparación do terreo, dúas leiras cos sonoros nomes de Casalgordo ou Agrosouto, cedidas polos veciños. Logo da estercadura, a comezos de maio empezou a sementeira, coa colaboración dunha parella de bois e cun arado tradicional. Cando as plantas teñen xa uns dez centímetros de altura realízase unha cava, retirando as herbas que medran arredor de cada exemplar. Despois retíranse os milleiros máis medrados para facilitar o crecemento dos demais e durante o verán realízase a rega, limpando carreiros e as canles de rego que están maioritariamente en desuso. Tamén por esta época córtase o pendón (parte superior da planta) para evitar que o vento o tronce. Hai que agardar a outubro para facer a colleita, primeiro realizando a corta e despois facendo os palleiros en que se deixa secar o millo durante unha semana. Despois esfóllase, deixando as mazarocas limpas e lévase ao hórreo, onde quedará grande parte do inverno ata que a comezos de marzo se inicia o debullo, extraendo os grans manualmente e en grupo, como se facía tradicionalmente. Para facer a fariña recórrese, como non, ao Muíño da Presa, dos de toda a vida, que funciona ininterrompidamente durante vintecatro horas. Un día enteiro en que, ademais de fariña, tamén se fai unha boa festa con recuperación e cantigas e historias. Este muíño, tamén de propiedade privada, foi rehabilitado polo concello con fins turísticos, e en 1997 foi amañado por dos membros da asociación co fin de preparalo para moer.



A comer


Logo de ter a fariña iníciase axiña o amasado e a elaboración dos productos que centrarán o encontro anual de degustación do millo corvo. Pan, normal ou con pasas e noces, empanadas, bicas, tortas e bolos do pote son os alimentos máis destacados que se preparan co millo corvo e que se consomen na festa que a asociación organiza a finais de marzo, con grande éxito de público “a xente sorpréndese co sabor e coa cor” sinala Victoria Martínez, presidenta da asociación. Ademais da utilidade alimentaria amosan tamén outras posibilidades do millo, como é a fabricación de xoguetes e de cestos a partir das follas da planta. Na festa cóidase a vertente cultural ademais da gastronómica, e xa é común que se convide un escritor para que faga o pregón. Se en anos anteriores participaron no evento escritores como Vázquez Pintor ou Xavier Castro, no 2003 é Xosé Luís Méndez Ferrín quen lle dá ton literario ao encontro. Neste quinto encontro degustación, que se celebra o trinta de maio, presentarase ao público tamén o segundo número da revista “A lingua do corvo”, unha publicación que recolle artigos sobre arqueoloxía, toponimia, etnografía e obras de creación literaria.



Ensinar polo millo


Durante todo o proceso de cultivo, elaboración de fariña e preparación de alimentos, escolares de todo o Morrazo visitan Meiro para coñecer de cerca este xeito de traballo e mesmo axudar con algunhas tarefas. Desde a asociación realizaron unha unidade didáctica centrada no millo corvo que lles amosa aos alumnos cómo funciona un muíño, as utilidades das diferentes partes do millo na sociedade tradicional, as ferramentas que se empregan en todo o proceso, a utilización de recursos naturais para a actividade humana e mesmo os oficios que existían vinculados a este cultivo. Segundo Victoria Martínez, “intentamos transmitir ese amor pola natureza que había antes e un anaquiño da nosa identidade”.




Os problemas


Non todos comprenden a importancia do labor que desenvolve a asociación de Meiro. É o caso dos xabarís da zona, que estragaron a terceira parte da colleita sen que os métodos empregados pola asociación (tamén tradicionais: levar candeas, pasear cans pola zona) conseguisen escorrentalos. Esta diminución da producción provocou que a asociación tivese que mercarlles millo aos escasos veciños da aldea que aínda o cultivan e diminuír a cantidade de pan que se elabora ao tempo que incrementaban a producción de empanadas, que requiren menos cantidade de masa. Ademais dos xabarís desde a asociación lamentan o escaso apoio recibido desde a Administración, especialmente á hora de tomar medidas para protexer a colleita destes animais. Aínda que desde a asociación se esforzan por autofinanciar cada actividade mediante a venda de camisetas, postais ou da propia revista, e contan co apoio de diferentes comercios e industrias da zona, lamentan a escaseza de subvencións que recibe o seu proxecto, aínda que desde o Concello aseguraron que o seu apoio económico cada ano vai a máis.



Outras actividades

Ademais da recuperación do millo corvo, a A.S.C.D.X. de Meiro desenvolve desde a súa fundación actividades coma un belén tradicional durante o Nadal, obradoiros de receitas populares de Entroido, rutas naturais e culturais polo Morrazo ou magostos. Tamén organizan, a comezos de xuño, o festival folk-rock coñecido como Rural Rock, no que participan grupos da zona interpretando diferentes estilos musicais. En setembro organizan unha concentración de bicicletas e un percorrido polos concellos do Morrazo. E durante todo o ano, actividades como ximnasia, cociña, cursos de poda, ciclos de cine ou obradoiros de cestería, todas elas cun grande éxito de participación.




O millo de mañá


Desde a A.S.C.D.X. de Meiro teñen como principal obxectivo que o recuperación do millo continúe medrando, “a nosa idea é que cada ano vaia a máis a festa”. A medio prazo queren incrementar a producción do millo para conseguir introducilo no mercado durante todo o ano e situalo coma unha materia prima máis á hora de facer productos alimenticios. A maiores, tamén traballan na recuperación da arquitectura popular da zona, e pensan en restaurar hórreos, muíños e casas de labranza.

Tamén che pode interesar...

.
23, 2003
MARZO

Hoxe en culturagalega.org

O certame cumpre quince anos e celébrao cunha exposición fotográfica
A última película de Jorge Coira compite na sección oficial do Festival de Cine de Ourense
Educación enviou unha circular avisando aos docentes que deben acatar a legalidade
A Xunta podería suspender de emprego e soldo a quen non cumpla o decreto
O espazo estará listo en xaneiro de 2011
O Auditorio de Vigo estrearáse cun concerto e sen programación
O Roteiro Fiz Vergara Vilariño explora as paisaxes do poeta samonense
Os versos de Lóuzara
O autor prepara unha serie de viñetas para o IPhone, dispoñible en varios idiomas
O bo momento de José Domingo
O cómic véndese tanto en tendas físicas como na rede por 3.95 euros
A vida do Apóstolo, tamén en banda deseñada
Revisamos os proxectos audiovisuais que recibiron subvención neste 2010
Unha de romanos, e outras historias
O BNG empregará “todos os instrumentos democráticos” se a Xunta toma represalias
Os sindicatos estiman que tres mil docentes non aplicarán o decreto
Galicia é comunidade convidada na Semana Internacional da Moda de Madrid
Abondosa participación galega na 64ª edición da Cibeles Fashion Week
Continuará tamén coa súa actividade editorial
A Nosa Terra manterase na rede despois de desaparecer como semanario impreso
Analizarán as necesidades do Mosteiro de San Salvador e do Museo de Arte Sacra
Cultura destinará 360.000 euros a recuperar o pazo-fortaleza de Tovar
Vaca Films estreará o seu último filme no Festival de Cine de Montreal
Tres producións galegas estarán presentes en San Sebastián
A USC leva a cabo un proxecto de investigación dos depósitos paleolíticos do sur lucense
A campaña de escavacións de Cova Eirós finaliza con 1.300 pezas arqueolóxicas
Santiago acollerá un encontro sobre os diferentes modos de crear cultura
Adaptar a cultura
O curso 2010-2011 comeza o vindeiro 13 de setembro
Centros escolares non elexiron o idioma das materias non troncais
imaxe non dispoñible
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
25 Aniversario do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org