
No disco os músicos divírtense e iso nótase, igual que se nota a man na produción de Carlangas. Na comunicación da discográfica dise que ambos querían facer un disco de rock, "con bandas como Motorhead, Stooges ou Ramones como referentes, pero engadindo caixas de ritmos e sintetizadores". Grande Amore xoga co rock, as caixas de ritmos, os sintetizadores, pon a bailar ás guitarras e volve sacar temas aos que é imposible resistirse quedando quieto, impulsores do movemento corporal. As voces de II foron gravadas por Raúl Pérez en La Mina; tamén el correu a cargo da mestura. O máster foi realizado por Cem Oral en Jammin' Masters. A presentación oficial do disco terá lugar vindeiro día 22 de setembro, na Sala Malatesta de Santiago de Compostela. A falta de máis datas por confirmar xa son públicas as actuacións en Ourense, dentro do OUR Fest o 21 de outubro; o 27 de outubro en Chantada (O Castañazo) para logo iniciar unha xira fóra de Galicia que o levará inicialmente a León (22/12, Sala Espacio Vías); Oviedo (23/12, Sala La Salvaje) e Madrid xa en 2024 ( 22/01).