culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / Xaquín Lorenzo levou os seus coñecementos de etnografía ao cine no documental "O carro e o home"
Noticias

UN CARRO DE PELíCULA

Xaquín Lorenzo levou os seus coñecementos de etnografía ao cine no documental "O carro e o home"


13 / 5 / 2004
Santiago. Redacción

Este ano o día das letras ten un aceno cinematográfico porque o homenaxeado, Xaquín Lorenzo, o Xocas como se lle coñecía en círculos moi reducidos e próximos, foi o inspirador, guionista e principal impulsor dunha película documental titulada "O Carro e o home". As relacións de Xocas cos cineastas Carlos Velo e Antonio Roman e con Augusto Pacheco, fillo do coñecido fotógrafo Xosé Pacheco, serviron de pé para sentar os xermolos do mundo da imaxe en Galicia.

A relación de Xocas co mundo da imaxe foi máis a suma dunha serie de inquietudes cun espléndido resultado que dun camiño trazado e planificado que se frustrou. Por iso, os escárceos co mundo da imaxe de Xaquín Lorenzo foron un complemento máis da súa traxectoria que nunca se afastou do mundo académico nin dos estudos etnográficos. Nese sentido, "O home e o carro" foi o resultado dun traballo ben feito, pero un capítulo dentro da historia do propio Xaquín Lorenzo que supuxo a conxunción de dous factores: Xocas, o guionista, sabía qué contar e Antonio Roman, o director, sabía cómo contalo.

Contar a vida dun carro
Pepe Coira, quen acaba de presentar un libro ("No verán de 1940", Biblos) sobre o documental e o seu guionista, considera que "a película é un exemplo privilexiado das escasas relacións que houbo entre o mundo da cultura académica galega e o mundo do cine". A película tiña como grande acerto o achegamento á vida campesiña cunha dignidade e un rigor que xa avanzara o creador do documental Robert Flaherty en películas como "Nanook: o esquimal (1922)" ou "Os homes de Arán"(1934). Filmes que Antonio Roman coñecía da súa estadía en Madrid.
"O home e o carro" goza do privilexio de saber achegarse á vida no rural a través do carro, un símbolo da cultura material que Xocas tiña ben estudada. Así, os 100 planos que compoñen o documental, achéganse á vida da aldea de Facos (Ourense) e o seu contorno gravándose sen prexuízos, senón de xeito aséptico, a través do ciclo de vida dun carro: da súa construción á súa desaparición. Sendo este carro un pretexto para amosar con absoluta nitidez a malla, o liño... aquelas tarefas da vida cotiá da aldea ourensá.

"A película, apunta Coira, fíxose con medios moi humildes, aproveitando que Antonio Roman tiña a súa propia cámara e unha pequena moviola na súa casa". Cos 48 euros que tiñan de orzamento, Román instalouse na casa de Xocas en Lobeira e alí, segundo ten investigado Coira "mediron moito o número de metros de cinta que gravaban e o número de planos que levaban a laboratorio. A película ten 100 planos e eu imaxino que é así porque non quererían pasar de máis número para levar ao laboratorio porque pode que non tivesen cartos para máis".

A peripecia
"O carro e o home" e "El hombre y el carro" non son a versión en galego e en castelán do mesmo filme, senón que son dúas versións co mesmo material rodado que se produciron en momentos diferentes grazas a unha curiosa anécdota pero con mínimas diferenzas. "El hombre y el carro" rodouse no verán de 1940 e logo sufriu toda unha peripecia que ten que moito que ver coa volta de Roman a Madrid. "Cando regresa, explica Coira, Antonio Román se embarca na elaboración da súa primeira longametraxe e a partir de aí tivo unha carreira meteórica no cine español e fixo que se esquecese do cine documental". Por esta razón, ou por posíbeis dificultades económicas a película non se da por acabada até o ano 1945, que é cando obtén un premio do Sindicato Nacional do Espectáculo. Mais a historia continúa porque, relata Coira "acontece que a continuación a película se dá por desaparecida e, en 1980, Eloi Lozano recupéraa a través dun copión que Roman lle enviara a Xocas". Isto foi o que deu pé a "O carro e o home", que a versión que sonoriza Lozano con textos que le o propio Xaquín Lorenzo. Curiosamente e despois disto nos anos 90 a Filmoteca española localizou unha copia de "El hombre y el carro" da que foi presentada en 1945. Aínda que ambas as dúas versión se fixeron co mesmo material, Coira matiza que a súa diferenza "é a banda sonora, pero minúscula na montaxe".

Con respecto á exhibición da película, Coira non ten proba documental de ningún pase, pero sospeita que si a houbo porque se fixeron vairas copias de laboratorio do documental. De todas maneiras, no ano da súa estrea, 1945, xa existía o NO-DO, e coa obrigatoriedade da súa exhibición xa non había espazo nas salas para exhibir curtametraxes, co que, Coira apunta que debeu ter unha distribución puramente cultural.

As outras inquietudes
Xa na II República, e mesmo con "O carro e o home", houbo unha serie de personaxes que amosaron un interese desmedido polo mundo da imaxe. Foron Carlos Velo, Xosé Suárez, os irmáns Barreiro, os irmáns Lorenzo (Xaquín e Xurxo) e os Pacheco (saga iniciada polo pai Xosé, co seu coñecido arquivo fotográfico en Vigo). Moitos deles eran amigos, e a súa amizade unida ás súas inquietudes, deu lugar a ensaios de linguaxes rupturistas, achegas aos movementos de vangarda europeas (da que a escola alemá da Bauhaus era o principal expoñente).

Tanto as dúas versións do documental, como os ensaios fotográficos dos anos 20 e 30, así como os xogos populares que Xaquín Lourenzo tiña estudado pódense ver nunha mostra que o Museo do Pobo organiza estes días.

Tamén che pode interesar...

.
, 2004

Hoxe en culturagalega.org

O itinerario percorre os lugares da mocidade do rianxeiro
Presentamos o Roteiro Castelao no Barbanza
A mostra Os adeuses está organizada polo Consello da Cultura e mais o Centro Galego de Artes da Imaxe
As imaxes da emigración chegan á Fundación Barrié
A Fundación Caixa Galicia presentou onte o informe O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia
A crise provoca un descenso do 8,5 por cento nos traballadores do sector cultural
A obra ten guión do galego Ignacio Santos e debuxos de Martín Salvador
O Concello de Catoira publica unha BD sobre o bispo Cresconio
O incendio consumiu os retablos e varios cadros
O lume leva a Capela dos Remedios de Ourense
O cinema e o teatro sálvanse do descenso no consumo de Cultura en Galicia
Observación: As salas resisten
O grupo coruñés gravará un disco durante o mes de agosto
Proyecto Kournikova faise co premio Mans Futuro Pop&Rock 2010
Patrimonio paraliza un novo cortalumes de Medio Rural
Un cortalumes podería ter danado outro petróglifo en Oia
O proxecto pretende xerar emprego e innovar no campo da Cultura
Sesenta colectivos participan na creación do Lalinlab
A iniciativa permite coñecer o aspecto orixinal do monumento en tres dimensións
Comeza o programa de visitas virtuais ao Pórtico da Gloria
Buried chega aos cinemas logo do seu éxito no festival de Sundance
O director galego Rodrigo Cortés estrea o seu último filme en 4.000 salas
O evento contará co apoio da industria, do Concello e mais da Xunta
O Culturgal 2010 celebrarase na Coruña entre o 10 e o 12 de setembro
Reflexionamos sobre a viabilidade dos medios galegos en Internet logo do feche de Vieiros e de Chuza!
Os ocos da comunicación na rede
A organización prepara un Congreso Internacional de Directores de Festivais para a vindeira edición
15.000 visitantes encheron a Mostra de Teatro de Ribadavia
A desaparición dos dous medios pioneiros deixan un importante oco na Internet galega
Fechan Vieiros e Chuza!
imaxe non dispoñible
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
25 Aniversario do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org