culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / O campamento romano de Aquis Querquennis fica mergullado baixo un embalse durante varios meses ao ano
Noticias

O CAMPAMENTO INTERMITENTE

O campamento romano de Aquis Querquennis fica mergullado baixo un embalse durante varios meses ao ano


30 / 7 / 2004
Santiago. Redacción

En Bande hai un campamento romano que aparece e desaparece. É Aquis Querquennis, a base militar dunha lexión romana no Concello de Bande que, durante algúns meses ao ano, queda mergullado pola suba do embalse hidroeléctrico das Conchas. Cando o volume do embalse baixa no verán, arqueólogos e turistas comezan a exploración do campamento romano máis grande de Galicia. Na actualidade, Aquis Querquennis conta cun centro de interpretación que explica o recinto e a vía romana ao carón da que naceu.

Ata hai ben poucos anos, os cimentos das estradas que comunicaban Galicia coa Meseta eran romanos. A civilización romana fíxose nos camiños: as coidadas e intelixentes vías que fixeron os conquistadores facilitaban o comercio e a extracción de recursos das zonas conquistadas. Galicia non foi allea á enxeñaría romana. Aí aparece Aquis Querquennis, un campamento romano ao carón da Vía XVIII, tamén chamada Vía Nova, que fica mergullado baixo o embalse das Conchas varios meses ao ano. Pero comecemos polo principio.

Décimo Xuño Bruto e os seus lexionarios cruzaron o río Limia no ano 138 a.C. A partir dese momento, diversas expedicións militares romanas pretenderon a conquista das tribos do norte da Península. Deste xeito, Octavio Augusto emprende o ataque final no ano 29 a.C. cun gran despregue de tropas. Os últimos guerreiros suicídanse no monte Medulio e comeza plenamente a romanización de Gallaecia. Un dos primeiro signos: a creación de campamentos militares estábeis que controlan os últimos focos de rebelión e camiños para comunicar os novos asentamentos imperiais. As lexións tamén asumían a vixilancia e a seguridade nas vías. En Galicia, a localización deste camiños é controvertida. Hai un manual sobre o terreo, o Itinerario de Antonino, unha especie de guía de estradas comezada a escribir nos tempos do emperador Caracalla (a partir do 212 d.C.) e continuamente actualizada durante os seguintes séculos de existencia do Imperio que provoca as elucubracións dos historiadores e afeccionados. Non pasou o mesmo coa vía XVIII do Itinerario, que comunicaba Brácara con Astúrica Augusta (Braga-Astorga), dúas das tres capitais da Galicia romana. O Itinerario explica que, a 53 millas de Braga atópase a parada de Aquis Querquennis, e que contaba cunha mansión e estación balneario da época. Un miliario –unha sinalización da época en forma de columna gravada- que se atopou nas proximidades do xacemento permitiulle dar nome a esta xoia arqueolóxica: Aquis Querquennos, ou o que é o mesmo, Augas dos Quaequernos, unha zona de augas termais da tribo do mesmo nome.

A estrutura do xacemento
¿De que consta o xacemento? Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo e director do grupo Larouco, que leva moitos anos investigando sobre o depósito, describe a situación: “hai un campamento militar romano e unha mansión viaria, con baños termais e unha pequena cidade ao carón”. O campamento militar estivo activo entre o 75 a.C. e o 30 d.C. e despois foi abandonado. Pero a mansión viaria, é dicir, a pousada oficial da época para viaxeiros e cambio de cabalgaduras, e a poboación que xurdiu ao seu redor sobreviviron ata a época medieval.

500 lexionarios romanos controlaban un amplo e rico territorio dende Aquis Querquennis, e posibelmente pertencían á lexión que tiña encomendado o control da Gallaecia, a Legio VII Gemina, aínda que se descoñece se era o corpo central da unidade, formada por cidadáns romanos, ou unha compañía auxiliar. Segundo Rodríguez Colmenero, “foron os enxeñeiros desta unidade os que con probabilidade deseñaron a vía romana”. Colmenero coñece en profundidade a configuración da Vía XVIII e presentará en outono, xunto con outros dous investigadores do Grupo Arqueolóxico Larouco, Santiago Ferrer e Rubén Álvarez, unha amplísima publicación sobre os miliarios e outras inscricións da Gallaecia romana no Consello da Cultura Galega.

Tres campos de fútbol
O campamento romano está moi pouco alterado e conta cunhas impresionantes dimensións de dúas hectáreas e media (máis de tres campos de fútbol). Aínda está por escavar máis da metade da superficie total do recinto, pero coñécese como será a estrutura do que aínda está baixo terra, xa que a edificación dos campamentos militares romanos era sempre moi similar e coñécese á perfección. Segundo Rodríguez Colmenero, “as estruturas son magníficas, das mellores aparecidas por aquela época. As portas do campamento eran monumentais”. O recinto militar deu de si nas escavacións importantes restos, coma o resto dunha estatua dun emperador en bronce dourado ou cerámicas de importación moi relevantes.

O campamento pasa baixo a auga unha parte relevante do ano, aínda que varía en función do caudal co que conte o embalse das Conchas, pertencente a Unión Fenosa. Deste xeito, este ano só estivo un mes mergullado, aínda que ten pasado nalgún momento cinco meses nas profundidades acuáticas. Segundo Rodríguez Colmenero, esta circunstancia é máis positiva que negativa para o xacemento, xa que: “a auga protexe a escavación e mantén unha temperatura constante no recinto, o cal é clave para consolidar as estruturas”. A 200 metros do campamento atópase un centro de interpretación, aínda en fase de construción, no que se explica a Vía Nova e que, proximamente, albergará na primeira planta un museo cos achados atopados no campamento.

A mansión viaria non ten veleidades subacuáticas, pola contra. Pero conta cun valor excepcional. Estas pousadas distribuíanse ao longo da vía separadas por unha distancia equivalente ao que podía ser percorrida nun día polos viaxeiros. A mansión viaria de Aquis Querquennis era de luxo: contaba con instalacións termais para lecer de soldados e viaxeiros. Nela atopáronse moitas fíbulas –prendedores de capa- e moedas.

En breve comezará unha nova campaña de escavación en Aquis Querquennis. Os seus achados servirán para achegar unha visión máis completa dos primeiros tempos da invasión romana. Mentres, podemos achegarnos ata a Vía Nova e viaxar na máquina do tempo ata unha época na que as aventuras se facían a pé.

Tamén che pode interesar...

.
, 2004

Hoxe en culturagalega.org

O itinerario percorre os lugares da mocidade do rianxeiro
Presentamos o Roteiro Castelao no Barbanza
A mostra Os adeuses está organizada polo Consello da Cultura e mais o Centro Galego de Artes da Imaxe
As imaxes da emigración chegan á Fundación Barrié
A Fundación Caixa Galicia presentou onte o informe O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia
A crise provoca un descenso do 8,5 por cento nos traballadores do sector cultural
A obra ten guión do galego Ignacio Santos e debuxos de Martín Salvador
O Concello de Catoira publica unha BD sobre o bispo Cresconio
O incendio consumiu os retablos e varios cadros
O lume leva a Capela dos Remedios de Ourense
O cinema e o teatro sálvanse do descenso no consumo de Cultura en Galicia
Observación: As salas resisten
O grupo coruñés gravará un disco durante o mes de agosto
Proyecto Kournikova faise co premio Mans Futuro Pop&Rock 2010
Patrimonio paraliza un novo cortalumes de Medio Rural
Un cortalumes podería ter danado outro petróglifo en Oia
O proxecto pretende xerar emprego e innovar no campo da Cultura
Sesenta colectivos participan na creación do Lalinlab
A iniciativa permite coñecer o aspecto orixinal do monumento en tres dimensións
Comeza o programa de visitas virtuais ao Pórtico da Gloria
Buried chega aos cinemas logo do seu éxito no festival de Sundance
O director galego Rodrigo Cortés estrea o seu último filme en 4.000 salas
O evento contará co apoio da industria, do Concello e mais da Xunta
O Culturgal 2010 celebrarase na Coruña entre o 10 e o 12 de setembro
Reflexionamos sobre a viabilidade dos medios galegos en Internet logo do feche de Vieiros e de Chuza!
Os ocos da comunicación na rede
A organización prepara un Congreso Internacional de Directores de Festivais para a vindeira edición
15.000 visitantes encheron a Mostra de Teatro de Ribadavia
A desaparición dos dous medios pioneiros deixan un importante oco na Internet galega
Fechan Vieiros e Chuza!
imaxe non dispoñible
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
25 Aniversario do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org