culturagalega.org
culturagalega.org

inicio / noticias / A invasión dos Bolechas
Noticias

A INVASIóN DOS BOLECHAS

A serie infantil "Os Bolechas" convértese na revelación editorial dos últimos anos e finca os seus personaxes na nosa realidade cultural


5 / 4 / 2006
Santiago. Redacción

Son os protagonistas da máis nutrida serie da nosa literatura infantil. Contan cunha lexión de seguidores entre os máis pequenos sen teren máis soporte que o libro ilustrado. Cada vez tocan máis ámbitos e visitan máis lugares da nosa xeografía. Ata comezan a ter, cousa rara no noso país, os seus propios obxectos de mercadotecnia asociados. Son Os Bolechas, un auténtico fenómeno cultural.

Hai case cen títulos que recollen dun ou doutro xeito, as aventuras dos Bolechas. Cada novo lanzamento consigue unha rápida aceptación do público máis novo ata o punto de conseguir converterse en todo un fenómeno social entre os galegos máis novos sen contar apenas con apoios publicitarios. Por vez primeira no noso país, personaxes que parten dos libros para nenos conseguen os seus propios obxectos de mercadotecnia, chegan fóra das nosas fronteiras e ameazan aínda con continuar unha sorprendente expansión que arrincou hai só cinco anos.

A orixe
Todo comezou como unha iniciativa do prolífico Pepe Carreiro. "Foi un proxecto que presentei eu en A Nosa Terra", explica o autor. "Quería facer unha serie con personaxes fixos e co único fin de divertir os primeiros lectores. Ademais, quería fuxir de fantasías e de leccións morais, a idea era só que pasasen un bo momento a ler o libro e que as aventuras fosen as que teñen os nenos todos os días coas billas, as camas ou no parque". Unha familia de seis irmáns, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá, canda ao cadelo Chispa, foron os protagonistas desta iniciativa, que axiña conseguiu unha boa aceptación entre os máis novos. Desde o primeiro "Os Bolechas fan maxia" do ano 2000, os irmáns teñen feito actividades tan variadas como lavar o can, mercar roupa, ir de excusión, de pesca, ao médico, ao supermercado, á praia, á aldea, ao circo, ao cine e á piscina. Carreiro meteu os irmáns nun parque de atraccións, en ascensor e en caravana, nun festival e mesmo nunha hamburguesaría. Tamén fixeron un carro, xogaron co computador, ás agochadas, ao baloncesto, perderon o can, namoraron, rifaron, fixeron pis e realizaron aínda un bo lote de actividades máis nun total de trinta e dous títulos da colección principal.

Éxito e ritmos
"Teñen moi boa acollida. Aínda hai pouco estiven en Santiago e quedei sorprendido pola cantidade de nenos que viñeron para que lles asinase os libros", apunta o autor. "Con outros traballos ves que son os pais os que din que gusta, pero aquí ves que son os propios nenos os que saben os nomes dos personaxes, que lles gustan e que mesmo dormen abrazados aos libros. Ata hai rapaces que non saben ler pero que os coñecen porque os pais lles contan as historias". Cada unha destas obras, feitas a bo ritmo, lévalle a Carreiro uns dez días. De calquera xeito, desde o pasado ano recoñece que conta cun colaborador para lle dar cor aos volumes e manter o ritmo de edición. Este traballo frenético permitiu botar a andar "Os Bolechas queren saber...", unha colección que ten un enfoque máis didáctico. "Máis do que contar unha aventura trátase de amosar como funcionan as cousas", di Carreiro. Deste xeito, os irmáns xa teñen explicado o aire, a auga, a enerxía, o lixo, o solo, un castro, ou como funciona un parque de bombeiros, a policía local ou un acuario a través desta colección paralela, que xa rolda os quince títulos. Por se fose pouco, hai aínda a serie "Os Bolechas descobren a natureza" con títulos coma "A carballeira", "A lagoa", "A marisma" ou "O río". Tamén existe a serie de tres tomos "Os bolechas coidamos a..." destinada á educación ambiental dentro do proxecto Axenda 21 escolar.

Viaxes
Non contentos aínda con tanto traballo, estes personaxes decidiron visitar un bo lote de localidades do noso país na colección "Os Bolechas van de viaxe" que xa chegou aos 14 títulos. "Esta serie foi unha idea da editorial, que quería poñelos a viaxar por cidades e vilas e aproveitar o patrocinio dos concellos", recoñece o autor. "Eu ao principio non tiña moi clara a idea, pensaba en metelos nun tren turístico e pasealos polas cidades, pero ao final optei por facer unha aventura calquera que se desenvolvese nun lugar concreto". O álbum "Buscando a Linda en Pontevedra" abría as aventuras locais dos Bolechas, que teñen visitado xa Lugo, Amaía, Poio, Ferrol, Porriño, Redondela (onde coñeceron a célebre Coca), Baiona, Ortigueira (no festival celta, como non), Gondomar, Tomiño, Muros e Nigrán. Aínda neste 2006 tiveron xa tempo para coñecer a festa da Reconquista en Vigo, o Río Lérez en Pontevedra (dentro da campaña "Puro Lérez" de rexeneración do curso) e, neste mesmo abril, Compostela. "Ao final de cada libro van reproducidas as ilustracións cos nomes das prazas e das rúas que saen no libro, para que os nenos as identifiquen e algúns ata encontran a súa casa", recoñece o autor. A iniciativa de facer cada un destes álbums alterna entre a propia editorial e os diferentes concellos, segundo recoñece o autor. "Ou ben a editorial visita o concello e lle propón un álbum ou ben é o concello que o solicita. Por exemplo no caso de Muros foi que me achegara eu a dar unha charla e o concelleiro díxome que a ver cando ían os Bolechas por alí, púxose en contacto coa editorial, e de aí saíu o libro".

Cifras de edición
A tiraxe mínima dun título dos Bolechas é, segundo aseguran desde a editora, tres mil exemplares, e o máis habitual son edicións de entre cinco mil e sete mil, sen contar con edicións patrocinadas da serie das viaxes. "Aí xa depende de como fose o acordo e de cantos queira tirar o concello", sinala Carreiro. "Por exemplo para o libro sobre a Reconquista de Vigo fixéronse uns quince mil porque querían repartilo de xeito masivo. Logo de cada un dos títulos patrocinados, que se fan para o concello en capa branda, a editora fai pola súa conta unha edición en capa dura que incorpora á colección e que pon á venda". Ademais do que se publica en Galicia, a serie xa ten chegado a Portugal co título de "Os Bochechas". "Fíxose unha venda de vinte e catro títulos con tres mil exemplares cada un, o que supón 72.000 exemplares o pasado ano", explica Pepe Puga, de A Nosa Terra. "Agora quérennos facer outra compra igual". O éxito destes irmáns no país veciño é tal que o propio Ministerio de Educación e a Secretaría de Medio Ambiente fixeron unha edición dos libros sobre a natureza como material recomendado nas aulas e desenvolveron a partir deles un proxecto de educación ambiental. Tamén no Concello de Vigo levan empregando estes personaxes para as súas campañas de educación viaria desde hai xa cinco anos, cuns 30.000 exemplares repartidos de "Os Bolechas van pola rúa".

Produtos relacionados
O éxito destes personaxes está a dar na aparición de máis produtos relacionados con eles. Por unha banda a editora publicaba a finais de 2005 a serie de sete volumes "Eu son..." no que cada un dos personaxes fala dos seus gustos, aspiracións e características particulares. "A idea é que os rapaces aprendan a se recoñecer en galego. Con isto queremos facer unha campaña grande en centros escolares", sinalan desde a editora. Canda a eles, chegaron ás librarías as seis "Historias Animadas", nos que se pode ver os personaxes moverse ao pasar as follas. O público ten a disposición, cos mesmos protagonistas, unha serie de dezaseis cadernos para dar cor, lapis, mochilas e cadernos coa imaxe destes rapaces. Aínda este Nadal a Secretaría Xeral de Política Lingüística repartía 185.000 postais para felicitar as festas entre os escolares do país con eles como motivo. A editora decidiu seguir este camiño e comercializa xa dezaseis modelos de postais para as máis variadas ocasións, e hai lotes con oito convites para festas de aniversario. "O que queremos é normalizar cos Bolechas o que xa hai noutros mercados", destaca Puga.

Plans de invasión
Ante tanta aceptación non nos debe estrañar que exista un proxecto para facer unha versión animada da serie. "Levamos máis dun ano a lle dar voltas a iso. Penso que hai diversas propostas para facelo, pero o máis complicado é o orzamento, unha serie deste tipo é moi cara", sinala o autor. O salto a Internet está tamén nos planes de A Nosa Terra. "Imos facer un portal que se chamará `O mundo dos Bolechas´ onde vai haber xogos, unha especie de enciclopedia, fondos de escritorio, debuxos e mesmo un club", anuncia Puga. Antes que iso, a editora anuncia dúas novas series. "Imos lanzar unha que se chama `Eu cumpro...´ e que vai ir recollendo as diferentes idades. Serán libros onde estes personaxes fan festas de aniversario cos seus amigos, e sairán nun formato máis grande" destaca este editor. "Logo, para alén da edición de viaxes, imos facer outra máis tipo guía na que os irmáns realizan pequenas viaxes de fin de semana e escriben un diario sobre o que fan en cada sitio. Terá dez libros e amosará percorridos máis amplos e con máis información sobre zonas do país como a Ribeira Sacra, a Costa da Morte ou Os Ancares". Un especial sobre os Dereitos do Neno editado co apoio da Vicepresidencia da Xunta e novos exemplares das diferentes coleccións irán completando ao longo do ano este mundo dos Bolechas. Entre o máis inmediato, imos ver novas aventuras en Cangas e en Monforte, e dous novos libros da colección xeral. De calquera xeito, a historia continúa, e desde a editora xa nos adiantan que están a barallar a posibilidade de facer descargas para móbiles con estes personaxes. A invasión só acaba de comezar.

Tamén che pode interesar...

Séguenos en

Hoxe en culturagalega.org

Banda deseñada e música entre os contidos
Quiosco: Croa Magazine, nº 28
Cinegalicia25 fará un percorrido poloo audiovisual dos últimos vintecinco anos
O Gaiás homenaxeará os 25 anos de audiovisual galego
A Feira das Músicas do Mundo abre en Compostela cun grande aforo e un programa intenso
O que nos deixa o Womex
A montaxe mestura títeres, música e traballo de actores
Fantoches Baj presentan Pedro e o lobo
O seu traballo impúxose a máis de 400 obras de todo o mundo no certame parisino
A galega Ana Pérez Ventura gaña o premio Artensión
O interese polo ensino de ámbito cultural medra entre a poboación galega
Máis canteira cultural
Celébrase do 22 ao 26 de outubro
O Freakemazine enche A Coruña de cine fantástico e de terror
Dispón de catálogo en galego e castelán
A Xunta presenta a plataforma de préstamo de libro electrónico
O vivairense impúxose na II Convocatoria de Intervencións Artísticas nestes elementos
Félix Fernández intervirá nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura
A nova compañía estreou a produción do Festival Internacional de Teatro de Ourense
Aporía leva os seus Trinta e tantos ósos a Sevilla
Repasa o vídeo da charla
Trucos de patrocinio
Foron pioneiros do rock progresivo en galego nos anos 70
A banda N.H.U. é recoñecida co galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música
Os datos dos editores galegos apuntan que se mantén a dependencia do mercado escolar
A edición privada en galego baixou un 11 por cento en 2013
Paloma Tarrío e Jose Nuno Martíns son galardoados nunha edición cunha alta presenza feminina
Xulia Vicente leva o Xuventude Crea de banda deseñada
Son dúas producións por encargo do CGAC
O CGAC inaugura as mostras de Cristina Lucas e Rosendo Cid
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
culturagalega.org
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org