31 Dec 2008

piemonte

detrás
a cidade

o comboio
atravesa a paisaxe
xeada

e no horizonte
nace un sol
difuso

piemonte

a quita
coa punta dos
dedos
o bafo do cristal

sécaos
no pantalón

leva o cigarro á boca
zuga o fume frío

afasta a
man
observa
os restos do lume

saca
o isqueiro

igual que nun vello
poema
o recendo do haxix
espállase polo
vagón

acubíllase
no asento
como quen se
protexe
da soidade

ábrese
no fondo
unha porta

péchase

os pasos do
revisor
chegan onda a

o home obsérvao
con suficiencia e
piedade

continúa

24 Dec 2008

Presidentes de Colombia

o mestre apréndelle
o mundo

a foto está feita
de liñas matemáticas e
astronomías

pero o pequeno
s
fai no seu maxín
un mundo de aventuras
e corsarios

a vista dos
mapas

as rutas de navegación

recenden á humidade
das bodegas

á turbulenta calma
dos océanos infindos

raña o cativo
follas con deseños
de horizonte

traza viaxes
imaxinarias
atravesa océanos loita
contra seres marabillosos
namórase das sereas

e aprende tamén
das prantas
e da selva indómita

e a minuciosa lentitude
das clasificacións
para coñecer o mundo
e ser libre

17 Dec 2008

construtivismo

os seus pequenos
botíns
deseñábanse a diario
no po de
corredores
cheos de libros
e arañeiras

construtivismo

naqueles andeis atopou
e gardou coma un
tesouro
o canto do espertar
do difuso irlándés

tiña un cisne
negro na portada
rodeado de nubes
lilas

cos anos
descubriu que
os poetas
cando miran no mundo
ven unha verdade
imperfecta
e por iso
fermosa

na súa memoria
a vella libraría
reloce morna
e pálida

* a imaxe é de joellaflickr e está publicada en flickr baixo licencia creative commons. o traballo de retoque fíxoo matías estévez.

10 Dec 2008

mastaba

furar na pedra

procurar un espazo
limitado

sumar pedra
sobre pedra

mastaba

facer a
argamasa
con lama sagrada
do río eterno

tallar paciente
o poema
da memoria

escoller
os anacos que
encaixen

pechar
o corazón
dentro das
palabras

03 Dec 2008

azagaia

acusado de
herexía

agarda o arquéologo
ulisse aldrovandi
nunha prisión
escura

e ve cos ollos
da memoria
a fiestra da casa da
infancia

os vexetais
que medraban na pedra

os insectos que
habitaban entre o
lique

crávase a punta
da lanza
no corazón do home
e márcalle arbitraria
o seu camiño

un día
retornou á cidade
patria
e creou nela un xardín
público

e impartíu
leccións de botánica

e dende os seres
ínfimos
aprendeu humanismo

e na cátedra fíxose
ancián

e o tempo levouno

azagaia.jpg

e herdou o seu nome
unha pequena pranta acuática

río que deixa
pegada
nas pedras que pole

26 Nov 2008

múrmask

fiestras

idénticas pousan
a ollada no
porto de múrmask
no mar inzado
de cadáveres de barcos

detrás de cada
unha
delas
hai un rostro
unha dor

unha historia
fermosa unha
tristura

un home nu
detrás das cortinas

un descanso
frío unha espera

na paisaxe
as vías
soportan trens
lentos e enferruxados

murmansk

o ruído da
rutina
na fiestra que se
abre

mentres
sobrevoan
as augas xeadas
as gaivotas espreitan
a primavera
a rapinar nos
vertedoiros

de madrugada
de costas
á cidade somnolenta

* a primeira imaxe é de jason koxvold e está publicada en flickr baixo licencia creative commons. a segunda pertence ao arquivo de wikimedia commons

19 Nov 2008

Pergamiño Sharrer

f mercara
un pergamiño

non é doado en pleno
século vinteún

dous pequenos
frascos de tinta unha
pluma

e ao chegar á casa
agardou a que fose
noite

pechouse no seu
estudo

apagou a luz
acendeu unha candea

e comezou a
transcribir
lentamente
os trazos do
orixinal

pergamiño sharrer

e a medida que
copiaba o texto
a melodía das
palabras
fóiselle debuxando no
maxín

ca sabedes que nunca vos falei
de como me matava voss’amor


e ao reproducir
a notación musical
imaxinou melodías
novas

e aquela paixón
antiga
tiña rostro nas
sombras do cuarto

o xesto fermoso
das historias vellas

a beleza do amor
que nunca agrisallou

12 Nov 2008

abruzzo

polas rúas de
chijte
cando o sol da
mañanciña
aínda non quence
escóitanse
os pasos veloces
de s
polo empedrado

o corpo grande
percorre áxil
as rúas encostadas

deslízase
costa abaixo cara ao
aternum

atravesa a
praza do mercado

o camión municipal
da limpeza
rompe no aire
o compás

ao saír
da vila

o son rítmico esvae
nas
ondulacións fértiles

abruzzo.jpg

nos camiños
quedos

ata onde se perde
a vista

as montañas o
río son
un horizonte
innecesario

* a imaxe é de gigi62 e está publicada en flickr baixo licencia creative commons

05 Nov 2008

Iris, Identificación biométrica

situar no escáner
a fotografía duns
ollos

agardar

s nunca esquecería
ese rostro

fixárase na súa
cámara
desafiante e
feble á vez

debullando a paisaxe
da perda

o sol
o deserto
o frío

e durante anos
non houbo nin mesmo
un nome

só a expresión
desolada e
serena

abandonada e firme

e o xesto
case mecánico de
s de
procurala

nos campamentos
de refuxiados
nos poboados de fronteira

escanear

agardar os
resultados

seguir buscando

e cando uns homes
distantes decidiron
invadir novamente aquel
país

s atopou
un novo motivo para
teimar
na súa procura

furgou con
detenemento

miles de miradas
pasaron polo
lector

ata que finalmente
viu acenderse a luz
verde

iris.gif

colleu a
fotografía

aqueles
outros
ollos
mesmos
levaban gravados
coa forza do lume
case vinte anos
de guerras e exilios

e a dor sosegada
de saberse nai
de tres fillos
vivos

s amosoulle a
g
aquela foto
pretérita

e ela recoñeceuse
no desafío

arrincou a portada
da revista

e cravouna na parede
da súa casa de lama

05 Nov 2008

msnm

na pantalla
nace
aos poucos
a imaxe satelital

o canón
proxéctaa en
simultáneo
contra a cal
do muro

vai debuxando
liña a liña
o fondo
cubrindo de

trazos

claves

relevos

un ton define
coñecido
un espazo
incerto

e o ollo declara
unha paisaxe

un contorno

alguén mira
na parede
o lugar no que
alguén
(outro alleo próximo)
habita

o río
liña azul convencional
sinala o límite

h colle un rotulador
e comeza a seguir
na parede
os bordos

msnm

guías

códigos

distancias

marcas

nomes

cando o mapa
está rematado
apaga o ordenador

a arquitectura
no muro
é o que permanece