|



|
O primeiro disco
do trío Trasmundi, Raianos (Clave
Records, 2001) poderíase definir como folk clásico, tendo en
conta a pureza dos seus timbres e o achegamento a unha instrumentación
moi limpa de brillos acústicos, ademais da formación clásica dos
compoñentes.
Raianos é un
disco para escoitar, un proxecto conxunto deste tres músicos que
apostaron por esta idea global na que están interrelacionadas tamén
a maquetación, as ilustracións, fotografías e os textos. As composicións,
arranxos e producción artística son tamén un traballo conxunto da
formación. O grupo Trasmundi constitúese no ano 1998 coa unión de
Moisés Quintas, Rosa Gayoso e Xosé Manuel Fernández. Rosa canta
ademais de tocar o violín e a zanfona, intérprete de formación clásica
ten colaborado con formacións folk como Liorna, ademais de participar
na gravación do disco Santiago dos Chieftains. No acordeón, no piano
e o cargo dos teclados Xosé Manuel Fernández, que foi membro do
grupo Arco da Vella moitos anos, colaborando tamén con outras formacións
clásicas e grupos de folk . O terceiro elemento de Trasmundi é Moisés
Quintas, que tamén formou part de Arco da Vella ademais de colaborar
con formacións como Xeque Mate (actualmente Camerata Meiga).
A aposta polo
sentido clásico da escoita musical que Trasmundi fan en Raianos
ten tamén unha implicación na actual tendencia de recuperación da
música tradicional e non pode ser entendido sen ter a esta en conta.
A variedade instrumental do disco, con gaita, frautas, violín, zanfona,
acordeón, e percusións, contribúe a este ton tradicional que, como
eles recoñecen, "vai paralelo" ás súas vidas e "xa está moi presente
á hora de compoñer", dando pé a multitude de ritmos tradicionais
de polcas, nanas ou alalás, mesturados co virtuosismo musical máis
clásico. O disco, gravado e mesturado en ELKAR entre abril e maio
de 1999, está producido por Jean Phocas e conta coas colaboracións
de Rafa Cachafeiro no violín, Ton Risco na batería e percusión e
David Cid no baixo.
O disco inclúe
un texto xustificativo no que vai pasando por todos os nomes das
cancións establecendo un fío conductor que fai da idea de Raianos
un discurso completo: "Éche certo que os galegos temos un espírito
ou alma universal..., trasmundana. Seica un día, por mor dun meigallo,
unha tarabela espantou o noso pensamento e espallouno polo
mundo. Para algúns foi unha viaxe de ida e volta, unha dor
xorda esquecida nas bagoas dun churumbele. Mais moitos
non voltaron. A súa velocidade de escape non chegou dabondo
para fuxir daqueles mundos e regresar entre nós. Outros permanecen
superpostos dacabalo de dous mundos, na percura dun novo meigallo
que lles permita volver lembrando unha nana esquecida nos
seu pensamentos infantís. Son almas que desexan atopar na noite
limpa e escura o camiño de estrelas que os guíe de volta.
Almas raianas."
+Páxina
web de Trasmundi
|