|



|
En 1993 aparecía
un novo grupo no panorama da música folk e tradicional, eran
Fía na roca e sorprenderon pola súa calidade, o seu
son elegante e os seus arranxos que supuxeron un ar de renovación
na música tradicional de xeito paralelo a outras formacións
do momento como Luar na lubre. A aparición de Fía
na roca foi recibida con excelentes críticas. Sorprendeu
o grupo polo seu estilo que manexaba a tradición como un
elemento máis a combinar coas ideas própias e as máis
diversas influencias da vangarda, o jazz ou mesmo o rock e o funk
. A diversidade de influencias, xunto coa riqueza sonora empregada
nas distintas composicións, constituíu desde o comezo
un dos seus sinais de identidade, conseguindo un resultado final
coherente e con carácter.
No 2001 publicase
o seu terceiro e último disco ata o momento, "Contravento"
(Ceyba Music, 2001), coa colaboración do fotógrafo
Xosé Garrido no apartado gráfico. A súa principal
novidade é a participación da nova cantora galega
Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente
da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos
Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina
e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén
doce pezas, a metade delas saídas da tradición popular
galega e unha máis da tradición portuguesa, as outras
cinco, entre as que está a que da título o album "Contravento",
son composicións própias A discografía desta
formación consta ata o momento de tres traballos. "Fía
na roca" (Corda frouxa música, 1993) foi o seu álbum
de estrea. Con el conseguiron chamar a atención da prestixiosa
cadea británica BBC, que escolleu a súa música
como banda sonora do programa co cal se promoveu o Xacobeo 93 en
toda Europa a través da cadea Eurochannel. En 1997 edítase
o seu segundo traballo "Agardando que pase algo" (Resistencia
1997) no que colaboran co pintor Xoán Guerreiro, que simultaneamente
monta unha exposición itinerante co mesmo título do
disco. Pouco despois desta publicación, a súa música
foi escollida para formar parte dunha selecta compilación
que, baixo o título de Celtic Twilight - Celtic Planet, foi
editada en Estados Unidos e a Unión Europea.
O diario
de Contravento
As incidencias de vida deste recente disco conforman un diario que
garda no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001
por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal
La Opinión. Ademais, con "Contravento", novamente,
o Camiño de Santiago entra en contacto coa música
de Fía na roca, pois unha producción da televisión
xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora
da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O
diário de um mago", na cal relata a pelegrinaxe que
o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago.
Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos
desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras"
e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa
Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de
Contravento, no verán de 2001, coincidíu a formación
galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival
do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron
entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por
Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25
aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por
Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo
un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.
+Páxina
web oficial de Fía na Roca
|