|



|
Grupo folk xurdido
da xuntanza de seis rapaces de Bueu e dous da montaña luguesa
do Incio, Quempallou caracterízase polo espíritu festeiro
e a raiz tradicional, combinando no seu repertorio muiñeiras,
xotas, valses, polcas, pasodobres... A calidade da música
destes mozos valeulles o triunfo no II Certame para grupos folk
noveis convocado pola compostelá Radio Obradoiro, un recoñecemento
que obtiveron por unanimidade do xurado, composto por Anxo G. Pintos
(Berrogüetto), Uxía Pedreira (Chouteira) entre outros
prestixiosos músicos.
Os oito componentes
da banda acompañan o cancioneiro popular -mesmo aportando
innovadores arranxos a cantigas de escarnio- coa composición
orixinal, pero sempre cun marcado obxectivo: a festa. A música
de Quempallou está feita para bailar.
A historia
ata agora
Xuntos desde
a primavera do 99, levan máis de tres anos tocando por Galicia
adiante entre evocadores aturuxos e enerxéticos directos.
Os festivais Folk (Vilariño, Hío, Cangas do Morrazo),
do Marisco (O Grove), "O galego nas ondas" (Compostela),
da Gaita Grileira (Vigo), do Aturuxo (Bueu) son só algúns
dos lugares onde teñen actuado. Pero a proposta musical de
Quempallou chega alén das nosas fronteiras: En Portugal contaron
con eles para a I Juntança de Gaiteiros de Pinhal Novo e
para o II Festival de Música tradicional de Masedo dos Cavaleiros.
E na veciña Asturias, que incorporan tamén como legado
sonoro nas súas gravacións, gañaron o 2º
premio no II Concurso de Música Folk Cuartu los Val.les en
Navelgas, Tinéu.
Teñen
moi claro o que procuran: "tentamos traballar sobre os ritmos
tradicionais galegos conservando a súa frescura orixinal".
Pretenden ante todo que a concurrencia dos seus concertos dance
sen parar, "sexa da idade que sexa". O seu instrumental,
o máis autóctono posible, só se ve sorprendido
pola inclusión dalgún que outro instrumento alleo
pero enriquecedor, como poden ser o mandocello (buzuki), o piano
ou a frauta de bico. Cunha simpática portada do seu primeiro
CD -na que se ve un señor e señora acompañando
un Seat 600... ¡e un elefante!-, Quempallou non perden o humor,
afirmando que "somos un perigo cos instrumentos ó lombo,
e moito máis enriba dun escenario".
O grupo
Quempallou son:
Xoán
Manuel Novas (Mui): Gaitas, coros.
Guillerme Ignácio: Gaita, frautas, percusións, voz
Roi Maceda: Acordeón, coros
Álex Torresquesana: Mandocello, piano, coros
Guillerme Lamosa: Guitarra portuguesa, gaita
Bernardo Pena: Tamboril, percusións, coros
Anxo Novas: Percusión, coros
Xosé Maceda: Bombo, coros
+Letras
e contactos de Quempallou
|