|

|
Quinta
Feira, De seu
A casualidade reuníu en 1997 enriba dun escenario
a Tito maqueira(guitarra), Marcos Seixo (zanfoña e percusións)
e Toño Domínguez (frauta e voz) para dar un concerto
de intención case que anecdótica. A boa comunicación
que acadaron entre eles levounos a comezar a cavilar nun proxecto
de formación musical estable. Aquel día da casualidade
era un xoves, e os músicos decidiron lembrar a casualidade
do encontro dándolle ó seu proxecto o nome do día,
Quinta Feira. Agora, tres anos despois editan o seu primeiro disco
"...de seu" (Sons
Galiza, 2000) .
Letras de
escritores e trobadores
En Quinta Feira
conviven cordialmente o jazz, o rock, a bossa, aires portugueses
e, como non, dende a referencia da música tradicional galega.
Outro
rasgo que tenta
definir ó grupo é a importancia que, pouco a pouco,
cobra a voz na súa producción musical. A metade das
cancións do seu disco son instrumentais, mentres que as letras
das outras cinco baséanse en textos de autores galegos. O
grupo usa versións tanto de autores contemporaneos (Roberto
Blanco Torres, Castelao) coma de trovadores medievais (Xoán
de Cangas, Mendinho, Martín Codax) .
A
presentación do disco "...de seu" fíxose
o pasado 20 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra, co apoio
da Concellalía de Cultura do concello da cidade do Lérez.
O disco foi froito do traballo continuado durante tres anos desta
formación.
A traxectoria
de Quinta Feira centrouse ó redor de concertos intimistas
en pequenos espacios, ademais dos festivais musicais, coma no Certame
de Música Xove San Roque 99 no que acadaron o 1º premio.
A formación
caracterízase por unha vocación didáctica que
se materializou cando, en 1998, fixeron unha xira por centros de
ensino e asociacións culturais. O espectáculo didactico
que presentaron entón, no que se misturaban música
e literatura, facía un percorrido pola historia e cultura
dos trobadores medievais.
|