|



|
A
imaxinación en liberdade
20/06/2001
A poucos meses de cumprírense vinte anos
da súa morte, traemos a esta sección a un xenio da
fabulación. Precursor do realismo máxico, incansable
defensor do idioma, retratista certeiro da sociedade tradicional,
unha dos voces poéticas e narrativas máis destacadas
da nosa literatura. A figura inmensa de Álvaro Cunqueiro
chéganos coa súa propia voz.
As palabras de Don Álvaro proveñen de dúas
entrevistas que foron realizadas cara a 1974, unha delas realizada
exclusivamente en castelán, e que se conservan no Arquivo
Sonoro de Galicia.
Mondoñedo desde o comezo
A vila de Mondoñedo na que naceu o 22 de decembro de 1911
foi un marco que deixaría unha grande pegada en Cunqueiro.
Alí, o Álvaro neno e o Álvaro mozo entrarían
en contacto coa sociedade tradicional e coa natureza do país.
Na botica do seu pai escoitou as historias de moitos dos menciñeiros
e outros personaxes que retrataría máis tarde nas
súas obras. Xa de moi novo Álvaro deu mostras da súa
capacidade fabuladora cando, lía na barbería as noticias
do xornal e introducía nelas elementos fantásticos
que divertían á concorrencia. A figura do neno ficou
desde entón como algo especialmente importante para el, que
gustaba de ver as cousas con estes ollos. .
Estes anos marcaríano para toda a súa
vida. 
A Universidade da vida
Logo de pasar por Lugo para facer o Bacharelato, o Álvaro
mozo chega á Univesidade Compostelá en 1927 Na súa
etapa de universitario entrou en contacto coas vangardas internacionais
e coñece a destacadas figuras das letras galega coma Ánxel
Fole, con quen compartiría unha forte amizade. A atención
de Cunqueiro iría máis cara os libros e as amizades
que cara os estudios de Filosofía e Letras, que non chegaría
a rematar. Aínd ade vello recoñecía a súa
afección a estar cos amigos e coñecer xente .
afianzouse a súa vocación literaria, que o levou a
colaborar en revistas coma "Vallibira", "Nós"
ou "El Pueblo Gallego" e a editar desde Mondoñedo
"Galiza" (1930) e "Papel de Color" .
En 1932 publica "Mar ao Norte", o seu primeiro poemario.
A este seguirían "Poemas do sí e do non"
(1933) outros coma "Cantiga nova que se chama Ribeira"(1933),
que segundo sinalou Torrente, foi escrito en tres ou catro horas
nunha taberna.
Tamén data da universidade a súa implicación
co movemento galeguista, que o levou a participar na campaña
a prol do estatuto e realizar unha activa defensa da lingua galega
para a que desexaba "mil primavera máis" e que
mantería ata os últimos días da súa
vida.
A época escura
A guerra sorpréndeo en Mondoñedo, e pese á
súa adscripción galeguista, xa en 1936 o vemos en
Ortigueira coordinando a edición local de "Era Azul",
xornal de Falange. O seu bo facer levouno a "El Pueblo Gallego",
"Vértice" e, finalmente "ABC". Este último
traballo levaríao a Madrid, onde residiría ata 1947
facéndose moi coñecido coma articulista e literato.
A pesar dos seus acendidos artigos a faver o novo réxime
falanxista, Cunqueiro abandonou o partido único en 1943 e
xa no comezo da guerra sinalaba o seu amor á liberdade nunha
carta a un amigo. Este amor pola liberdade era recalcado cara o
final da súa vida nunha entrevista. .
Onda
este amor pola liberdade, mantíñase unha fonda relixiosidade
que non necesariamente o facía coincidir coa igrexa .
En 1944 un incidente co embaixador de Francia fai que lle retire
o carnet de xornalista, e logo de tres anos colaborando con algunhas
revistas e dedicado a diversas actividades, volta a Mondoñedo,
cidade que idealizada á que se debería semellar calquera
outro lugar onde vivise.
O
retorno
É despois deste seu retorno cando comeza a súa carreira
coma narrador. Logo dun novo libro de poemas "Dona do corpo
delgado", en 1950, publica a súa primeira novela, "Merlin
e familia", que xa apunta o que serán constantes na
obra do escritor: a fabulación desatada, o emprego do anacronismo,
e unha grande dose de humor sempre vencellada a detalles realistas
que daba proximidade ó relato.
Tamén
por esta época comeza a colaborar co xornal santiagués
"La noche" cunha sección titulada "Los días".
En 1956 edita "El caballero, la muerte y el diablo" en
Madrid e "As crónicas do Sochantre", outra creación
fantástica nun intre en que a moda apuntaba pola novela realista
ou social.
A inventiva
"O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca"
(1958), "Las mocedades de Ulises" (1959) ou "Se o
vello Sinbad voltase ás illas" (1960) confírmano
coma un destacado escritor en toda o Estado e coma un dos máis
grandes fabuladores da literatura galega. O seu elevado ritmo de
producción escondía unha inventiva metódica
combinada cunha escrita meteórica.
Un ano antes que o "Sinbad", Cunqueiro editaba o que sería
primeiro volume da súa triloxía máis famosa.
"Escola de menciñeiros" mestura personaxes reais
e imaxinarios e reiventa algúns dos personaxes que o autor
coñeceu de neno. Estes retratos continuarían en "Xente
de aquí e de acolá" (1971) e en "Os outros
feirantes" (1979) ofrecendo, coa súa mestura de fantasía
e realidade, un retrato da sociedade tradicional galega.
O estilo das súas obras traspasa as barreiras do idioma e
empapan as súas obras narrativas en castelán, algunha
das cales, ó parecer, foi traducida do galego. "Un hombre
que se parecía a Orestes" (1969), "Vida y fugas
de Fanto Fantini della Gherardesca" (1972) ou "El año
del cometa"(1974) manteñen o ton épico e humorístico,
tenro e saudoso de toda a obra de D. Álvaro, que pretendía,
a través da fantasía, comprender o home .
Alén
do literario
Paralela á súa carreira carreira literaria,
Cunqueiro continuou na súa faceta xornalística, facéndose
cargo da dirección do "Faro de Vigo" entre 1964
e 1970. Ademais, elaborou varios libros sobre cociña, outra
das súas grandes afeccións e numerosos artigos e reseñas
de todo tipo. Sempre nun contacto directo con persoas de todo tipo
e cunha sinxeleza e afabilidade característica.
.
Despois de ver recompensado seu labor a prol da cultura coa entrada
na Real Academia Galega en 1961 e o recoñecemento unánime
da súa importancia, aínda tivo tempo para interesarse
pola situación política logo da transición
e, xa gravemente enfermo, facer campaña, coma no 36, a prol
do Estatuto de Autonomía. Morría o dí 28 de
febreiro de 1981 deixando a Galicia algo máis orfa de fantasía.
Fondos procedentes
do Arquivo Sonoro de Galicia
Referencias:
MALE-ENT/28* Entrevista por Margarita Ledo Andión e Lois
Diéguez
ANRI-ENT/113 Entrevista por Ignacio Soldevilla e Antón Risco
Cunqueiro,
o mago das palabras (Edición Especial en Culturagalega.org)
|