|


|

Ramón Piñeiro, unha das figuras máis importantes
e á vez máis discutidas do galeguismo. Fundador de Galaxia, responsable
da disolución do Partido Galeguista... Alguén de quen, aínda ó celebrarse
ó décimo aniversario da súa morte se fala e se discute. Pero...
¿quen era Ramón Piñeiro?
As primeiras experiencias co galeguismo
Piñeiro nace en Láncara, Lugo, en 1915. Logo de cursar o Bacharelato
Elemental na capital regresa a Láncara, onde permanecería ata 1930
traballando nas oficinas dun comercio. É nesta época cando ten as
súas primeiras vivencias do galeguismo.
En 1932 volta a Lugo, para estudiar o Bacharelato Superior e ingresa
nas mocidades do Partido Galeguista, onde pronto destacaría pese
á súa
timidez.
A rebelión militar sorpréndeo en Lugo e
durante varios días vive agochado ata que se incorpora a
filas coa súa quinta . Ó rematar a guerra inicia os estudios de
Filosofía na Universidade de Santiago, e desde 1943 participa na
reorganización clandestina do Partido Galeguista, matendo contactos
co exilio e con forzas da oposición. En 1946 é detido e cumpre tres
anos de prisión.
A influencia no Franquismo
Unha vez libre, establécese en Compostela e continua o seu labor
clandestino, influíndo decisivamente na disolución do Partido Galeguista.
Cos seus compañeiros, funda en 1950 a editorial Galaxia, que pretendía
manter viva a lapa da cultura galega nun ambiente hóstil. 
Esta tendencia ó galeguismo cultural en detrimento da loita
política foi causa de que Piñeiro recibise duras críticas,
especialmente por parte de Méndez Ferrín, que o acusou
traidor e mesmo chegou a matar un seu alter ego (Ulm Roan) na novela
Retorno a Tagen Ata.
As teses de Ferrín foron recollidas pola maioría
da esquerda galega do tardofranquismo, que tiñan a Piñeiro
por un anticomunista e
mesmo por un axente da CIA.
A mesa camilla
Durante o franquismo e a transición converteuse nunha figura
fundamental do galeguismo á que acudían as novas xeracións
en busca de consello.
Pola súa mesa camilla pasaron moitos dos que máis
tarde foron líderes de partidos políticos.
A súa obra escrita é escasa, e de ton fundamentalmente
filosófico: Siñificado metafísico da saudade,
A saudade en Rosalía e Pra unha filosofía
da saudade son as máis coñecidas. 
No 67 ingresa na Real Academia Galega, e participa no primeiro Parlamento
da Autonomía como independente nas listas do PSdeG-PSOE.
En 1983 é elexido primeiro presidente do Consello da Cultura
Galega, cargo de desenvolvería ata a súa morte en
1990.
Fondos procedentes
do Arquivo Sonoro de Galicia
Entrevista de A. Mascato a Piñeiro. VIFE--ENT/89
Entrevista de
V. Freixanes a Piñeiro. ANMA-D/45-47-ENT/21
|