Internet Culturagalega.org



 
  ¿MÚSICO?
En RCG podemos pinchar as túas maquetas.
  CCGA
Consello da Cultura Galega


 


NON HAI MÁIS CEGO QUE O QUE NON QUERE VER... NIN OIR

"Veñen de lonxe, ulen a rancio. Son os cantares e romances de cego" Así din no seu recopilatorio de cantares e coplas de cego, Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero.

A capacidade de seducción deste xénero musical non perdeu forza co paso do tempo. No seu momento serviron de entretemento en festas e romerías, vehículo da imaxinería popular para manter vivas historias truculentas de crimes ou aquelas máis picarescas e festeiras.

 

arquivo sonoro
Ricardo Lagares canta o romance de Manuel do Campo.

As xentes reuníanse ó redor dos cantores cegos que, acompañados do son da zanfoña ou tan só coas súas ensaiadas voces, ían espallando as historias máis variadas. Aínda hoxe estas coplas exercen fascinación sobre quen ten a sorte de oílas, coma nós, hoxe , aquí.

Do inmenso traballo de recollida feito por Mini e Mero esta Historia de Manuel do Campo reflicte a variante máis satírica e pícara. Ö longo das coplas cántasenos a historia deste Manuel, o que lle morreron media ducia de mulleres e quixo casar coa súa burra. O inxenio dos versos e a gracia do cantor fan desta peza unha das máis agradables e alegres para a escoita. Seguramente a locuacidade da canción fará innecesaria a maltraña, ou cartelón, que a ilustre visualmente.

 

Fondos procedente do Arquivo Sonoro de Galicia


HISTORIA DE MANUEL DO CAMPO


Poñan atención,
ireilles contando
a vida privada
de Manuel do Campo.

O Manuel do Campo,
como era moi listo,
saliu retratado
nas caixas dos mistros.

O Manuel do campo
cando era pequeño,
a primeira moza
deixouna cun neno.

E cando era novo
foi tunar a Mieres,
regresou prá casa
con sete mulleres.

E manuel decía:
eu que vou facer,
que sete mulleres
n-as poido atender.

E morreulle unha
pero el non ten pena
porque aínda lle queda
a media docena.

Pasou algún tempo
e entre unhas e outras,
de fame e disgustos,
morréronlle todas.

Correuselle a sona
do que lles facía
buscou e buscou
e ninguna o quería.

Non poido vivir
así deste xeito
qu-eu a dormir solo
non estou afeito.

E tiña unha burra
tan feita e tan linda
que a considera
como da familia.

E dixo Manuel:
vou ó señor cura
que si me autoriza
cásome coa burra.

E díxolle o cura:
¡que o demo te vexa!
eu non che autorizo
a burra na iglesia.

Díxolle Manuel:
élle a miña sorte,
si non é na Iglesia
cásenos na corte.

Prepara o pesebre
para a ceremonia
e tés que ir vestido
cunha albarda nova.

Mire, señor cura,
por eso non seña
que non hai casado
que albarda non teña.

E díxolle o cura:
prá cousa ir ben-he
hai que preguntarlle
á burra tamén-he.

E díxolle a burra:
eso si que non,
teño outro máis guapo
na corte de Antón.

Eu ben o conozo
a ese galopín
non creo que sea
máis burro ca min.

E díxolle a burra:
non presumas tanto
si non é tan burro,
tén outros encantos.

Dame un bico, burra,
qu-eu sei que me queres
e non tou disposto
a que me desprecies.

Contestoulle a burra:
ti que eres tan guapo,
bícame se queres,
debaixo do rabo.

E Manuel, celoso
e cheo de furia,
colleu o coitelo
e matou a burra.

Despois de facelo,
botouse a chorar-e
eu á miña burra,
n-a poido olvidar-e.

Contestoulle a burra:
¡tócate o carallo!
o millo, se queres
lévalo no carro.

E a burra, de morta,
regañaba os dentes,
e iba decindo:
¡Adiós meus parentes!

E a burra, de morta,
levantaba o rabo
e botaba flores
pra Manuel do Campo.

Cantos, coplas e romances de cego (I) Recopilación de Mini e Mero


UNHA HISTORIA DE SANGUE E MORTE
Os propios Mini e Mero interpretan este outro cantar, que eles reconstruiron e traduciron a partir dunhas poucas coplas en castelán e que por única vez, foi gravada no transcurso dunhas xornadas do Consello da Cultura Galega. A caída de Manuel Ponte é unha historia apaixoante, un relato épico cheo de acción e aventura situado no marco do comezo da guerra civil. A persecución á que é sometido Manuel Ponte, como se dunha fera se tratara, o acurralamento e o tiroteo, poderían ser imaxes de calquera historia de rebeldía, fuxida, traición e morte.

 

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000