|

A edición do Consello da CulturaGalega



|
A
figura de Alfonso R. Castelao foi revisitada no ano 2000 co gallo
do seu cincuenta cabodano, en tódalas súas vocacións:
creación literaria, xornalismo gráfico, pensamento
político, teatro e producción artística.
O Consello da Cultura Galega participou nesta revisión abrindo
distintos foros e debates. Mesmo considerou axeitado, e facéndoo
coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas,
organizar unha sesión de Contacontos onde a inspiración
de Castelao servise de guía para a improvisación destes
actores que recrearon textos e debuxos do escritor rianxeiro.
A edición está composta polo soporte sonoro que reproduce
o acto gravado en directo no Salon de Actos do Consello da Cultura
Galega e polos textos orixinais que dan pé ó relato
oral.
UNHA
VEZ CHEGOU
[do libro "Contos de Castelao" e na voz de Avelino González]
Unha
vez chegou de fóra un maxistrado e axiña de chegar
apañou a súa derradeira enfermedade. Era fidalgo de
pergameos e quixo morrer valentemente, con tódalas formalidás
do caso. O maxistrado "fixo e ordenou e declarou seu testamento
e súa manda e súa postrimeira vountade, de xeito que
dispois de morrer non podesen xurdir contendas sobre seus bens.
Era un agudo letrado e cos poucos folgos que lle restaban impuxo
á súa dona en curtas iñormas para libertarse
das leises contributivas... Dispois aproveitou o derradeiro alento
nun consello de home asisado.
-
Eu ben quixera repousar cabo dos meus antergos, no noso panteón;
¿pero custaría tanto diñeiro!...Non; mellor
é que me enterren eiquí. Dispois... ¿sabes?,
dispois podes falar co enterrador, en pasando algún tempo,
e por cinco ou dez pesos xa me levas alá.
O
entendemento do maxistrado foi embazándose pouco a pouco
e morreu docemente.
Certa
mañán chegou ó cimenterio unha señora
enloitada e falou co enterrador e dispois dun pequeno regateo o
enterrador díxolle de remate:
-Non
teña coidado, señora. Esta noite veñen co automóbil
e xa terei eu todo ben arrombadiño nunha caixa.
O
enterrador é un home ruín, mestura de verdugo e de
sancristán. Ten cara de chino vello e como está no
segredo de moitas cousas fíxose descreído, perguiceiro,
bulrón.
Aquela
noite dous criados da señora enloitada recolleron de mans
do enterrador unha caixa chea de ósos e con verdadeiro agarimo
foron levados a un panteón lonxano.
Ai,
a viuda do maxistrado coidaba levar os restos do seu home e o que
levou foron os ósos dun probe carabineiro estremeño.
Cousas
do enterrador.
O
RETRATO
[do
libro "Contos de Castelao" e na voz de Candido Pazó]
Por
amaina-la concencia guindei co meu tiduo de médico no fondo
dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa
non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial,
mais unha noite foron requerído-los meus servizos.
Era
domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé
da porta. Doume as “boas noites” e rompeu a chorar,
e por antre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas
que somentes logrou decirme que tiña un fillo a morrer.
O probe pai turraba por min, i eu deixábame
levar, enfeitizado pola súa door. Dispois de todo eu era
médico tiduado e non podía negarme! E tiven tan fortes
anceios de complacelo que sentín xurdir nos meus adentros
unha gran cencia...
Cando chegamos á casa de Melchor
logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento
confeseille que sabía pouco da carreira...
-Repara que fai moitos anos que non
visito enfermos.
I entón Melchor, facendo un esforzo,
díxome quedamente:
-O meu fillo xa non precisa de médicos.
Eu xa sei que o coitado non pasa da noite. E váiseme, señor;
váiseme e non teño ningún retrato seu!
Ai, eu non fora chamado como médico;
eu fora chamado como retratista, e no intre sentín ganas
acedas de botarme a rir.
E por verme ceibe de xeira tan macabra
díxenlle que unha fotografía era mellor que un deseño,
asegureille que de noite poden facerse fotografías, e botando
man de moitos razonamentos logrei que Melchor largase de min a cata
dun fotógrafo.
A cousa quedaba arrombada, e funme durmir
con mil ideas ensarilladas na chola.
Cando estaba prendendo no sono petaron
na miña porta. Era Melchor.
-¡Os fotógrafos din que
non teñen magnesio!
E díxome tremendo de anguria.
A face albeira, e os ollos coma dous tetos de carne vermella de
tanto chorar.
Endexamais fitei a un home tan desfeito
pola door.
Pregaba, pregaba, e collíame
as mans, e turraba por min, e o malpocado decía cousas que
me rachaban as entranas:
-Considérese, señor. Dous
riscos de vostede nun papel e xa poderei ollar sempre a cariña
do meu neno. ¡Non me deixe na escuridade, señor!
¡Quen tería corazón
para negarse! Collín papel e lápiz e alá me
fun con Melchor, disposto a facer un retrato do rapaz moribundo.
Todo estaba quedo e todo estaba calado.
Unha luz cansa alumeaba, en amarelo, dúas facianas arrepiantes
que ventaban a morte. O neno era o centro daquela probeza da materia.
Sen decir ren senteime a dibuxa-lo que
ollaban os meus ollos de terra, e somentes ó cabo de algún
tempo conseguín afacerme ó drama que fitaba e aínda
esquecelo un pouco, para poder traballar afervoado, coma un artista.
E cando o deseño estaba xa no seu punto a voz de Melchor,
agrandada por tanto silenzo, fireume con estas verbas:
-Pola i-alma dos seus difuntos, non
mo retrate así. Non lle poña esa cara tan encoveirada
e tan triste!
Confeso
que ó volver á realidade non soupen que facer, e púxenme
a repasa-las liñas xa feitas do retrato. O silenzo foi esgazado
novamente por Melchor:
-Vostede ben sabe como era o meu rapaciño.
Faga memoria, señor, e dibúxemo rindo.
De súpeto nasceume unha gran idea. Rachei o traballo, ensumín
o meu ollar nun novo papel branco e dibuxei un neno imaxinario.
Inventei un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retablo barroco,
a sorrir.
Entreguei o dibuxo e saín fuxindo,
e no intre de poñe-lo pé na rúa sentín
que choraban dentro da casa. A morte viñera.
Agora Melchor consólase ollando
a miña obra, que está pendurada enriba da cómoda,
e sempre di coa mellor fe do mundo:
-Tiven moitos fillos, pero o máis
bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o
retrato que non minte.
Fondos procedentes do Arquivo Sonoro de Galicia
|