Eduardo María González - Pondal e Abente, de familia fidalga, nace en Ponteceso o día 8 de febreiro de 1835. A súa infancia desenvólvese na casa, xunto a un pequeno peirao que utilizaba a familia para o comercio con América, construídos polo seu pai tras o seu triunfante regreso da Arxentina en 1820.
O poeta é o pequeno de sete irmáns, sendo criado polas mulleres da casa trala morte da súa nai, cando contaba con apenas un ano de idade. Comeza a súa educación coas irmás, que continúa en Vilela de Nemiña, co estudo de gramática, latín e grego na casa do presbítero Cristóbal Lago, cuñado do tío de Pondal. Vivía en Vilela durante o inverno, regresando á súa casa só nas vacacións. O camiño que realizaba a cabalo entre Ponteceso e Muxía serviulle de inspiración para poemas posteriores, recordando os lugares que vía ao seu paso. Destaca neste percorrido a imaxe do Dolmen de Dombate, que o puxo en contacto coa protohistoria de Galicia.
Xa con trece anos o vate vaise a Santiago de Compostela a cursar o bacharelato en filosofía (1848-1854), estudos que remata na casa natal por mor dunha enfermidade. Dous anos antes da marcha á cidade xacobea son fusilados o comandante Solís e os seus homes, feito que conmove a Pondal e o reafirma na busca dunha Galicia libre con identidade histórica propia. No 53 prodúcese a morte de Eduarda Pondal, irmá do poeta e amiga de Rosalía de Castro, cando ambas mulleres enferman de tifo, durante as festas da Barca.
Tras superar as probas do bacharelato regresa a Compostela para realizar a carreira de medicina (1854-1860). Esta etapa ven marcada polo pulo do pensamento liberal e progresista na Universidade. O Bardo comeza a frecuentar o “Liceo de la Juventud”, onde coincide con Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Aurelio Aguirre. Con este último organiza o 02 do 03 de 1856 o Banquete de Conxo, xornada democrática onde universitarios e artesáns compartían unha comida. Aquí realizan os seus brindes poéticos, onde Pondal fala sobre igualdade e liberdade, co pobo galego como tema central. Este acto valeulles o inicio dun proceso xudicial pola Audiencia Provincial da Coruña, quedando libres de ser deportados grazas á oposición do Fiscal de Santiago.
En 1861, participa nos Xogos Florais da Coruña, organizados por Juana de Vega e López Cortón, onde se reúne a intelectualidade galega. Este evento leva a publicación dun libro compilador titulado Álbum de la Caridad, onde se inclúe o primeiro poema en galego de Eduardo Pondal, “A Campana de Anllóns”.
Xa no 63, o poeta de Bergantiños aproba unhas oposicións ao corpo de Sanidade Militar, que o levan a traballar como segundo axudante médico en Trubia (Asturias). Pero solicita un permiso por urxencia familiar, quedando en Galicia para sempre. Alterna estadías en Ponteceso e Compostela, cidade que vai cambiar pola Coruña, onde pasou longas tempadas desde 1885. Aquí participa nos faladoiros denominados a Cova Céltica, con sede na librería La Regional, de Carré Aldao. Neste enclave do movemento rexionalista organizábanse as reunións de intelectuais afíns. A difusión das súas ideas progresistas realizábase a través da Revista Gallega. En 1897 fundan a agrupación da Liga Gallega, buscando dar un paso máis na defensa de Galicia, e erixindo o monumento aos Mártires de Carral en 1904.
Pondal buscaba coa súa obra poética dignificar o idioma galego, cunha fonda preocupación pola súa estética e linguaxe. Crea un modelo literario propio, valéndose do simbolismo, dos clásicos e dos topónimos da terra, cun estilo marcadamente celtista, determinado en parte polo coñecemento de Ossián de McPherson.
En 1877 publica Rumores de los Pinos, con poesías en galego e castelán, que utiliza para o seu seguinte libro, escrito integramente en galego Queixume dos pinos, que ve a luz no ano 1886. Catro anos despois o músico Pascual Veiga pídelle uns versos para presentarse a un concurso á Coruña. Estes serán o poema de “Os Pinos”, cuxas dúas primeiras estrofas son utilizadas para a melodía. En 1907 será estreada a composición na Habana, sendo considerada o Himno de Galicia, que ata 1981 non será legalizado como himno oficial.
Eduardo Pondal morre o 8 de marzo de 1917 no Hotel La Luguesa da Coruña. A súa saúde xa estaba debilitada, cunha cegueira moi avanzada e con problemas psicolóxicos cada vez maiores. O Bardo de Bergantiños morre sen ver publicada a que será a obra da súa vida Os Eoas , iniciada xa nos anos cincuenta, e sendo obxecto dunha obsesiva corrección.