Pechar X
roteiros
Uxío Novoneyra no Courel

O roteiro Uxío Novoneyra lévanos a coñecer a Serra do Courel a través de diversos espazos biográficos e literarios do poeta. O percorrido transcorre polo seu concello natal, Folgoso, achegándose ata Pedrafita do Cebreiro, berce da súa familia materna. Aldeas, castros, montes, soutos, covas ou minas amósannos un contorno privilexiado que nos darán unha clara visión sobre o que foi a vida e a obra dun dos grandes bardos do século XX.

O roteiro foi elaborado por Etnoga coa colaboración e supervisión da familia de Uxío Novoneyra, quen achegou valiosos contidos e suxestións para a configuración do itinerario.

Importante: trátase dun percorrido de alta montaña que tamén referencia algúns elementos subterráneos que poden ter certo risco. Non percorra os devanditos lugares sen o asesoramento previo de especialistas.

[-] puntos de interese
Espazo Literario   Miradoiro do Monte Fedo

O Monte Fedo érguese a máis de 1.400 metros de altitude entre os cumios do Pía Paxaro, a Muralla e Penaboa. O tamén coñecido como Pico do Boi sitúase sobre a aldea de Ferreirós de Arriba. Na actualidade, un miradoiro nas Penas do Fedo onde mora o lobo preside o monte, cunhas excelentes vistas da serra.
Enderezo: Serra do Courel - 27325 Santa María de Folgoso do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Lagoa   Campa e Lagoa da Lucenza

A Campa da Lucenza, situada a uns 1.450 metros de altitude, é un dos puntos da serra desde onde se pode acceder ao Pía Paxaro, ao Formigueiros e á Devesa da Rogueira. Desde a encrucillada que se forma nese lugar tamén se descende ata a Lagoa do mesmo nome. De orixe glaciar, cunha antigüidade que se remonta ao Pleistoceno superior, posúe uns setenta metros de diámetro. A Campa de Lucenza. Meteron unha pista. Eles non saben o que é unha campa sagrada. Herba durísima e entrelazada. E poderás comer algúns arandos. Tumbado e coas mans comendo arandos. Na campa ves un mundo novo cara ó nacenteUxío Novoneyra, 01/07/1998.
Enderezo: Campa da Lucenza - 27320 - Quiroga. Lugo
Castros   Vilar

A aldea de Vilar podería ser na actualidade un deses exemplos de despoboamento do que falaba Novoneyra nos seus poemas, pobos pobres que se foron quedando nos ósos!. Porén, Vilar é tamén exemplo dun núcleo tradicional, rodeado por un gran souto. Xunto a isto, son significativos o a súa capela, dedicada a San Roque e situada nas aforas do lugar, e o seu castro. Cunha curiosa construción en terrazas, dátase entre os séculos II e IV d. C., e posúe unha privilexiada situación a 547 metros sobre o río Lor.
Enderezo: Vilar - 27325 San Vicente de Vilamor - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Santa Eufemia

As terras frías, xabreiras, de Santa Eufemia que Novoneyra nomeaba nun dos seus poemas dos Eidos, conservan parte da esencia dun núcleo rural tradicional de montaña, cun fermoso souto e unha pequena capela. Porén, no contorno da aldea tamén hai unha das maiores louseiras do Courel, aínda en activo.
Enderezo: Santa Eufemia - 27325 Santa María de Folgoso do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Folgoso do Courel

A aldea natal de Novoneyra pertence ao actual concello de Folgoso do Courel, capital municipal desde a posguerra, xa que ata daquela o centro era Seoane. Nove parroquias se extenden en 193 km2, malia que ata 1972 A Seara e Outeiro, entidades de Quiroga, tamén pertencían a Folgoso.
Enderezo: Folgoso do Courel - 27325 Santa María de Folgoso do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Castros   Castro da Torre

Dos castro nomeados por Novoneyra, o de Brío é fácilmente identificable e localizable, malia non estar excavado. Non ocorre o mesmo co da Torre, cuxas primeiras noticias sobre o xacemento datan de 1980, acometéndose nel unha intervención arqueolóxica en 1993. Sitúase no contorno de Sobredo, na estrada que leva a Seceda
Enderezo: Sobredo - 27325 Santa María de Folgoso do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Bosque   O Val das Mouras

Dos moitos soutos que se estenden polo Courel de Novoneyra, un dos máis sorprendentes e descoñecidos é o de Mercurín, que chega desde este lugar ao de Ferrería Vella. Os castiñeiros asentáronse nunha zona na que hai séculos houbo unha gran caverna cuxos teitos, coa erosión, cairon, mentres que algunhas paredes permaneceron en pé. E esas árbores medraron en diferentes alturas entre os restos das rochas calizas das covas. Así, a veciñanza deulle por denominar ao souto como o Val das Mouras, pois tiñan a crenza de que estes seres o habitaban.
Enderezo: Mercurín - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Mercurín e o Castro de Brío

O alto e nevado Castro de Brío que evocaba Novoneyra, sitúase a 1.057 metros de altura entre as aldeas de Paderne e Mercurín, cunha excelente vista sobre a bacía do Río Pequeno. A subida ao mesmo desde Mercurín realízase a través dun fermoso camiño rodeado de soutos e atravesado en inverno por regatos. No lugar, destacan as vivendas de tipoloxía tradicional e a disposición das mesmas, formando estreitas rúas que dan cabida na cima a unha pequena capela.
Enderezo: Mercurín - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Ferrería Nova

Ferrería está a medio do camiño entre Parada e Seoane. O núcleo foi moi importante no século XIX pola instalación dunha ferreiría que se abastacía con materia prima extraída do monte Formigueiros. Xa no século XX, a forxa cesa a súa actividade, converténdose en aserradoiro e central hidroeléctrica. Na actualidade mesmo hai un bar de verán chamado Os Eidos e o grupo escolar no que en 2000 houbo unha lectura de poemas na celebración do ano de pasamento do poeta, no que se lle entregou á viúva o E de escritor, máximo galardón da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Enderezo: Ferrería Nova - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Monólito no Real

No Real, camiño tantas veces nomeado polo poeta no Courel, ergueuse un monólito na súa homenaxe, xusto na encrucillada que leva cara as aldeas de Parada e Moreda. O monumento foi colocado en 2000 pola Asociación de Escritores en Língua Galega, da que o poeta foi presidente, na súa lembranza tras un ano de pasamento. Na gran lousa de granito plasmáronse varios versos de Uxío Novoneyra.
Enderezo: Estrada a Parada - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   A Casa da Fonte

Uxío Novoneyra nace no lugar de Parada, pertencente á parroquia de Seoane do Courel, no seo dunha familia labrega. Vivirá aquí desde novo ata que marcha a estudar, primeiro a Lugo e logo a Madrid, volvendo anos máis tarde. Como dicía o seu curmá Neira Pol A CASA DE UXIO, que el dí que a fixeron os seus antergos á súa maneira, ten un encanto orixinario como poucas; a situación e o entorno son imponentes e máxicos, influindo poderosamente na súa inspiración e na súa alma de poeta, do gran poeta que sin dúbida foi.
Enderezo: Parada s/n - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Capela de San Román

Uxío Novoneyra dicía a finais dos anos 90 que Tamén puxen no libro [Arrodeos e desvíos...] a lenda de San Romao, que é o santo da miña aldea. En efecto, a pequena capela de San Román está pegada a súa casa, a da Fonte, tamén coñecida como do Crego e, ao parecer, os terreos nos que se sitúan foras cedidos para a súa construción polo pai de Uxío.
Enderezo: Parada s/n - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Casa escola de Parada

Á escola da súa aldea natal foi destinado a finais dos anos 40 do século XX o mestre compostelán Roberto Posse Carballido, home da poeta noiesa María Mariño Carou. Trala chegada da parella á aldea, comezou a amizade entre as familias e os escritores. María Mariño, Maruja para a veciñanza, malia a súa pronta morte, deixou unha profunda pegada na vida de Uxío Novoneyra.
Enderezo: Parada s/n - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Moreda

No lugar de Moreda, próximo á aldea natal de Novoneyra, foi mestre o seu cuñado Juan Varela Peteiro, home da súa irmá Elisa. Ademais, a relación de Uxío con este lugar reflíctese nos seus poemas a través de personaxes como Ricardo, monteiro de vella cencia. Ademais, en Moreda está a chamada Aula da Natureza, o centro de interpretación da Devesa da Rogueira, tan nomeada polo poeta.
Enderezo: Moreda - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Céramo e Formigueiros

A aldea de Céramo, en Folgoso, está de camiño, como dicía Novoneyra, de Oencia e León. Dise que o lugar foi mineiro, e que nel houbo unha importante ferraría, malia que, ao parecer, nunca chegou a funcionar. De feito, Céramo está ao nordeste do pico Formigueiros, o máis alto do Courel, onde existíu unha famosa mina de ferro; igual que en Visuña, centro parroquial, onde os recordos da veciñanza non son os da extracción de ferro, senón de antimonio e chumbo.
Enderezo: Céramo - 27325 Santa Eufemia de Visuña - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Devesa da Rogueira

A Rogueira é coma unha cuncha de Santiago que está mirando ó norte. ... é máis un milagre do olfacto ca un milagre da mirada. Acibros, teixos, carballos e árbores sen pólas mestúranse con fervenzas e fontes, tal e como eloxiaba Novoneyra, na Devesa do Rogueira. A devesa é un dos montes máis característicos do Courel e principal reserva biolóxica, cuns tres quilómetros cadrados de bosque primario. Sitúase na vertente norte do monte Formigueiros, con accesos doados desde Moreda e desde o Alto do Couto. Ademais das especies vexetais, atopamos na Rogueira varios sequeiros e mesmo covas.
Enderezo: Moreda - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Seoane do Courel

Seoane do Courel, Savane para moitos, foi o centro administrativo do concello ata que trala Guerra trasládase a Folgoso. Os vínculos de Uxío co lugar son múltiples, desde os seus paseos desde Parada polo camiño do Real; ata a situación do cemiterio no que repousan os restos dos seus pais e da súa amiga María Mariño ou mesmo o recordo en poemas tan duros como o que fala do seu veciño Manoel de Ribadaira, Manuel Cela Macía, paseado aos 21 anos en 1936. Ademais, desde o ano 2000 a pequena rúa que conduce á igrexa leva o nome do poeta do Courel.
Enderezo: Seoane do Courel - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Igrexa de Esperante

A Igrexa de San Pedro de Esperante érguese nun outeiro á beira do río Lor, nunha zona na que este é atravesado por unha ponte do século XVII e outra recente de formigón. Xunto ao templo, conservánse os restos da antiga reitoral, dun pombal e dun sequeiro. A relación do poeta con Esperante coñecémola grazas ao recordo do seu amigo Manuel María, quen nunha estadía con el en Parada foron a pasar o día ao lugar, algo afastado este núcleo da zona na que se ergue solitario o templo parroquial.
Enderezo: Esperante s/n - 27325 San Pedro de Esperante - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo biográfico   Capela de San Roque

O poeta Manuel María, íntimo amigo de Novoneyra, lembra nas súas Conversas cando foi pasar vinte días ao Courel con Uxío e a súa familia. Durante esa estadía, achegáronse ao San Roque de Esperante, tendo que ir á misa antes de comer na casa duns amigos da familia de Uxío. A pequena capela de Esperante, restaurada en 1999, posúe un pórtico de entrada sobre dúas grosas columnas, seguindo a tipoloxía eclesiástica do Courel. No seu sobrio interior, xunto á imaxe de San Roque sitúase a de Santa Bárbara, detrás dun sinxelo altar coroado na cabeceira por un crucifixo.
Enderezo: Esperante s/n - 27325 San Pedro de Esperante - Folgoso do Courel. Lugo
Castelo   Castelo do Carbedo

As ruínas do Castelo do Carbedo, no bico do penedo, érguense nun outeiro no contorno do Monte Cido, dominando a entrada no Courel desde Visuña e León. A fortaleza pertenceu a Nuno Peláez e a súa dona Alda, quen o donaron no ano 1181 á Orde de Santiago. Pero desde o século XVI, o castelo entra en decadencia e é desmantelado. Conta a lenda que nas proximidades do castelo os monxes de Samos refuxiaron ao rei Afonso II o Casto, fillo de Froilán; e que o conde de Lemos se apoderara da fortaleza na que vivía doña Ildara, nomeada por Novoneyra nalgún poema.
Enderezo: O Carbedo s/n - 27325 San Pedro de Esperante - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Monte Cido

O Monte Cido érguese ao sur do Castelo do Carbedo, chegando o seu muro ata Ferrería. No lado norte, un forte declive servía como defensa natural, mentres que no leste, fixéronse tres foxos. Xunto ao primeiro, cara ao interior do castro, situábanse os alicerces dunha torre defensiva coñecida como Torre Cabreira. Así, vemos que a importancia histórica desta paraxe ven dada pola multitude de restos arqueolóxicos que conserva, xunto coa chamada Tessera Hospitalis. Atopada en 1959 e conservada no Museo de Lugo, trátase dunha placa de bronce datada no ano 28 na que hai unha inscrición que pode ser un tratado de amizade entre dúas comunidades.
Enderezo: Monte Cido - 27325 San Pedro de Esperante - Folgoso do Courel. Lugo
Ruinas romanas   Romeor e o túnel romano

Romeor foi o primiero destino no Courel de Roberto Posse, home de María Mariño, en 1946. Pero para Novoneyra, ademais de ser o lugar que propiciou a amizade coa noiesa en Parada, foi un dos núcleos referenciado na súa obra a través de persoa de Ildara, fiadora e cantareira. Xunto a isto, na actualidade a sona do lugar ven dada polo Túnel da Louseira, que formou parte das canalizacións romanas para levar auga ás minas de ouro de Millares e Torubio no século II.
Enderezo: Romeor - 27325 San Pedro de Esperante - Folgoso do Courel. Lugo
Ruinas romanas   Piñeira e a Mina da Toca

A mina de Toca é unha escavación aurífera romana que empregaba a forza da auga do rego de Vilela a través de diversas canalizacións para extraer o ouro. A fenda aberta no monte posúe case 700 metros de lonxitude por 92 de ancho e 40 de profundidade. Un dos mellores accesos a pé pódese facer desde a aldea de Piñeira, na que se conservan moitas vivendas tradicionais de lousas, así como a pequena capela porticada, o lavadoiro e diversas alvarizas.
Enderezo: Piñeira - 27325 Seoane do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Meiraos

Na subida cara ao Monte do Taro Branco sitúase a aldea de Meiraos, lugar de paso cara Teixeira dos catro homes que pasearon e mataron a Manoel de Ribadaira en 1936 e que Novoneyra plasma nun poema corenta anos despois. Ao lado do camiño cara ao Taro, sitúase na actualidade a restaurada escola, unha construción de cachotaría de dous andares. Xunto a escola e ás casas da vila, o máis destacado é a igrexa, situada nas aforas do núcleo. O templo foi un dos máis importantes do Courel, principal da Orde de Santiago, cun curioso retablo no que destacan os relevos con músicos portando tambor, zanfoña e gaita; e con destacadas pinturas murais no presbiterio.
Enderezo: Meiraos - 27325 Santa María de Meiraos - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Taro Branco

O Taro Branco érguese a 1228 metros de altitude. Trátase dun monte con formación de rocha calcárea, con grandes e grosas lousas chamadas por Novoneyra bargos que brillan no monte. Este está situado a medio camiño entre Meiraos e Teixeira. Desde aquí pódese acceder á mina romana da Toca, malia que o camiño máis doado e curto é desde a aldea de Piñeira.
Enderezo: Meiraos - 27325 Santa María de Meiraos - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Teixeira e a Cova da Buraca das Grellas

Un duro poema de Novoneyra fala de como foi paseado un veciño desde Parada dicindo que ao a avistar Teixeira fixeron alto / xunto a cova grande escolleron campo / volteou no aire ó primeiro disparo / houbo logo un segundo un terceiro e un carto / guindárono ó fondo sin rematalo / botaron tras d quot;il seixos e lanchos. Teixeira é a aldea que está máis alta de todo o Courel, lindando con Pedrafita do Cebreiro. En frente da aldea, nunha zona chamada Tarín, sitúase a Cova da Buraca das Grellas, debaixo dun gran prado, que poida que sexa esa cova grande que evocaba Uxío no poema.
Enderezo: Teixeira - 27325 San Pedro de Noceda - Folgoso do Courel. Lugo
Espazo Literario   Lousada

Lousada é unha aldea da parroquia do mesmo nome do concello de Pedrafita do Cebreiro. Ata aquí e até Pacios do Señor, terra natal de Manuela Neira, nai do poeta, dicía Uxío que ía ir. No templo parroquial predominan os estilos barroco e neoclásico e na aldea consérvanse grandes casas de pedra, algunha con galerías e outra con elementos heráldicos e pacegos.
Enderezo: Lousada - 27673 San Vicente de Lousada - Pedrafita do Cebreiro. Lugo
Espazo biográfico   Pacios

Manuela Neira, nai do poeta, era natural do concello de Pedrafita do Cebreiro, en concreto da aldea de Pacios, Pacios do Señor en moitos dos poemas do escritor. O seu tío Uxío, irmá da nai, e a súa cuñada Pura ían ser os padriños do cativo, malia que por mor do repentino pasamento de Uxío, os padriños tiveron que ser outros, levando o pequeno o nome do seu tío. A Casa Grande de Pacios tiña vínculo e morgado fundados no 1696, disfrutando os seus donos de poder civil e criminal no coto. Na actualidade, a edificación está unida á igrexa parroquial de San Lourenzo.
Enderezo: Pacios - 27673 San Lourenzo de Pacios - Pedrafita do Cebreiro. Lugo
Espazo Literario   Pía Paxaro

Formigueiros Montouto Pía-Páxaro tesos cumes do Courel! Así evocaba Uxío Novoneyra nun dos seus poemas aos montes máis altos da serra lucense. O do Pía Paxaro, o segundo máis alto, érguese a 1.607 (1.610 ) metros de altura e desde o seu cumio divísase todo este cordal así coma o dos Cabalos.
Enderezo: Serra do Courel - 27325 Santa María de Folgoso do Courel - Folgoso do Courel. Lugo
[-] itinerario
Sen indicacions
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org